O artigo 47 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou a entidade oferente.
O Decreto 119/1994, do 28 de abril, fixaba os prezos públicos dos servizos xestionados pola Consellería de Agricultura, Gandaría e Montes referentes a actividades de caza e pesca.
O citado decreto foi modificado, no referente aos permisos de pesca, polos decretos 222/1998, do 10 de xullo, e 114/2013, do 18 de xullo.
Esta normativa prevé a posibilidade de que os permisos de primeira, segunda, terceira e cuarta categoría poidan ser de carácter gratuíto en determinadas circunstancias.
Faise necesario estender esta posibilidade aos permisos das categorías de pesca sen morte e pesca intensiva dado que o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, aprobado mediante o Decreto 130/1997, do 14 de maio, prevé a adxudicación con carácter gratuíto de permisos de pesca, para concursos deportivos oficiais e para entidades colaboradoras non concesionarias dun aproveitamento piscícola, sen excluír ningunha categoría de permisos.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, tras o informe favorable da Consellería de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de novembro de dous mil trece,
DISPOÑO:
Artigo único. Modifícase o último parágrafo da epígrafe referente á «Expedición de permisos de pesca nos coutos dependentes da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural» do anexo do Decreto 119/1994, do 28 de abril, que queda redactado como segue:
«Os permisos de primeira, segunda, terceira e cuarta categoría, pesca sen morte e permiso de pesca intensiva poderán ser de carácter gratuíto no caso de que sexan para concursos deportivos oficiais e poderán selo tamén para entidades colaboradoras non concesionarias dun aproveitamento piscícola ou coas cales exista convenio».
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira primeira
Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións precisas para a aplicación deste decreto.
Disposición derradeira segunda
O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e oito de novembro de dous mil trece
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

