Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 2 de decembro de 2013 Páx. 46505

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 18 de novembro de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vilagarcía de Arousa, no ámbito da UEI-16.

O Concello de Vilagarcía de Arousa remite o proxecto da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal, para a supresión da delimitación da UEI-16, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O concello do Vilagarcía de Arousa conta, actualmente vixente, cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 4.2.2000.

I.2. Consta Decisión do 17.6.2011, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica (DOG nº 137, do 18 de xullo).

I.3. Constan informes municipais técnicos do 8.11.2010, 26.1.2011, 16.2.2011, 18.4.2011, 7.7.2011, 25.1.2012, 4.10.2012; e xurídico do 16.2.2011, 14.12.2012, 19.6.2013.

I.4. A presente modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 26.12.2012 e sometida a información pública con anuncios nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Arousa do 21.2.2013; e no DOG nº 47, do 7.3.2013.

I.5. Consta informe sectorial da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo do 20.3.2013.

I.6. A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello de Vilagarcía de Arousa o 26.6.2013.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello do Vilagarcía de Arousa e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. A modificación puntual ten por obxecto a supresión da delimitación da unidade de execución UEI-16, prevista para desenvolver a través dun plan de mellora do núcleo rural.

II.2. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG veñen xustificadas nesta modificación puntual en canto que se formula para mellorar a ordenación urbanística existente, reducir a edificabilidade proposta, regularizar un viario existente, encaixar unha tipoloxía construtiva adaptada á realidade concreta do núcleo de Cornazo e protexer un muro tradicional nun rueiro do mesmo carácter.

II.3. O ámbito desta modificación puntual abarca unha superficie de 14.077,57 m2. Comprende dúas parcelas íntegras e dúas partes doutras dúas parcelas, clasificadas todas elas como solo de núcleo rural. As previsións desta UEI-16 eran establecer aliñacións de 16 e 10 metros no perímetro do polígono, obter unha cesión de 3.607 m2 entre zonas verdes, equipamentos e parcela de aproveitamento lucrativo, e asignaba un aproveitamento tipo de 0,50ua/m2 para vivenda familiar.

II.4. O transcurso do tempo desde a aprobación do PXOM, os cambios lexislativos e as singulares condicións concorrentes neste ámbito, amosaron a innecesariedade e a imposibilidade do desenvolvemento do citado polígono. En atención ao anterior esta modificación puntual propón o mantemento da clasificación como solo de núcleo rural, suprimindo o seu desenvolvemento como actuación integral, polo cal se reduce a edificabilidade ata 0,2 m2/m2, asígnase unha tipoloxía de vivenda unifamiliar illada en parcela de 1.000 m2 e se impoñen cesións para regularización de viario, permitindo o mantemento do muro tradicional.

II.5. Á vista do anterior, pode considerarse que concorren as razóns de interese público exixidas para fundamentar a modificación do planeamento.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. De acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002 , do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM do Concello de Vilagarcía de Arousa, no ámbito da UEI-16.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas