Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 28 de novembro de 2013 Páx. 46133

III. Outras disposicións

Delegación do Goberno en Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2013 pola que o delegado do Goberno en Galicia delega certas competencias en favor dos subdelegados do Goberno e dos titulares doutros órganos.

A Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, desenvolve no seu artigo 30 os principios establecidos no artigo 103 da Constitución que deben presidir a actuación da Administración pública.

En prol dos ditos principios e, en especial, dos de eficacia e axilidade, é conveniente efectuar delegacións de competencias, sen prexuízo do permanente control e coñecemento do exercicio das concedidas.

Desde a última delegación de competencias realizada polo delegado do Goberno nos titulares doutros órganos (especialmente a Resolución do 5 de marzo de 2002, que foi publicada no Boletín Oficial da provincia do 13 de marzo, e a do 15 de maio de 2003, publicada no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 24 de maio) houbo importantes variacións normativas. Doutra banda, a experiencia xerada puxo de manifesto determinadas necesidades de funcionamento.

Na súa virtude, de conformidade co establecido na disposición adicional décimo terceira da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, que establece que a delegación de competencias entre órganos deberá ser previamente aprobada na Administración xeral do Estado polo órgano ministerial de quen dependa o órgano delegante e nos organismos públicos polo órgano máximo de dirección, de acordo co establecido nas súas normas de creación.

Cando se trate de órganos non relacionados xerarquicamente, será necesaria a aprobación previa do órgano superior común se ambos pertencen ao mesmo ministerio, ou do órgano superior de que dependa o órgano delegado se o órgano delegante e o delegado pertencen a diferentes ministerios, e o disposto nos artigos 12 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, despois da aprobación prevista na Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, os cales establecen que a competencia é irrenunciable e que a exercerán precisamente os órganos administrativos que a teñan atribuída como propia, salvo os casos de delegación ou avocación, cando se efectúen nos termos dispostos nesta ou noutras leis.

Os órganos das diferentes administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración, aínda cando non sexan xerarquicamente dependentes, ou das entidades de dereito público vinculadas ou dependentes daquelas.

En ningún caso poderán ser obxecto de delegación as competencias relativas:

a) Aos asuntos que se refiran a relacións coa Xefatura do Estado, Presidencia do Goberno da Nación, Cortes Xerais, presidencias dos consellos de Goberno das comunidades autónomas e asembleas lexislativas das comunidades autónomas.

b) Á adopción de disposicións de carácter xeral.

c) Á resolución de recursos nos órganos administrativos que diten os actos obxecto de recurso.

d) Ás materias en que así se determine por norma con rango de lei.

As delegacións de competencias e a súa revogación deberán publicarse no Boletín Oficial del Estado, no da comunidade autónoma ou no da provincia, segundo a Administración a que pertenza o órgano delegante e o ámbito territorial de competencia deste.

As resolucións administrativas que se adopten por delegación indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Salvo autorización expresa dunha lei, non poderán delegarse as competencias que se exerzan por delegación.

A delegación será revogable en calquera momento polo órgano que a conferise.

RESOLVÍN:

Primeiro. Deléganse nos subdelegados do Goberno na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra as seguintes competencias no seu respectivo ámbito territorial:

1. En materia de persoal funcionario destinado nos servizos periféricos de ámbito provincial:

1.1. Acordar as comisións de servizos a postos de traballo que non supoñan cambio de provincia, de acordo co disposto no artigo 64 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado.

1.2. Proposta e informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidades.

1.3. Incoar expedientes disciplinarios aos funcionarios.

1.4. Atribuír o desempeño provisional de postos de traballo nos casos dispostos na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, e no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado.

2. En materia de potestade sancionadora:

2.1. As competencias sancionadoras asumidas segundo a disposición adicional cuarta da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, atribuídas aos gobernadores civís na Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, sobre protección da seguridade cidadá, e pola Lei 23/1992, do 30 de xullo, de seguridade privada, sen prexuízo das competencias atribuídas na citada disposición adicional aos subdelegados do Goberno.

2.2. A competencia establecida no artigo 95 da Lei 39/2003, do 17 de novembro, do sector ferroviario, para a adopción dos acordos de iniciación dos procedementos e as resolucións de expedientes sancionadores por infraccións leves previstas no artigo 90 da citada lei, así como a adopción das medidas provisionais a que se refire o artigo 96 do mesmo corpo legal.

2.3. As competencias que os puntos 2.a) e 4 do artigo 28 da Lei 19/2007, do 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, lles atribúen aos delegados do Goberno para a imposición de sancións económicas desde 150 ata 60.000 euros e as accesorias correspondentes, dispostas no artigo 24 da propia lei, pola comisión de infraccións leves e graves tipificadas nos artigos 21 a 23 do mesmo texto.

2.4. A resolución de procedementos sancionadores, segundo o disposto no artigo 300.1.e) do Regulamento de explosivos, aprobado polo Real decreto 230/1998, do 16 de febreiro, e modificado polo Real decreto 277/2005, do 11 de marzo.

2.5. A resolución de procedementos sancionadores, segundo o disposto no artigo 202.2.f) do Regulamento de artigos pirotécnicos e cartucharía, aprobado polo Real decreto 563/2010, do 7 de maio, e modificado polo Real decreto 1335/2012, do 21 de setembro.

3. En materia de seguridade:

3.1. Resolución de prohibición ou de modificación da data, o lugar, a duración ou o itinerario das reunións ou manifestacións (artigo 10 da Lei orgánica 9/1983, do 15 de xullo, reguladora do dereito de reunión), así como a adopción de medidas de protección, suspensión e disolución de reunións en lugares de tránsito público e manifestacións nos supostos dispostos polo artigo 5 da Lei orgánica 9/1983, do 15 de xullo, e no artigo 16 da Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, de protección da seguridade cidadá.

3.2. Resolución denegatoria de celebración de espectáculos públicos ou da súa suspensión (artigos 14 e 15 da Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, de protección da seguridade cidadá, e no artigo 2 e disposición adicional da Lei 10/1991, do 4 de abril, de potestades administrativas en materia de espectáculos taurinos).

3.3. Resolver as solicitudes de autorización para a prestación de servizo con armas nos casos legalmente dispostos (artigo 93 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.4. Propor a implantación de servizos ou sistemas de seguridade en empresas, entidades ou organismos públicos (artigo 113 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.5. Resolver as solicitudes de aprobación de armeiros de empresas de seguridade instalados nos lugares en que se preste servizo de vixilantes de seguridade con armas ou de protección de persoas determinadas e a duración do servizo exceda un mes (artigo 25 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.6. Resolver as solicitudes de apertura de establecementos obrigados a dispor de medidas de seguridade (artigo 136 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.7. Ordenar a adopción de medidas de seguridade (artigos 111, 112, 128, 130.5 e 132 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.8. Resolver as solicitudes de autorización de servizos de seguridade en polígonos industriais ou urbanizacións illadas (artigo 80 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.9. Resolver as solicitudes de autorización, substitución ou exención de medidas de seguridade (artigos 120, 124 e 125 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.10. Resolver as solicitudes de dispensa do servizo de vixilantes de seguridade, a substitución de medidas pola implantación deste servizo e a exención ou dispensa de medidas de seguridade (artigos 118, 120, 125, 129, 130 e 134 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.11. Requirir os titulares dos bens protexidos por un sistema de seguridade para que emenden as deficiencias que dan lugar a falsas alarmas, ordenar a desconexión de alarmas ou acordar a suspensión do servizo ordenando a súa desconexión ou a obriga de silenciar as sirenas, así como exixir que a verificación polo período de tempo exixido para a desconexión se realice a través dun servizo de vixilantes de seguridade, nos casos dispostos no artigo 50 do Regulamento de seguridade privada e artigo 15 da Orde INT/316/2011, do 1 de febreiro, sobre funcionamento dos sistemas de alarma no ámbito da seguridade privada.

3.12. A ratificación da suspensión da prestación de servizos de seguridade privada ou de utilización de medios materiais ou técnicos que poidan causar danos ou perdas a terceiros ou pór en perigo a seguridade cidadá (artigo 147 do Regulamento de seguridade privada, aprobado polo Real decreto 2364/1994, do 9 de decembro).

3.13. As competencias de resolución de expedientes e de emisión de informe atribuídas ao delegado do Goberno no Regulamento de explosivos, aprobado polo Real decreto 230/1998, do 16 de febreiro, e modificado polo Real decreto 277/2005, do 11 de marzo.

3.14. Resolver as solicitudes da autorización anual e a inscrición das empresas para a execución de voaduras especiais conforme o número 6 da Orde do 29 de xullo de 1994 pola que se modifica a instrución técnica complementaria 10.3.01 «Explosivos voaduras especiais» do capítulo X «Explosivos» do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira.

3.15. Resolver as solicitudes de autorización de consumos de explosivos en que se prevexa a realización de voaduras, conforme o número 3 da Orde do 29 de xullo de 1994 pola que se modifica a instrución técnica complementaria 10.3.01 «Explosivos voaduras especiais» do capítulo X «Explosivos» do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira.

3.16. As competencias de resolución de expedientes e de emisión de informe atribuídas ao delegado do Goberno no Regulamento de artigos pirotécnicos e cartucharía, aprobado polo Real decreto 563/2010, do 7 de maio, e modificado polo Real decreto 1335/2012, do 21 de setembro.

4. En materia de potestade expropiatoria:

4.1. Abrir trámite de información pública respecto da relación de bens e dereitos que se van expropiar e resolver, á vista das alegacións, sobre a necesidade da ocupación, e designar os que terán o carácter de interesados (artigos 18 e 20 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, en diante LEF).

4.2. Publicar a relación de bens e dereitos de necesaria ocupación (artigo 17.1 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, en diante REF).

4.3. Adoptar as medidas que sexan necesarias para que non se alteren as condicións e características da cousa ou ben afectado, no caso de expropiacións de bens de valor histórico-artístico ou arqueolóxico (artigo 77 da LEF).

4.4. Anuncio da apertura do prazo para solicitar indemnización (artigo 91 da LEF).

4.5. Adoptar as medidas pertinentes cando non concedese permiso o titular para poder realizar os estudos oportunos, no caso de ocupacións temporais de terreos (artigo 110 da LEF).

4.6. Retirar a autorización de ocupación temporal de terreos (artigo 110.2 da LEF e 126.4 do REF).

4.7. Resolver, nos casos de ocupacións temporais, as discrepancias entre particulares e Administración en relación coa perda temporal dos beneficios que a propiedade ocupada sexa susceptible de producir (artigo 131 do REF).

4.8. Resolver sobre a solicitude do interesado en relación con que a expropiación comprenda a totalidade dun predio cando a finalidade da expropiación só requira a ocupación dunha parte (artigo 22 do REF).

4.9. Recibir a proposta dos beneficiarios para que se inicie o expediente do prezo xusto (artigo 27 do REF).

4.10. Sinalar o día en que se deba proceder ao pagamento, o cal se anunciará no Boletín Oficial da provincia (artigo 49.1 do REF).

4.11. Notificarlles aos ocupantes do terreo expropiado o prazo en que deben desaloxalo (artigo 53 do REF).

4.12. Ordenar á autoridade municipal a asistencia ao novo acto de levantamento da acta previa á ocupación no caso de que se suspendese anteriormente a dita dilixencia pola súa inasistencia, e advertilo das responsabilidades en que puidese incorrer en caso de desobediencia (artigo 57.1 do REF).

4.13. Resolución de expedientes de reversión (artigo 67 do REF).

4.14. Levantamento da acta de pagamento en caso de reversión (artigo 70 do REF).

5. Noutras materias:

5.1. Emisión de informes en relación coas solicitudes de autorización para realizar voos publicitarios sobre a provincia de acordo coa Orde do 20 de decembro de 1966.

5.2. As competencias en relación coas obras e actividades ilegais en zonas de dominio público ou de protección da infraestrutura ferroviaria dispostas no artigo 18 da Lei 39/2003, do 17 de novembro, do sector ferroviario.

5.3. O acordo de paralización das obras e suspensión de usos non autorizados ou que non se axusten ás condicións establecidas nas autorizacións e demais competencias dispostas no artigo 27 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, de estradas.

Segundo. Deléganse nos subdelegados do Goberno nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, nos seus respectivos ámbitos territoriais:

As competencias que en materia de pesca marítima do Estado lle atribúe ao delegado do Goberno a Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, así como o Real decreto 747/2008, do 9 de maio, polo que se establece o Regulamento do réxime sancionador en materia de pesca marítima en augas exteriores, que a continuación se relacionan:

a) A adopción de medidas provisionais, así como a confirmación, modificación ou levantamento destas no prazo e termos dispostos na citada lei.

b) A adopción de acordos de inicio e, se é o caso, de non inicio, de procedementos sancionadores por infraccións graves e moi graves.

c) A imposición de sancións por infraccións leves.

Terceiro. Deléganse no subdelegado do Goberno na Coruña as seguintes competencias, no seu ámbito territorial:

1. En materia de seguridade cidadá e protección civil, en virtude do artigo 29.3 da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado:

1.1. A protección do libre exercicio dos dereitos e liberdades, garantindo a seguridade cidadá, todo iso dentro das competencias estatais na materia. Para estes efectos dirixirá as forzas e os corpos de seguridade do Estado na provincia.

1.2. A dirección e a coordinación da protección civil no ámbito da provincia.

2. En materia de armas:

2.1. Denegar as solicitudes de licenzas de armas tipo E e de autorizacións especiais para armas de avancarga (artigos 101 e 107.c) do Regulamento de armas, aprobado polo Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro) e revogar estas cando concorran as circunstancias do artigo 97.5 do citado regulamento. Así mesmo, informar as solicitudes de licenzas de armas de tipo B (artigo 99.4 do citado regulamento).

2.2. Resolver as solicitudes de autorización para utilizar en lugares públicos armas das categorías 6ª e 7ª.4 (artigo 107.c) do citado regulamento).

2.3. Autorizar ou denegar a realización de calquera clase de concursos e actividades con armas de fogo ou aire comprimido da categoría 3ª.3 que teñan lugar fóra de campos, polígonos ou galerías de tiro debidamente autorizados, ou que se realicen en campos de tiro eventuais situados en terreos cinexéticos, fóra das épocas de caza (artigos 149.3 e 152 do citado regulamento).

2.4. Resolver as solicitudes de apertura de establecementos destinados á exposición permanente ou á venda de armas de fogo ao público e resolver sobre as condicións de seguridade destes (artigo 46 do Regulamento de armas), así como resolver sobre o depósito de armas nos ditos establecementos. Resolver sobre as solicitudes formuladas polos comerciantes autorizados para o depósito de armas noutros locais que conten con medidas de seguridade e aprobalas (artigos 46, 47 e 48 do citado regulamento).

2.5. Resolver as solicitudes de autorización especial para facer uso das escopetas de caza a que se refire o artigo 61 do Regulamento de armas, así como resolver sobre a prórroga das autorizacións especiais de uso de armas a que se refire o artigo 110.6 do citado regulamento.

3. Noutras materias:

Resolver os expedientes de modificación do grao de seguridade exixido aos elementos e dispositivos que formen parte dun sistema electrónico de alarma (artigo 3 da Orde INT/316/2011, sobre medidas de seguridade privada).

Cuarto. Delégase nos secretarios xerais das subdelegacións do Goberno, nos seus respectivos ámbitos, e da Delegación do Goberno na provincia da Coruña:

1. En materia de persoal funcionario:

1.1. Dar posesión e cesamento aos funcionarios nos postos de traballo.

1.2. Declarar as xubilacións forzosas e por incapacidade permanente.

1.3. Resolver as solicitudes de prolongación da permanencia no servizo activo.

1.4. Concesión de permisos ou licenzas, nos termos establecidos no artigo 11.5 do Real decreto 2169/1984, do 28 de novembro, de atribución de competencias en materia de persoal da Administración do Estado.

1.5. Recoñecemento de trienios.

1.6. Concesión de excedencia voluntaria, nas súas diferentes modalidades, a que se refire o artigo 11.7 do Real decreto 2169/1984, do 28 de novembro, de atribución de competencias en materia de persoal da Administración do Estado.

1.7. Concesión de excedencia para o coidado de familiares.

2. En relación co Boletín Oficial da provincia:

Ordenar a inserción de publicacións no Boletín Oficial da provincia.

Quinto. Delegar no primeiro xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña as seguintes competencias no seu ámbito territorial:

A concesión das licenzas de tipo E para armas das categorías 3ª, 7ª.2 e 7ª.3 e das autorizacións especiais para armas de avancarga a que se refiren os artigos 3, 96.4.d), 101 e 107.c) do Regulamento de armas, aprobado polo Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro, pero non a súa denegación.

Sexto

1. Con respecto ás delegacións de competencia outorgadas nos puntos anteriores, observarase estritamente o disposto no artigo 13.2 (competencias non delegables) e no artigo 13.5 (indelegabilidade da competencia delegada) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As delegacións de atribucións mencionadas non supoñen a transferencia da titularidade das competencias, senón tan só o seu exercicio.

3. As delegacións non supoñen por si mesmas alteracións nas unidades encargadas das tarefas materiais e técnicas de tramitación administrativa.

4. As resolucións que se adopten consideraranse ditadas polo delegado do Goberno; cada vez que se faga uso dunha delegación outorgada na presente resolución indicarase expresamente esta circunstancia. Todo iso de acordo co establecido no artigo 13.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5. As delegacións de atribucións da presente resolución quedan supeditadas a que o delegado do Goberno poida avocar para si o coñecemento dun asunto, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sétimo

Esta resolución derroga e substitúe a do 5 de marzo de 2002, que foi publicada nos boletíns oficiais das provincias o 13 de marzo de 2002, así como a do 15 de maio de 2003, publicada no Boletín Oficial da provincia da Coruña o 24 de maio.

Oitavo

A presente resolución publicarase, conforme o artigo 13.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

A Coruña, 13 de novembro de 2013

Samuel Jesús Juárez Casado
Delegado do Goberno