Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 12 de novembro de 2013 Páx. 44126

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO dos criterios interpretativos referidos ao réxime xurídico aplicable a naves-talleres existentes en núcleos rurais do vixente Plan xeral de ordenación urbana.

Criterios interpretativos referidos ao réxime xurídico aplicable a naves-talleres existentes en núcleos rurais do vixente PXOU que conten co símbolo •.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, na sesión que tivo lugar o día 7.10.2013, e de conformidade co ditame da Comisión Permanente de Urbanismo e Medio Ambiente, por unanimidade, adoptou o seguinte acordo:

«(...) Conclusións/criterios interpretativos:

1. Ás naves-talleres-industrias existentes que se sitúen dentro dos núcleos rurais de recente formación delimitados no Plan xeral dentro do solo urbano ou no ámbito da Ordenanza especial da estrada de Ourense (artigo 231 bis do PXOU) aplicaráselles a regulación contida na disposición transitoria primeira, letras b) e c) da LOUG para a clase de solo urbano en que se inclúan, polo que dependerá da condición de soar ou do grao de urbanización efectiva e asumida polo planeamento urbanístico (artigo 12.a) da LOUG) a súa consideración como solo urbano consolidado ou non consolidado, con plena aplicación, segundo corresponda, das ordenanzas municipais vixentes contidas nos artigos 155, 155 bis, 156, 215 bis, 230, 231 e 231 bis, conxugadas co disposto nos artigos 43 e 44 de normativa municipal do plan.

En todo caso, mantense o carácter de edificacións para conservar co réxime de usos pautado polo PXOU e a posibilidade de cambio de uso entre os admisibles.

2. Ás naves-talleres-industrias existentes que se sitúen dentro dos núcleos rurais existentes, de carácter tradicional, e que se pautan no artigo 155 da normativa, aplicaráselles o réxime de solo de núcleo rural da LOUG, cos seguintes criterios:

2.1. De se pretender construír novas edificacións ou substituír as existentes (con
derrubamento da edificación ou nave existente ou transformación ou adaptación, artigo 158 da normativa do PXOU) será admisible calquera dos usos que se prevén na LOUG e no propio PXOU: tanto o residencial característico como os complementarios ou compatibles coa edificación residencial no medio rural e coas necesidades da poboación residente nos ditos núcleos: terciarios, produtivos, turísticos, pequenos talleres, novas tecnoloxías da información, dotacionais, asistenciais e vinculados cos servizos públicos, observando os parámetros, prohibicións e as actuacións incompatibles previstas na LOUG que matizan a regulación do planeamento xeral (artigos 151 e seguintes do PXOU), e sen prexuízo das maiores limitacións deste.

Neste sentido, reitérase a prohibición das naves industriais de calquera tipo (artigo 28.b) da LOUG), así como de edificacións con tipoloxía non acorde co asentamento poboacional en que se proxecten.

2.2. Respecto das naves existentes en núcleo e particularmente das localizacións ou situacións industriais grafadas polo PXOU como naves-talleres-industrias existentes nos núcleos rurais nos planos O-I 1:5000, estas poderán manter o uso autorizado, sen que caiba entender que as naves e edificacións cunha ocupación, volumetría, tipoloxía ou escala impropia do medio rural e desproporcionada para o núcleo, nos parámetros da LOUG e do artigo 158 do PXOU, sigan podendo ser consideradas como edificacións a manter o existente ou dentro de ordenación, senón que quedan sometidas a un réxime asimilado ao propio das edificacións en situación de fóra de ordenación parcial do artigo 103.3 LOUG; admítense tanto os usos de pequenos talleres, almacéns e comercios de venda retallista compatibles con zonificación residencial ou vivenda; (interpretados vía artigo 155 da normativa do Plan xeral de ordenación urbana en relación coas determinacións dos artigos 43 e 44 da normativa do PXOU) como calquera dos usos terciarios e diferentes do residencial que se pautan no artigo 156 do PXOU, que se consideren, xunto co de equipamento, como complementarios ou compatibles coa edificación residencial no medio rural e coas necesidades da poboación residente nos ditos núcleos: terciarios, produtivos, turísticos, pequenos talleres e as novas tecnoloxías da información, así como os dotacionais, asistenciais e vinculados con servizos públicos. Todo isto, sen prexuízo de que se poidan impor limitacións ou condicións especiais de renuncia ao valor de expropiación, que se deberán anotar no Rexistro da Propiedade.

3. Tal e como se ten tamén informado, no ámbito de ordenanzas como as que nos ocupan, que vinculan as posibilidades edificatorias dun predio á súa superficie, non cabe nestas edificacións industriais existentes a súa división horizontal para formar novas parcelas, estímase que a edificación existente queda adscrita á parcela que xera a edificabilidade materializada e estarán suxeitas as licenzas de parcelamento ou división ao estrito cumprimento dos parámetros urbanísticos de aplicación segundo a ordenanza.

Admítese a concorrencia de actividades compatibles nunha mesma nave pero autorizadas baixo un único título xurídico habilitante».

O que se fai público para xeral coñecemento e efectividade.

Pontevedra, 10 de outubro de 2013

Miguel Anxo Fernández Lores Raimundo González Carballo
Alcalde Concelleiro secretario da Xunta
de Goberno Local