Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 21 de novembro de 2013 Páx. 45102

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se aproba o baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé.

O Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira, regula no seu capítulo III o permiso de explotación para marisqueo a pé, que habilita para exercer a actividade nas zonas marítimo-terrestres de libre marisqueo e nas zonas de autorización ou concesión administrativa, de acordo coas especificacións contidas nel.

A Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé (DOG núm. 114, do 28 de xullo), no seu artigo 6, define o procedemento para a obtención do permiso de explotación e determina que as solicitudes presentadas e que cumpran os requisitos establecidos serán valoradas de acordo cun baremo, no cal se terán en conta os criterios establecidos no artigo 8.

A Resolución do 15 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, aproba o baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé (DOG núm. 114, do 28 de xullo).

A experiencia acumulada no proceso de baremación das solicitudes en relación coa epígrafe de formación fai aconsellable mellorar o procedemento, de xeito que a valoración das actividades formativas sexa homoxénea e que as persoas interesadas coñezan cales son consideradas como méritos e a puntuación que obteñen. Ademais, cómpre completar esta epígrafe incluíndo a titulación académica dos aspirantes, ademais das actividades formativas realizadas.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro as competencias da ordenación do marisqueo, o establecemento das condicións para o exercicio da actividade marisqueira e a conservación e a protección e xestión sustentable dos recursos marisqueiros. Así mesmo, ten ao seu cargo a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira, ensinanzas e titulacións náutico-pesqueiras.

Así pois, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, tras a consulta realizada co sector interesado,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar o baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación para marisqueo a pé e que figura como anexo I desta resolución.

Segundo. Recoñecer as actividades formativas que serán consideradas como mérito no baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé segundo o anexo II desta resolución.

Terceiro. Deixar sen efecto a Resolución do 15 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, pola que se aproba o baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé.

Os procesos selectivos iniciados con anterioridade a esta resolución rexeranse polo baremo disposto na Resolución do 15 de xullo de 2011, ata a súa resolución final.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o secretario xeral do Mar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2013

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I
Baremo para a valoración das solicitudes para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé

1. Por ser demandante de emprego.

A puntuación máxima total que se poderá obter nesta epígrafe será de 3 puntos.

Polo tempo transcorrido como desempregado/a, debidamente acreditado e sempre que sexa demandante de emprego: 0,25 puntos por mes durante un tempo máximo de 1 ano anterior á convocatoria.

2. Por formación.

A puntuación máxima que se poderá obter nesta epífrafe será de 3 puntos.

Nesta epígrafe computarán as actividades de formación realizadas pola persoa interesada e a titulación académica que posúa.

a) Actividades de formación (cursos, seminarios e xornadas ou asimiladas).

1º Valoraranse as actividades que foron recoñecidas como mérito para acceder ao permiso de marisqueo a pé e que figuran inscritas no catálogo de actividades formativas, de conformidade co establecido no anexo II.

2º Cando unha actividade formativa teña varios niveis, só computará aquela que permita obter a maior puntuación.

3º Non se computarán o certificado de percebeiro nin o certificado para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

b) Titulación académica.

1º Graduado en ESO ou equivalente: 0,30 puntos.

2º Bacharel ou equivalente: 0,50 puntos.

3º Diplomado universitario ou equivalente: 0,70 puntos.

4º Licenciado universitario ou equivalente: 1 punto.

Só se valorará a titulación académica superior. Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Ás persoas que posúan a titulación de técnico superior en produción acuícola ou técnico en Operacións de Cultivo Acuícola impartidas no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), engadiráselles 1 punto á puntuación obtida na titulación académica.

3. Por estar empadroado/a nun concello do ámbito das confrarías ou entidades titulares do plan de explotación en que está prevista a incorporación, durante un período mínimo de 1 ano anterior á convocatoria: 4 puntos.

4. En caso de producirse empate na puntuación obtida, resolverase mediante sorteo en presenza das persoas afectadas pola dita situación.

ANEXO II
Recoñecemento de actividades formativas como mérito no baremo

1. As actividades formativas (cursos, seminarios, xornadas ou asimiladas), que pretendan ser consideradas como mérito no baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé, deberán ter contidos nas seguintes materias:

a) Asociacionismo e fórmulas organizativas. Cooperativismo.

b) Habilidades sociais.

c) Habilidades de dirección, negociación. Xestión de organizacións. Responsabilidade social.

d) Lexislación pesqueira, marisqueira e acuícola.

e) Cultivos e xestión das especies de interese marisqueiro en Galicia.

f) Comercialización de produtos pesqueiros.

g) Informática para a xestión de organizacións.

h) Manipulación de produtos pesqueiros frescos.

i) Prevención de riscos laborais no sector pesqueiro.

j) Turismo mariñeiro.

As actividades formativas, segundo a forma de participación, poden ser presenciais, en rede (mediante ferramentas electrónicas) ou mixtas.

2. As actividades formativas recoñecidas como mérito poderán ser:

a) As realizadas pola consellería competente en materia de marisqueo inscritas no catálogo de actividades formativas.

b) As promovidas por outras entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, sen ánimo de lucro, que sexan recoñecidas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

As entidades privadas deberán ter entre os seus obxectivos específicos ou estatutarios a realización de actividades formativas, así como expresar que non teñen ánimo de lucro.

3. Requisitos para o recoñecemento de actividades formativas, pola consellería competente en materia de marisqueo:

a) A persoa ou entidade interesada no recoñecemento deberá achegar ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a documentación acreditativa da dita actividade. No caso de entidades a documentación incluirá unha memoria, informe ou programa de cada actividade, e no caso de persoas físicas será un certificado acreditativo de participación.

Poderán recoñecerse de oficio as actividades formativas realizadas polas administracións, entidades do sector público e corporacións de dereito público.

b) As actividades serán susceptibles de recoñecemento segundo estableza o servizo con competencias en ensinanzas marítimo-pesqueiras, que en calquera momento poderá solicitar á persoa interesada a información necesaria para avaliar a actividade que pretenda ser recoñecida.

c) As actividades de formación que pretendan ser recoñecidas deberán vir expresadas en horas e aquelas que teñan menos de oito horas non serán computables nin poderán acumularse.

d) Nas actividades que se pretendan recoñecer deberán realizarase controis de asistencia.

e) Non se recoñecerán como actividades formativas as accións conducentes á obtención dunha titulación académica.

f) Os certificados acreditativos da participación en actividades formativas constarán dos seguintes datos:

1º Institución ou entidade organizadora da actividade.

2º Nome e cargo de quen expide a certificación en representación da institución ou entidade organizadora.

3º Nome, apelidos e DNI da persoa á cal se lle vai facer o certificado.

4º Denominación da actividade.

5º Lugar e datas de realización.

6º Número de horas de duración.

7º Lugar e data de expedición do certificado.

8º Sinatura e selo.

Só se aceptarán os certificados que acrediten a superación íntegra da actividade. Non se aceptarán certificacións parciais.

4. Catálogo:

a) Todas as actividades formativas que se recoñezan como mérito no baremo para obter o permiso de explotación para o marisqueo a pé se inscribirán nun catálogo.

b) O catálogo de actividades formativas dependerá da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e será responsable do seu mantemento o servizo con atribucións en ensinanzas marítimo-pesqueiras.

c) O catálogo poderá ser consultado na páxina web http://www.medioruralemar.xunta.es, e será actualizado cando se recoñezan novas actividades formativas.