Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 12 de decembro de 2013 Páx. 47736

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación San Vicente de Vilaboa.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación San Vicente de Vilaboa, dítase a presente resolución, baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. Fernando Sanesteban Coira, presidente do padroado da fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación San Vicente de Vilaboa foi constituída en escritura pública outorgada en Valdoviño (A Coruña) o 28 de novembro de 2012, ante o notario Raúl Gerardo Muñoz Maestre, co número de protocolo 3.854, por Fernando Sanesteban Coira, Andrés Pita Pita, Luís Graña Pita, Juan Jaime Caamaño Villar e Manuel Ángel Casas Rodríguez, todos eles no seu propio nome e dereito, e a Cooperativa de Vilaboa de Consumidores e Usuarios, Sociedade Cooperativa Galega, que actúa representada por Ángel Caneiro Vilela.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto fins de asistencia social, de inclusión social, de desenvolvemento, promoción, financiamento, organización, realización e prestación en calquera forma de axudas, servizos, actos ou actividades sociais, cívicas, educativas ou culturais como a promoción, fomento e difusión da lingua e da cultura galegas e outros fins de análoga natureza e de interese xeral para Galicia.

4. Na escritura de constitución constan os datos relativos á personalidade da entidade fundadora, á súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Fernando Sanesteban Coira como presidente; Andrés Pita Pita como secretario; Luis Graña Pita como tesoureiro; e Juan Jaime Caamaño Villar e Manuel Ángel Casas Rodríguez como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social, cívico, educativo e cultural da Fundación San Vicente de Vilaboa, atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumprindo os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade coa dita proposta, por orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 8 de novembro de 2013, clasificouse como de interese social, cívico, educativo e cultural a Fundación San Vicente de Vilaboa, e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, en relación co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación San Vicente de Vilaboa, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación San Vicente de Vilaboa, polo que:

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación San Vicente de Vilaboa.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo de un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2013

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza