Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 26 de novembro de 2013 Páx. 45804

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2013, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pola que se regula a acreditación da capacitación dos usuarios profesionais de produtos fitosanitarios en Galicia.

O Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para acadar un uso sustentable dos produtos fitosanitarios (BOE número 223, do 18 de setembro) define, no seu artigo 3, o usuario profesional como «calquera persoa que use produtos fitosanitarios no exercicio da súa actividade profesional, incluídos os operadores, técnicos, empresarios ou traballadores autónomos, tanto no sector agrario coma noutros sectores». Así mesmo, este real decreto crea o Rexistro Oficial de Produtores e Operadores (en diante, ROPO) que comprende, entre outras, a actividade de manipulación e utilización de produtos fitosanitarios de uso profesional.

No tocante á formación, esta norma establece que a partires do 26 de novembro de 2013, as comunidades autónomas deben garantir o acceso á formación aos usuarios profesionais segundo o tipo de capacitación requirido, e que só se poderán subministrar produtos fitosanitarios para uso profesional aos titulares dun carné que acredite a formación establecida a partir do 26 de novembro de 2015.

Polo tanto, en cumprimento do especificado no devandito real decreto, cómpre que, desde o 26 de novembro do presente ano, toda persoa que inicie o procedemento necesario para a obtención dun carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios estea inscrito no ROPO segundo as seguintes especificacións:

a) Solicitudes de formación como usuarios profesionais de produtos fitosanitarios.

Con carácter xeral, aquelas persoas que soliciten formación en calquera nivel de capacitación á Consellería do Medio Rural e do Mar deberán estar inscritos no ROPO. Así mesmo, as persoas que soliciten formación como aplicadores-manipuladores de produtos fitosanitarios no seu nivel básico ás entidades colaboradoras desta consellería, só poderán realizar a proba de avaliación se se comproba a súa inscrición no ROPO como usuarios profesionais. Con este motivo, as entidades colaboradoras deberán acreditar ter informado desta circunstancia con carácter previo á impartición da formación, a todos os solicitantes destes cursos.

b) Repetición da proba de avaliación.

Aquelas persoas que non superen a proba de avaliación en primeira instancia poderán presentarse, durante os dous anos seguintes á data en que recibiu a formación, a outras probas de avaliación. Por mor das posibles actualizacións na normativa, una vez superado ese período, deberá repetir o curso de formación.

No suposto de algunha persoa acredite ter recibido a formación necesaria nun período inferior aos dous anos, e xa se atope no ROPO, tamén poderá presentarse as probas de avaliación, baixo estes mesmos condicionantes.

c) Renovación do carné.

As persoas que soliciten a renovación do seu carné deberán acreditar, en primeiro lugar, a súa inscrición no ROPO para, a continuación, cumprir co requisito de actualización da formación segundo o nivel de capacitación. En concreto, para a actualización de coñecementos no nivel cualificado será necesario un curso de formación teórico-práctica cunha duración de 10 horas, cuxo contido formativo estará principalmente constituído polos aspectos modificados da normativa de aplicación. A acreditación desta actualización realizarase mediante probas de avaliación específicas que se desenvolveran segundo distintos modelos de avaliación.

d) Modelos de avaliación.

Para asegurar a obxectividade das avaliacións que se realicen, publicarase na páxina web da consellería unha instrución respecto ás probas que se realizarán segundo correspondan ao nivel básico ou cualificado, así como as probas correspondentes ás actualizacións formativas. Esta instrución pódese descargar nos seguintes enlaces:

http://www.medioruralemar.xunta.es/areas/investigacion_e_formacion/formacion_continua/

http://www.medioruralemar.xunta.es/institucional/oficina_virtual/oficina_virtual/

e) Convocatoria das probas de avaliación para a renovación dos carnés.

A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, a través da páxina web da Consellería, convocará as probas de avaliación nos lugares e datas que se indiquen. As persoas que desexen renovar o seu carné deberán inscribirse electrónicamente na Oficina Agraria Virtual. Para acceder ás probas, deberán presentar un documento de identificación fidedigno e a xustificación do pagamento da taxa.

Os resultados das probas de avaliación, que especificarán as persoas aptas e as non aptas, serán remitidos polo seu responsable, á Subdirección Xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica consonte o procedemento establecido. Unha vez achegada a documentación, emitirase o correspondente carné a todas as persoas con cualificación de aptas para as cales se acredite a súa inscrición no ROPO. En ningún caso se poderá emitir o carné coa presentación dunha declaración responsable ou similar.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2013

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes