Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 2 de decembro de 2013 Páx. 46503

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de novembro de 2013 pola que se suprime a oficina de rexistro da extinta Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde na Coruña e se modifica a denominación da oficina de rexistro dependente da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña, así como o seu enderezo.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, na súa disposición transitoria primeira dispón: «As actuais direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde extinguiranse no momento en que os seus órganos, unidades administrativas e postos de traballo queden adscritos na súa totalidade á xerencia ou xerencias de xestión integrada que correspondan, se dispoña o efectivo funcionamento da estrutura e se produza o nomeamento da Xerencia de Xestión Integrada».

En virtude do disposto no artigo 1.2 do citado decreto estendeuse o novo modelo organizativo aos centros do Servizo Galego de Saúde na área sanitaria da Coruña. En consonancia co anterior, a Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde na Coruña extinguiuse mediante a Orde da Consellería de Sanidade do 5 de xullo de 2012.

Así mesmo, o Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, atribúelle á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública a planificación e control do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, con sede na Xefatura Territorial de Lugo, o que implicou a supresión, entre outros, do Laboratorio de Saúde Pública da Coruña.

Como consecuencia desta reestruturación, a intención da Consellería é trasladar as dependencias administrativas da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña ás dependencias da extinta Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde na mesma cidade, o que implicará o peche do rexistro da Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde e o cambio de enderezo e denominación do rexistro da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña, que actualmente está situado na rúa Gregorio Hernández, 2-4 e a partir do 2 de decembro estará situado na rúa Durán Loriga, 3, da mesma cidade da Coruña.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Suprímese a oficina de rexistro da antiga Dirección Provincial do Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Coruña, situada na rúa Durán Loriga, 3 (A Coruña).

Artigo 2

Modifícase o enderezo do seguinte rexistro:

O rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña, situada actualmente na rúa Gregorio Hernández, 2-4, que se traslada á rúa Durán Loriga, 3, A Coruña.

Artigo 3

Modifícase a denominación do seguinte rexistro:

A oficina de rexistro da Coruña, no cal figura como denominación «Rexistro da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña», e deberá figurar «Rexistro da Xefatura Territorial de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde da Coruña», situada na rúa Durán Loriga, 3 (A Coruña).

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza