Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 28 de novembro de 2013 Páx. 46128

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Resolución do 10 de xuño de 2013 pola que se convocan para o ano 2013 as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE).

Mediante a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 10 de xuño de 2013 convocáronse as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino (DOG nº 118, do 21 de xuño).

O artigo 7 da Resolución do 10 de xuño de 2013 establece que para a xustificación das axudas concedidas, as entidades presentarán, con data límite 30 de novembro de 2013, a documentación que sinala a base 14 das bases reguladoras, aprobadas pola Resolución do 14 de maio de 2012 (DOG nº 96, do 22 de maio). Tendo en conta o volume de solicitudes presentadas e o longo proceso de instrución, e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o dito artigo 7 ampliando o prazo ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das beneficiarias.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 7 (lugar e prazos de presentación da xustificación) da Resolución do 10 de xuño de 2013 pola que se convocan para o ano 2013 as axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), que queda redactado como segue:

«Para a xustificación das axudas concedidas, as entidades presentarán, con data límite do 20 de decembro de 2013 e nos lugares indicados no artigo 4 desta convocatoria, a documentación que sinala a base 14ª das bases reguladoras».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2013

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade