Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 29 de novembro de 2013 Páx. 46265

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación do núcleo rural de Cabreiros, parroquia de Santa Mariña de Cabreiros, concello do Corgo (expediente PTU-LU-11/094).

O Concello do Corgo remite o proxecto de delimitación do núcleo rural de Cabreiros, na parroquia de Santa Mariña de Cabreiros, do concello do Corgo, redactado en xaneiro de 2013, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación presentada e vista a proposta que nesta mesma data eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) O Concello do Corgo carece de instrumentos de planeamento xeral, e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opoñen a estas, polas Normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

b) A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu desfavorablemente sobre a aprobación definitiva da delimitación deste núcleo con data 9.2.2013 polas seguintes deficiencias:

– Insuficiente consolidación nas áreas T2 e C1.

– Inxustificada proposta de ampliación de seccións viarias.

– Previsión inxustificada de acaroamento das edificacións aos lindes laterais.

– Indefinición das obras autorizables nas edificacións catalogadas co nivel de protección estrutural.

– Falta de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

c) O 21.1.2013 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable, condicionado á introdución dunha serie de medidas protectoras e correctoras indicadas no dito informe.

d) Como consecuencia do dito informe, elaborouse o presente proxecto, que foi aprobado provisoriamente polo Pleno municipal o 7.3.2013.

II. Contido.

a) Proponse a delimitación, como núcleo rural complexo, do asentamento poboacional de Cabreiros, estremeiro coa estrada estatal N-VI. Dentro do ámbito delimitado, de 42.747 m2 de superficie, diferéncianse áreas de núcleo rural histórico tradicional (T1 e T2) e de núcleo rural común (C1 e C2), as cales ocupan globalmente 21.324 m2 e 21.423 m2, respectivamente.

b) O proxecto fixa as condicións de uso e de edificación, define o trazado do sistema viario existente -asumindo como aliñacións oficiais as xa existentes-, e identifica cinco elementos merecentes de protección cultural (un pombal, un comedeiro de pombas, unha vivenda e dous alpendres). Non identifica terreos destinados a dotacións públicas.

III. Análise e consideracións.

a) O asentamento delimitado conta con topónimo recoñecido no Nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Lugo (Decreto 6/2000), así como no censo de poboación e vivendas do Instituto Nacional de Estatística.

b) Os terreos incluídos nas dúas áreas de núcleo rural histórico tradicional cumpren o requisito de distancia establecido no artigo 13.3.a) da LOUG.

c) En relación co cumprimento da resolución da SXOTU do 9.2.2013, cómpre indicar:

– c.1. O novo proxecto aumenta o tamaño mínimo de parcela establecido no proxecto que non fora aprobado en febreiro deste ano, tanto nas áreas de núcleo rural histórico tradicional (de 300 m2 a 1.100 m2) como nas de núcleo rural común (de 1.000 m2 a 1.500 m2). Asimesmo, no núcleo rural común reduce a ocupación e edificabilidade máximas das parcelas (punto 11.3.5).

Tendo en conta o parcelario, os tamaños mínimos de parcela establecidos, as características das edificacións existentes (para os efectos do cómputo de parcelas edificadas) e as limitacións legais á división de parcelas -artigo 205 LOUG-, verifícase que todas as áreas diferenciadas graficamente acadan o grao mínimo de consolidación exixido polo artigo 13.3 LOUG (100 % na área T1 -2 parcelas edificadas/2 parcelas edificables-; 66,66 % na T2 -6 parcelas edificadas/9 parcelas edificables-; 50 % na C1 -2 parcelas edificadas/4 parcelas edificables-; e 75 % na C2 -3 parcelas edificadas/4 parcelas edificables-).

– c.2. O novo proxecto rectifica as aliñacións propostas no seu precedente, axustándose ás aliñacións existentes (puntos 10.2.2.1, 10.2.3.2, 11.2.7 e 11.3.7).

– c.3. Nos puntos 11.2.4 e 11.3.4, o proxecto segue a permitir o acaroamento de edificacións non residenciais aos lindeiros laterais, previsión que resulta contraditoria coa regulación da tipoloxía edificatoria (puntos 11.2.8.1 e 11.3.8.1) que só contempla a posibilidade de acaroamento a medianís existentes.

– c.4. O proxecto incorpora unha normativa completa do patrimonio cultural catalogado (punto 11.4), e regula as obras autorizables correspondentes aos distintos niveis de protección.

d) Emitiuse informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 21.1.2013, favorable, condicionado á incorporación de medidas protectoras e correctoras, que se atopan debidamente incorporadas no proxecto que agora se somete á aprobación definitiva da SXOTU.

e) O novo proxecto incorpora tamén nunha serie de condicións orientadas a acadar a harmonización ambiental das edificacións e a protexer o ambiente e a morfoloxía nuclear.

En consecuencia, enténdense cumpridas as observacións sinaladas no informe da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como as da resolución da SXOTU do 9.2.2013, deixando constancia expresa de que a posibilidade de acaroamento lateral se limitará á existencia previa dun medianil ou a construcións auxiliares de escasa entidade.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Cabreiros, na parroquia de Santa Mariña de Cabreiros, no concello do Corgo, polas consideracións e nos termos anteriormente expostos.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que coiden procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

Se o interesado é unha administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, de requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file