Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 12 de decembro de 2013 Páx. 47739

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 9 de decembro de 2013 pola que se modifica a Orde do 17 de xullo de 2008 pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira.

O programa operativo para o sector pesqueiro español foi aprobado pola Comisión Europea pola Decisión da Comisión do 13 de decembro de 2007, C (2007) 6615, modificada pola Decisión da Comisión do 12 de decembro de 2012, C (2012) 9373. Neste programa establécense as liñas de actuación necesarias para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental do sector pesqueiro para o período de programación 2007-2013, a través de 5 eixes prioritarios de intervención comunitaria.

O desenvolvemento das medidas do eixe 4 do FEP lévase a cabo coa mediación de grupos de acción costeira que teñen como obxectivo dinamizar economicamente as zonas, a través dos plans estratéxicos zonais (PEZ).

Ao abeiro da Orde do 17 de xullo de 2008 pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira (DOG núm. 144, do 28 de xullo) seleccionáronse os grupos de acción costeira, e presentáronse os plans estratéxicos zonais. No ano 2009, a Consellería do Mar (actualmente Consellería do Medio Rural e do Mar) recoñeceu como grupos de acción costeira a 7 asociacións, e aprobou os seus plans estratéxicos zonais. O día 11 de agosto de 2009 asináronse os correspondentes convenios de colaboración, e a partir deste momento os grupos pasaron a ser entidades colaboradoras da consellería, na xestión e no control de axudas do FEP.

O artigo 55.1 do Regulamento 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, dispón que o período de elixibilidade do actual programa operativo do Fondo Europeo de Pesca (FEP) 2007-2013 abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata o 31 de decembro de 2015.

Na actualidade, os grupos de acción costeira están levando a cabo as súas estratexias zonais con diferente grao de desenvolvemento, e poden continuar seleccionando operacións no ano 2014. Isto permite achegar axudas a un maior número de beneficiarios e acadar os obxectivos dos PEZ.

Nesta orde preténdese modificar o artigo 3, relativo ao orzamento total do eixe 4 do FEP, prevendo a posibilidade de distribuír a dotación económica nas diferentes leis anuais de orzamentos durante todo o período de elixibilidade dos gastos, así como ter en conta modificacións do orzamento como consecuencia de reprogramacións.

Así mesmo, preténdese modificar o artigo 15.C.2, relativo ao cronograma dos PEZ, de xeito que poidan rematar no ano 2015, en consonancia co período de elixibilidade do FEP.

Por outra banda, co eixe 4 apóiase o desenvolvemento sustentable e a mellora da calidade de vida nas zonas de pesca no marco dunha estratexia global.

No artigo 44.3 do Regulamento 1198/2003 do Consello, do 27 de xullo, disponse que a axuda concedida para o apoio sustentable das zonas de pesca poderá incluír medidas recollidas nos capítulos I, II e III, a excepción das medidas previstas nos artigos 23 e 24, e que, cando se conceda apoio para operacións correspondentes ás ditas medidas, se aplicarán as condicións pertinentes e as escalas de contribución establecidas para elas.

Nesta orde preténdese modificar a letra vii do número 2 do artigo 18 da Orde do 17 de xullo de 2008, de xeito que a non elixibilidade dos investimentos relativos ao comercio polo miúdo se refira ás medidas do capítulo II (eixe 2) apoiadas polo eixe 4, de acordo co disposto no Regulamento 1198/2003 do Consello, do 27 de xullo, e no Regulamento 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo

DISPOÑO:

Artigo único

A Orde do 17 de xullo de 2008, pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira, modifícase nos seguintes termos:

Primeiro. Modificación do artigo 3

O punto 1 do artigo 3 (orzamento total do eixe 4 do FEP) quedará redactado como segue:

«1. O orzamento total establecido para as actuacións previstas no eixe 4 do FEP 2007-2013 para Galicia é de 40.000.000 de euros ou cantidade asignada á Comunidade Autonoma en reprogramacións do FEP.

Este crédito distribuirase nas diferentes leis anuais de orzamentos ata o ano 2015, en que remata o período de elixibilidade dos gastos.

Estes importes serán incrementados anualmente coas incorporacións de crédito que legalmente correspondan».

Segundo. Modificación do artigo 15

O punto 2 da letra C do artigo 15 (contido mínimo do Plan estratéxico zonal) quedará redactado como segue:

«2. Cronograma de execución do Plan. Os plans poderán estender a súa duración ata o 30 de xuño de 2015. Poderase establecer, por causas debidamente xustificadas, unha única prórroga de execución, ata o 31 de decembro de 2015».

Terceiro. Modificación do artigo 18

A letra vii do número 2 do artigo 18 queda redactado como segue:

«vii. Os investimentos relativos ao comercio polo miúdo que financien as operacións recollidas no artigo 35.6 do Regulamento 119/2006, coa excepción do previsto no artigo 10.3º do Regulamento 498/2007».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar