Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 15 de novembro de 2013 Páx. 44421

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de novembro de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral da Presidencia.

O Decreto 234/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, dispón os órganos superiores e de dirección que pola súa importancia e natureza procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia e que organicamente dependerán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como a adscrición das axencias públicas autonómicas segundo o previsto nos seus estatutos.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, estes órganos estarán baixo a dependencia orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que exercerá respecto deles todas as competencias en materia de persoal e que as xestionará a través da Secretaría Xeral da Presidencia.

O artigo 1 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, establece no seu parágrafo 1 os órganos que dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como a adscrición da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, nos termos previstos no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea esta e se aproban os seus estatutos e finalmente, a adscrición da Axencia de Turismo de Galicia, nos termos previstos no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea esta e se aproban os seus estatutos.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que beneficia tanto a Administración como a cidadanía, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa que se recollen no artigo 103.1 da nosa Constitución.

O artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 13 Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establecen o réxime da delegación de competencias.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e de conformidade co disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e a prol dunha maior eficacia na xestión do persoal,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal

1. Deléganse na Secretaría Xeral da Presidencia as facultades que lle corresponden á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en materia de persoal, en relación co persoal dependente dos distintos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como en relación co persoal dependente das axencias públicas autonómicas adscritas á Presidencia da Xunta de Galicia, nos termos previstos no Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e demais disposicións en vigor.

2. Enténdese comprendido na delegación na Secretaría Xeral da Presidencia o exercicio das seguintes facultades en materia de persoal cando sexan competencia da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, agás os ditados polos órganos superiores de goberno das axencias, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Resolver e formular as reclamacións previas á vía civil e laboral.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 2. Criterios complementarios na aplicación da delegación

Na aplicación da delegación de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto nos artigos 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento o vicepresidente e conselleiro poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendido na delegación na Secretaría Xeral da Presidencia o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

d) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia con referencia ao número e data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e considéranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 22 de setembro de 2011 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Presidencia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza