Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 26 de novembro de 2013 Páx. 45807

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 19 de novembro de 2013 pola que se convoca un curso de aproximación á operativa policial ante a violencia de xénero.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, a convocatoria dun curso de aproximación á operativa policial ante a violencia de xénero, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: aproximación á operativa policial ante a violencia de xénero.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 18.

Modalidade: presencial.

Obxectivos.

– Conceptualizar a violencia de xénero como a manifestación última da desigualdade.

– Coñecer e recoñecer os malos tratos nas súas diferentes manifestacións, o seu proceso e as consecuencias derivadas para as vítimas.

– Dotar de ferramentas para a atención e intervención inicial coas vítimas.

– Coñecer o procedemento que seguen os casos de violencia de xénero no ámbito policial.

– Coñecer o procedemento que seguen os casos de violencia de xénero no ámbito xudicial.

Contido.

1. Análise histórica sobre os roles de xénero: a violencia de xénero.

2. Actuación da policía autonómica ante os casos de violencia de xénero.

3. Un recurso de acollida: o Centro de emerxencia para vítimas da violencia de xénero de Vigo.

4. Programas e recursos da Administración autonómica para loitar contra a violencia de xénero.

5. Actuación da Garda Civil ante os casos de violencia de xénero: o EMUME.

6. Exemplo de boas prácticas na actuación da policía local ante casos de violencia de xénero.

7. O marco normativo actual. Actuacións desde o ámbito xudicial nos procesos de violencia de xénero.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as.

Persoal dos corpos de policía local de Galicia.

Prazas ofertadas.

30 prazas. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado dende o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 30 de novembro de 2013.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección.

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listado de solicitudes seleccionadas.

O día 4 de decembro de 2013 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De superar esta porcentaxe, non terá dereito ao diploma ou certificado.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp.

Horario: das 9.30 ás 14.30 e das 16.00 ás 19.30.

Días:

9 e 10 de decembro de 2013.

Certificado de aproveitamento.

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a esta e superen as correspondentes probas de coñecementos.

6. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,45 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de marzo de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 19 de novembro de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública