Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 2 de decembro de 2013 Páx. 46508

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de novembro de 2013 pola que se adscriben as unidades e postos de traballo ás xerencias de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e de Vigo, e se extingue a Dirección Provincial de Pontevedra do Servizo Galego de Saúde.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regula as estruturas de xestión integrada como instrumentos de organización, sen personalidade xurídica propia, no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde.

Estas estruturas organizativas asumen con total autonomía funcional a xestión dos recursos, prestacións e programas de atención sanitaria a todos os niveis.

A consecuencia da nova estrutura periférica do Servizo Galego de Saúde, que está baseada na racionalidade dos recursos e na creación dunha organización eficaz e próxima á cidadanía, é a desaparición da organización provincial existente ata o momento.

A disposición transitoria primeira do decreto citado establece que as actuais direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde se extinguirán no momento en que os seus órganos, unidades administrativas e postos de traballo queden adscritos na súa totalidade á xerencia ou xerencias de xestión integrada que correspondan, se dispoña o efectivo funcionamento da estrutura e se produza o nomeamento das persoas responsables das respectivas xerencias.

No que respecta ás estruturas de Xestión Integrada de Vigo e de Pontevedra e O Salnés xa foron nomeadas as persoas titulares de cada xerencia e se acordou o inicio da súa actividade nas ordes da Consellería de Sanidade do 28 de setembro de 2011 e do 25 de marzo de 2013, respectivamente.

Polo tanto, procede neste momento a adscrición das unidades administrativas e postos de traballo da dirección provincial e a súa integración nas estruturas de Xestión Integrada de Vigo e de Pontevedra e O Salnés unificando, deste xeito, a actividade administrativa e a actividade asistencial.

Na súa virtude, por proposta da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e tendo en conta o establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Adscrición de unidades e postos de traballo

Adscríbense as unidades e postos de traballo encadrados, ata o momento, na Dirección Provincial de Pontevedra do Servizo Galego de Saúde ás xerencias de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e de Vigo.

Artigo 2. Extinción da dirección provincial

De conformidade co establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 168/2010, do 7 de outubro, e unha vez realizados todos os trámites que se indican nela, a extinción da Dirección Provincial de Pontevedra do Servizo Galego de Saúde producirase o día da entrada en vigor desta orde.

Disposición adicional única. Modificación da relación de postos de traballo

Elaborarase a modificación da relación de postos de traballo que resulte de aplicación desta orde, que se tramitará conforme a normativa vixente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde para ditar, no seu ámbito de competencias, cantas instrucións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade