Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 12 de decembro de 2013 Páx. 47696

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de novembro de 2013 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense, acordou en asemblea xeral celebrada o 28 de marzo de 2012, a aprobación dos seus estatutos que foron presentados ante esta administración para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación estatutaria efectuada, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria

Estes estatutos derrogan os anteriores aprobados por orde da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do 15 de xuño de 2005.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense

TÍTULO i
Disposicións xerais

Capítulo I
Concepto, natureza, fins e funcións

Artigo 1

O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense é unha corporación de dereito público, integrante da Organización Colexial de Enfermaría, amparada pola lei e recoñecida polo Estado e pola Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Agrupa, polo tanto, obrigatoriamente, nos termos que estableza a normativa vixente en materia de colexiación, a todos os enfermeiros e enfermeiras que, de acordo coas leis vixentes, exerzan a súa profesión na provincia de Ourense, en calquera das súas modalidades, ben de forma independente ou ben ao servizo da Administración do Estado, da Comunidade Autónoma, local, institucional ou de calquera outra entidade pública ou privada, sempre que a súa titulación sexa condición exixible para o desempeño da súa actividade ou acceso ao cargo.

Artigo 2

O Colexio regulado nestes estatutos denominarase Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense, o seu ámbito de actuación esténdese ao territorio da provincia de Ourense e o seu domicilio radica na rúa Vila Valencia, nº 18 baixo (CP 32002) da cidade de Ourense.

Por acordo da Xunta de Goberno poderán establecerse delegacións colexiais no territorio da provincia.

A paxina web do Colexio e: www.enfermeriaourense.org

Así mesmo, por acordo da Xunta Xeral establecerase o escudo, a bandeira, as condecoracións e recompensas e demais distintivos colexiais, que terán que respectar en todo caso os que establezan o Consello Galego de Enfermaría e o Consello Xeral para o conxunto da organización colexial.

O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense terá o tratamento de ilustre, e o seu presidente gozará da consideración de autoridade no ámbito corporativo e no exercicio das funcións da Presidencia. O/a presidente/a terá o tratamento de ilustrísimo/a señor/a.

Artigo 3

Son fins esenciais do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense a ordenación do exercicio da profesión de enfermaría, a representación exclusiva desta, nos termos recollidos na normativa vixente sobre a obrigatoriedade da colexiación, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados no seu ámbito de actuación, a protección dos intereses dos pacientes e usuarios dos servizos dos seus colexiados, a promoción da constante mellora da calidade das prestacións profesionais dos colexiados, a través da formación e o perfeccionamento desta, a mellora dos estudos que conducen á obtención do título que habilita para o exercicio da profesión e as súas especialidades, a colaboración coas administracións públicas no exercicio das súas competencias nos termos previstos nas leis, velando pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de enfermaría para que a actividade profesional se adecue aos intereses dos cidadáns, todo iso sen prexuízo das competencias das administracións públicas, nin da representación sindical no ámbito específico das súas funcións.

Artigo 4

Para a consecución dos seus fins, o Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense, no seu ámbito territorial, exercerá as funcións que lle atribúen a lexislación básica estatal e, se é o caso, a autonómica, e especificamente as funcións seguintes:

a) Cantas lle sexan encomendadas pola Administración e a colaboración con esta mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que poidan serlle solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa.

b) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.

c) Participar nos consellos ou órganos consultivos da Administración e universidades, en materia da súa competencia e de acordo coa normativa vixente en cada caso.

d) Nos termos previstos na normativa vixente, participar na elaboración dos plans de estudo e informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, e manter permanente contacto con eles, preparando a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos profesionais.

e) Colaborar coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora do ensino nos termos previstos na normativa vixente.

f) Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afectan os intereses profesionais e exercer o dereito de petición, conforme a lei.

g) Facilitarlles aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos, segundo proceda.

h) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e pola conciliación dos seus intereses co interese social e os dereitos dos usuarios, así como polo cumprimento das normas deontolóxicas, que terán carácter de obrigado cumprimento.

i) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre os colexiados, logo de solicitude dos interesados.

j) Adoptar as medidas conducentes a evitar a intrusión profesional e a competencia desleal.

k) Exercer funcións arbitrais nos asuntos que lle sexan sometidos, conforme a lexislación xeral de arbitraxe.

l) Facilitar aos colexiados a máis extensa gama de prestacións e servizos, como lecer, vivendas, seguros, medios técnicos e calquera outro análogo, así como crear, fomentar e, se é o caso, participar en sociedades, cooperativas, fundacións, empresas e colaboracións comerciais.

m) Organizar e promover actividades e servizos de carácter profesional, asistencial, de previsión, de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas no exercicio profesional, ou outras actividades de análoga natureza que sexan de interese para os colexiados.

n) Elaborar e aprobar os seus propios estatutos, así como as súas modificacións, de acordo coa normativa vixente, informando diso o Consello Xeral e o Consello Autonómico, se é o caso.

o) Exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial nos termos establecidos nos presentes estatutos e de acordo coa normativa aplicable.

p) Encargarse do cobramento das percepcións e remuneracións ou honorarios profesionais, cando o colexiado o solicite expresamente, nos casos en que o Colexio teña creados os servizos axeitados e nas condicións que se determinen.

q) Elaborar e aprobar os seus orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

r) Establecer e exixir as achegas económicas dos colexiados, exercendo as accións procedentes para a súa reclamación en caso de non pagamento.

s) Colaborar e informar nos procedementos xudiciais ou administrativos no ámbito da súa competencia, que afecten os profesionais ou a profesión de enfermaría.

t) Emitir informe sobre os proxectos das normas da Comunidade de Galicia que poidan afectar os profesionais que agrupen, ou se refiran aos fins e funcións a eles encomendadas.

u) Organizar actividades encamiñadas á formación, ao perfeccionamento profesional, ao fomento da investigación e ao desenvolvemento científico-profesional entre os colexiados.

v) Manter regularmente informados os colexiados das actividades desempeñadas, así como calquera cuestión que poida ser do seu interese.

w) Manter con outros colexios profesionais e consellos de colexios autonómicos e Consello Xeral as relacións que correspondan segundo a normativa vixente.

x) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis xerais, específicas e os presentes estatutos, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiados en materia da súa competencia. Os acordos, decisións e recomendacións dos colexios observarán os limites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

y) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea.

z) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados ou da protección dos intereses dos pacientes e usuarios dos servizos prestados polos colexiados, e que se encamiñen ao cumprimento dos fins colexiais.

Artigo 5

O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense poderá establecer os regulamentos de réxime interior que considere convenientes para o mellor cumprimento dos seus fins, logo de acordo da Xunta Xeral.

Artigo 6

1. O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense disporá dunha páxina web e colaborará co conxunto da Organización Colexial de Enfermaría, especialmente co Consello Xeral, así como coas administracións públicas, no necesario para que, a través do portelo único establecido na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación e para darse de baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, o Colexio, a través deste portelo único, garantirá que os enfermeiros poidan:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso e exercicio da súa actividade profesional.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña a condición de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivo e a resolución destes polo colexio profesional, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados e colexiadas ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do referido portelo único o Colexio ofrecerá aos pacientes e usuarios a información seguinte, a cal terá que ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) Os medios e condicións de acceso ao censo de enfermeiros colexiados.

b) As vías de reclamación e os recursos que poderán interporse en caso de conflito entre un colexiado e un destinatario do servizo profesional.

c) O acceso ao Rexistro de Enfermeiros de Ourense, que estará permanentemente actualizado e no que constarán, polo menos, os datos seguintes: o nome e apelidos dos profesionais colexiados, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, o enderezo profesional e a situación de habilitación profesional.

3. Mediante acordo dos órganos de goberno do Colexio adoptaranse as medidas necesarias para o cumprimento do previsto na normativa aplicable e incorporar para iso tecnoloxías compatibles que garantan o intercambio de datos.

Capítulo II
Dos colexiados e as súas clases. Adquisición, denegación
e perda da condición de colexiado

Artigo 7

a) No Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense incorporaranse con carácter obrigatorio, nos termos establecidos na normativa reguladora sobre a obrigatoriedade de colexiación e igualdade de dereitos corporativos, aqueles que se encontren en posesión do correspondente título de graduado/a en Enfermaría, diplomado/a en Enfermaría, ATS, Practicante, Enfermeira ou Matrona, ou calquera outro que no futuro se poida establecer en relación e vinculado á profesión de enfermaría, teñan o propósito de exercer a súa profesión e cumpran os demais requisitos que poida establecer o Consello Xeral, o Consello Autonómico ou o propio Colexio nestes estatutos para a ordenación da profesión e a práctica profesional conforme as normas deontolóxicas.

En todo caso, será obrigatoria a colexiación para os enfermeiros ao servizo das administracións públicas cuxas funcións comprendan a realización de actos profesionais que teñan como destinatarios inmediatos os usuarios do Sistema público de saúde de Galicia, así como tamén para o exercicio da actividade privada, nos termos fixados na normativa aplicable en materia de colexiación.

b) Enténdese que exerce a profesión a sociedade profesional que realice calquera das actividades que o ordenamento xurídico determine como propias da profesión de enfermaría.

A inscrición dunha sociedade profesional non exime da colexiación das persoas físicas, polo que tamén será obrigatoria a colexiación dos socios profesionais e dos profesionais non socios que traballen para ela.

A sociedade profesional inscribirase no rexistro de sociedades do Colexio, o que determinará a súa incorporación a este para os efectos de que se exerzan sobre elas as competencias que o ordenamento xurídico lle outorga sobre os profesionais colexiados

c) Tamén se poderán incorporar voluntariamente como colexiados non exercentes aqueles que, posuíndo algún dos títulos referidos no primeiro parágrafo anterior, non estean no exercicio da profesión no ámbito territorial do Colexio.

d) Poderán ser colexiados de honra aquelas persoas que aínda que non reúnan as devanditas condicións reciban este nomeamento por acordo da Xunta Xeral, en atención aos méritos ou servizos prestados a favor da profesión ou da sociedade en xeral. Os colexiados así nomeados non poderán formar parte da Xunta de Goberno.

e) Para o exercicio efectivo da función de control da actividade dos colexiados, en beneficio dos pacientes e usuarios, o Colexio adoptará os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

O exercicio da profesión de enfermaría realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, no referente á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, ás normas de transposición da Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, á lexislación sobre defensa da competencia e á lexislación sobre a competencia desleal. Os demais aspectos do exercicio profesional continuarán rexéndose pola lexislación xeral e normativa específica sobre a ordenación da profesión.

Artigo 8

Non obstante o que se establece nos parágrafos anteriores, todo colexiado en posesión da titulación correspondente para o exercicio da profesión poderá levalo a efecto, sen necesidade de estar inscrito neste colexio, nos casos seguintes:

a) Cando a súa actuación se limite á atención de parentes dentro do cuarto grao de consanguinidade ou afinidade.

b) Cando o exercicio se limite a intervencións accidentais de carácter urxente.

Artigo 9

Para a colexiación de enfermeiros/as estranxeiros/as atenderase ao que determinen as disposicións vixentes na materia.

O Colexio deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso de actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 10

Para adquirir a condición de colexiado será necesaria a presentación da solicitude correspondente dirixida ao presidente do Colexio, á cal se deberán xuntar os documentos seguintes:

a) Documento oficial que acredite a idade e identidade do interesado.

b) Título profesional ou, se é o caso, certificación académica acreditativa da terminación dos estudos, con xustificante do pagamento dos dereitos de expedición do título, ata a entrega deste, momento en que deberá ser presentado no Colexio para o seu rexistro.

No caso de que se trate dun cidadán membro da Comunidade Económica Europea ou extracomunitario, deberá achegar copia auténtica do título profesional debidamente homologado, sen prexuízo do cumprimento da normativa aplicable sobre exixencia de cualificación profesional, autorizacións e condicións mínimas de formación, co fin de garantir a calidade das prestacións que se realicen no ámbito territorial do Colexio. Toda a documentación que requira o Colexio deberá presentala o solicitante debidamente traducida por intérprete xurado oficial.

c) Recibo acreditativo de satisfacer o pagamento da cota de ingreso. A cota de ingreso non superará os custos asociados á tramitación da inscrición.

d) No caso de que o solicitante estea colexiado noutro colexio nacional de diferente ámbito territorial da provincia de Ourense, será suficiente que achegue certificación do colexio de procedencia, acreditativa do período de colexiación e do pagamento das cotas que lle correspondesen por tal período. O seu expediente remitirase desde o devandito colexio.

O Colexio disporá dos medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar a súa colexiación por vía telemática.

A Xunta de Goberno resolverá sobre a solicitude, dentro do prazo máximo de trinta días posteriores á súa presentación, e deberá comunicar por escrito ao solicitante, cando así proceda, as causas da denegación. No caso de que a Xunta de Goberno non dite resolución no prazo previsto, o silencio administrativo considerarase con carácter positivo, sen prexuízo das facultades de inspección e pescuda que poida desenvolver o Colexio en defensa dos intereses dos pacientes e usuarios dos servizos prestados polos colexiados. Contra as resolucións que adopte a Xunta de Goberno en materia de colexiación poderá interporse o recurso corporativo correspondente.

Artigo 10 bis

Cando se trate dunha sociedade profesional, ademais de acreditar a inscrición previa no Rexistro Mercantil, a solicitude de inscrición constará dos seguintes datos, co fin de que o Colexio poida exercer sobre aquela as competencias que lle outorga o ordenamento xurídico sobre os profesionais colexiados:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e cita identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante, e duración da sociedade de ser ter constituído por tempo determinado.

c) Actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social.

d) Identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

Á solicitude inicial deberá xuntarse copia fidedigna da escritura de constitución e dos estatutos sociais.

Cumpridos os anteriores requisitos e o procedemento establecido no último parágrafo do artigo anterior, a sociedade inscribirase no Rexistro de Sociedades Profesionais.

Calquera cambio de socios e administradores e calquera modificación do contrato social serán igualmente obxecto de inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais.

Artigo 11

Sen prexuízo do que se dispón no artigo 7, o Colexio poderá, logo de acordo da Xunta de Goberno, atribuír a condición de colexiados non exercentes a aqueles que se encontren nos supostos recollidos nestes estatutos e nos demais que poida determinar a Xunta de Goberno.

Os colexiados non exercentes terán todos os dereitos establecidos nestes estatutos agás o acceso a cargos colexiais e os que deriven do exercicio profesional. A Xunta de Goberno poderá establecer cotas colexiais especiais ou mesmo eximir do seu pagamento este colectivo. O pagamento das achegas que correspondan ao Consello Xeral respecto dos colexiados non exercentes realizarase en función das cantidades efectivamente cobradas polo Colexio.

En calquera caso, os colexiados non exercentes virán obrigados a comunicarlle ao Colexio a súa reincorporación ao exercicio profesional no ámbito da provincia de Ourense no prazo de dez días desde que esta se produza, para o fin da súa incorporación como colexiados exercentes.

Artigo 12

A condición de colexiado perderase:

a) Por falta de pagamento de catro cotas ordinarias ou extraordinarias do Colexio.

b) Por condena firme que leve consigo a accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Por expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario.

d) Por causar baixa voluntariamente.

En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas expresadas nas alíneas a), b) e c) deberá serlle comunicada ao interesado, momento en que producirá efectos, agás o que se dispón nos casos de interposición de recursos.

Capítulo III
Dos dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 13

Os colexiados terán os dereitos seguintes:

a) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de petición, o de voto e o de acceso aos postos e cargos directivos segundo o regulado nos presentes estatutos. O voto dos colexiados exercentes terá igual valor que o dos non exercentes.

b) Ser defendidos por pedimento propio polo Colexio, cando sexan vexados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

c) Ser representados e asesorados polo Colexio, cando necesiten presentar reclamacións fundadas ás autoridades, tribunais e entidades oficiais ou particulares.

d) Pertencer ás entidades de previsión que para protexer os profesionais estean establecidas.

e) Formular ante a Xunta de Goberno ou o servizo de atención aos pacientes ou usuarios e colexiados as queixas, peticións e iniciativas que considere procedentes, incluíndo a súa presentación por vía telemática.

f) A recibir información e realizar os trámites previstos nestes estatutos, a través do portelo único previsto no artigo 6.

g) Examinar os libros de contabilidade e de actas do Colexio, logo de solicitude; así como conseguir a expedición de certificación daqueles acordos que os afecten persoalmente.

h) Ao uso da insignia e do uniforme profesional que se teña creado e aprobado.

i) Ao uso das dependencias do Colexio, nas condicións que este determine.

j) Á exención do pagamento de cotas do Colexio durante a prestación de servizos con carácter permanente, exclusivo e non remunerado nunha ONG ou de carácter altruísta ou de beneficio social ou por outros motivos excepcionais análogos, logo do acordo da Xunta de Goberno.

k) Ao uso do documento acreditativo da súa identidade profesional, expedido polo órgano colexial correspondente.

l) A tramitar por conduto do Colexio, que lle dará curso co seu preceptivo informe, toda petición ou reclamación que teñan que formular ao Consello Xeral ou ao Consello Autonómico.

Artigo 14

Os colexiados teñen os deberes seguintes:

a) Cumprir o que se dispón nestes estatutos, nos do Consello Autonómico e nos do Consello Xeral, e as decisións destes órganos.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais tanto ordinarias coma extraordinarias.

c) Denunciar ante o Colexio todo acto de intrusión que se produza na provincia e chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal, tanto por non colexiación como por acharse suspendido ou inhabilitado o denunciado.

d) Participarlle ao Colexio os seus cambios de domicilio ou residencia, así como as ausencias superiores a catro meses.

e) Emitir o seu informe ou dar o seu parecer cando fosen convocados para iso polo Colexio.

f) Cumprir as prescricións do código deontolóxico da enfermaría española.

g) Aceptar, agás xusta causa, e desempeñar fielmente os cargos colexiais para os cales foron nomeados ou elixidos.

h) Exhibir o documento de identidade profesional cando legalmente sexa requirido para iso.

TÍTULO ii
Da estrutura e funcionamento do Colexio

Capítulo I
Dos órganos de goberno do Colexio. Estrutura e funcións

Artigo 15

O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense está rexido polos seguintes órganos: a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno, a Comisión Executiva e o presidente.

Artigo 16

A Xunta Xeral é o órgano soberano de goberno do Colexio e reunirase, con carácter ordinario, unha vez dentro de cada ano natural correspondente, onde se aprobarán os orzamentos de gastos e ingresos, balance de contas e achegas aos distintos organismos que en cada caso proceda, e a aprobación da xestión do órgano de goberno e do seu presidente, aprobación e reforma dos estatutos e normas deontolóxicas.

Artigo 17

A Xunta Xeral, ademais da reunión ordinaria a que se refire o artigo anterior, poderá reunirse en sesión extraordinaria. Tanto unha como outra serán convocadas por acordo da Xunta de Goberno, cun mínimo de dez días de antelación mediante comunicación dirixida a todos os colexiados, indicando lugar, data e hora da reunión, tanto en primeira como en segunda convocatoria, e a orde dos asuntos que se van tratar. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos non comprendidos na orde dos temas para tratar ou orde do día.

Artigo 18

A Xunta Xeral, tanto ordinaria coma extraordinaria, quedará validamente constituída coa asistencia da metade máis un dos colexiados na primeira convocatoria e calquera que sexa o número de asistentes na segunda, que terá lugar polo menos trinta minutos despois da hora en que fose convocada a primeira.

Os acordos serán adoptados por maioría dos asistentes, e será por votación secreta cando así o solicite o 15 % dos colexiados que asistan á Xunta. En calquera caso, será secreto o voto cando afecte cuestións relativas ao decoro dos colexiados.

Serán presidente e secretario da Xunta Xeral os que o sexan do Colexio. O presidente abrirá e pechará a sesión facendo de moderador, e poderá delegar esta función en calquera colexiado.

Artigo 19

A Xunta Xeral extraordinaria deberá ser convocada cando así o acorde a Xunta de Goberno ou o solicite o 15 % dos colexiados debidamente censados e ao día nas súas obrigas colexiais.

Neste último caso a Xunta Xeral extraordinaria deberá ser convocada dentro dos 30 días seguintes á data de presentación da solicitude.

Artigo 20

Cos requisitos establecidos no artigo anterior para solicitar a convocatoria da xunta xeral extraordinaria, poderá solicitarse a inclusión na orde do día dunha moción de censura a membros da Xunta de Goberno, ou a esta en xeral, expresando con claridade as razóns en que se funde, quedando obrigada a Xunta de Goberno a incluíla na orde de asuntos para tratar da primeira xunta xeral extraordinaria que se realice. Se a moción de censura fose aprobada, os membros censurados ou, se é o caso, toda a Xunta deberán dimitir, e convocar inmediatamente eleccións de novos cargos.

En todo caso, para que prospere unha moción de censura será necesaria a asistencia á Xunta Xeral en que se trate da metade máis un dos colexiados.

Artigo 21

A Xunta de Goberno será o órgano executivo e representativo do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense.

A Xunta de Goberno estará constituída polo Pleno e a Comisión Executiva.

Artigo 22

O Pleno da Xunta de Goberno estará integrado polos seguintes membros: presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e cinco vogais.

O presidente e secretario da Xunta de Goberno tamén o son do Colexio. En casos de ausencia, enfermidade, recusación ou vacante, o presidente será substituído polo vicepresidente, e o resto dos membros do devandito pleno serán designados entre os vogais da Xunta de Goberno, por proposta do seu presidente.

No caso de que se produza vacante nos cargos de vogais, o Pleno da Xunta de Goberno designará un substituto de entre os suplentes.

Artigo 23

Os cargos da Xunta de Goberno percibirán as retribucións ou gastos de representación que, pola súa dedicación, lles sexan asignados ou consignados nas partidas correspondentes dos orzamentos anuais.

Artigo 24

Serán funcións da Xunta de Goberno:

a) Executar os acordos adoptados pola Xunta Xeral.

b) Dirixir e administrar o Colexio en beneficio da corporación.

c) Exercer as facultades disciplinarias e impoñer sancións de acordo co preceptuado nestes estatutos.

d) Confeccionar os orzamentos anuais e aprobar o seu anteproxecto, así como elaborar o balance do ano anterior para a súa presentación e aprobación pola Xunta Xeral.

e) A representación do Colexio ante os tribunais de xustiza e ante a Administración pública, agás cando por lei lle corresponda ao presidente.

f) Aprobar os regulamentos de réxime interior.

g) Convocar eleccións para cubrir as vacantes producidas na propia Xunta de Goberno en máis da metade dos seus membros, do cal informará o Consello Autonómico e o Consello Xeral.

h) Crear comisións de traballo ou seccións colexiais de colectivos de enfermaría cando se xulgue necesario e designar o seu coordinador ou responsable.

i) Fixar as cantidades correspondentes a gastos de locomoción, axudas de custo ou outras retribucións que se determinen.

j) Nomear o presidente e os vogais que se xulgue conveniente da Comisión Deontolóxica Provincial.

k) Nomear o presidente e os dous vogais da mesa electoral, cos correspondentes substitutos.

l) A designación de auditores, no suposto establecido no artigo 32.3 da Lei 11/2001, no momento da convocatoria de eleccións.

m) Aprobar e publicar a memoria anual segundo a lexislación vixente.

Artigo 25

A Comisión Executiva do Colexio estará integrada por:

a) O presidente.

b) O vicepresidente

c) O secretario.

d) O tesoureiro.

Artigo 26

A Comisión Executiva é o órgano permanente de goberno e administración do Colexio. Poderá adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia informando o Pleno da Xunta de Goberno das decisións adoptadas para a súa ratificación na sesión seguinte. Correspóndelle, ademais, as seguintes funcións:

a) A xestión ordinaria dos intereses da Corporación.

b) Recadar e administrar os fondos do Colexio.

c) O establecemento e organización dos servizos e áreas de traballo necesario para o mellor cumprimento das funcións colexiais. Deberá designar un responsable de entre os membros da Xunta de Goberno.

d) Preparar os traballos e debates do Pleno da Xunta de Goberno.

e) Acordar ou denegar a admisión de colexiados.

Artigo 27

O Pleno da Xunta de Goberno reunirase ordinariamente unha vez cada tres meses, sen prexuízo de poder facelo con maior frecuencia cando a importancia dos asuntos o requira.

As convocatorias para a reunión do Pleno faraas a Secretaría, co mandato previo da Presidencia, con cinco días de antelación como mínimo. Formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente. Fóra deste non se poderán tratar outros asuntos, non sendo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes, e deberán reunirse na primeira convocatoria a maioría dos membros que integren o Pleno. Os acordos adoptados en segunda convocatoria serán válidos, sexa cal for o número de asistentes. O presidente terá voto de calidade.

Ás reunións do Pleno poderán asistir asesores convocados polo presidente, así como os suplentes da candidatura e o presidente da Comisión Deontolóxica, con voz, pero sen voto.

Artigo 28

A Comisión Executiva reunirase ordinariamente unha vez ao mes, sen prexuízo de que cando os asuntos o requiran o efectúe con maior frecuencia. As convocatorias para a reunión da Comisión Executiva faraas a Secretaría, co mandato previo da Presidencia, con tres días de antelación como mínimo. Formularanse por escrito e irán acompañadas da orde do día correspondente.

Fóra deste non se poderán tratar outros asuntos, a non ser que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes e deberán reunirse na primeira convocatoria a maioría dos membros que integren a Comisión Executiva. Os acordos adoptados en segunda convocatoria serán válidos, sexa cal for o número de asistentes. O presidente terá voto de calidade.

Ás reunións poderán asistir asesores designados polo presidente, con voz pero sen voto.

Artigo 29

Non poderán formar parte da Xunta de Goberno:

a) Os colexiados que fosen condenados por sentenza firme, que comporte a inhabilitación para cargos públicos.

b) Os colexiados aos cales se lles impuxese sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave e non sexa cancelada.

c) Os colexiados establecidos no artigo 11 destes estatutos.

d) Para o cargo de presidente, os colexiados que non cumprisen 10 anos de colexiación no Colexio; para os demais cargos da Comisión Executiva, os colexiados que non cumprisen polo menos cinco anos de colexiación no Colexio; para os restantes cargos e substitutos das candidaturas, os colexiados que non cumpran polo menos un ano de colexiación neste colexio.

Artigo 30

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Expiración do termo ou prazo para o cal foron elixidos.

b) Renuncia do interesado.

c) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas.

d) Por concorreren neles as causas sinaladas no artigo 12.

e) Aceptación da moción de censura segundo establecen estes estatutos.

Artigo 31. O presidente

O presidente exerce a xefatura superior de todos os servizos e áreas de traballo do Colexio, así como a representación máxima deste en todas as súas relacións cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoas xurídicas ou naturais de calquera orde, velando dentro do seu ámbito territorial polo cumprimento das prescricións regulamentarias, dos acordos e das disposicións que dite a Xunta de Goberno, e demais órganos do Colexio.

Ademais correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Exercer as accións que correspondan en defensa dos dereitos dos colexiados e do Colexio ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase, outorgando e revogando os poderes que sexan necesarios para iso.

b) Presidir, abrir e levantar todas as sesións dos órganos do Colexio e dirixir o seu debate, exercendo o voto de calidade se for preciso.

c) Visar as certificacións e actas realizadas polo secretario.

d) Autorizar os informes e comunicacións que se teñan que cursar. Visar os nomeamentos e certificacións do Colexio.

e) Autorizar a apertura de contas bancarias, as imposicións que se fagan, os talóns ou cheques para retirar as cantidades, ordenar os pagamentos e os libramentos para a disposición de fondos, todo iso conxuntamente co tesoureiro.

f) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, informando o órgano correspondente do Colexio das decisións adoptadas para a súa ratificación na sesión seguinte.

g) Subscribir acordos ou convenios de colaboración con asociacións, corporacións e calquera outra entidade para fomentar, crear e organizar actividades, servizos e institucións de interese para a profesión que teñan por obxecto a asistencia social e sanitaria, a cooperación, o mutualismo, o fomento da ocupación, a promoción cultural e outra, logo de acordo de Xunta de Goberno.

h) Outorgar poderes para o exercicio das accións de todo tipo que correspondan en cada caso ao Colexio.

i) Realizar operacións de adquisición, venda, hipoteca ou gravame, así como solicitar créditos e subscribir contratos de servizos, sempre que o seu importe temporizado non supere o 25 % do orzamento anual do Colexio, tomando como referencia o do exercicio anual inmediatamente anterior. Así mesmo, poderá contratar en nome do Colexio produtos financeiros conxuntamente co tesoureiro, co acordo previo da Comisión Executiva.

j) Nomear os asesores que considere necesarios e poñelo en coñecemento da Xunta de Goberno, sempre que exista dotación orzamentaria.

k) Obter subvencións, aceptar doazóns e legados, como medios para aumentar os recursos económicos e patrimonio; dará coñecemento da súa actuación na primeira reunión que realice a Xunta de Goberno.

Artigo 32. O vicepresidente

O vicepresidente levará a cabo todas aquelas funcións que lle confira o presidente, asumindo as deste en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante.

Artigo 33. O secretario

Serán funcións do secretario e, en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante deste, do vogal que o substitúe estatutariamente, as seguintes:

a) Redactar as actas das sesións dos órganos do Colexio.

b) Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do Colexio, segundo as ordes que reciba do presidente e coa anticipación debida.

c) Exercer a xefatura do servizo administrativo e recursos humanos do Colexio.

d) Proporlles aos órganos correspondentes o establecemento dos medios e mecanismos que garantan a custodia dos libros, selos, arquivos e documentos do Colexio; deberá existir obrigatoriamente aquel en que se anoten as correccións que se impoñan aos colexiados, así como o libro de rexistro de títulos.

e) Redactar conxuntamente co tesoureiro, na área das súas competencias, a memoria anual exixida pola lexislación vixente.

f) Dar fe dos actos e acordos do Colexio e expedir as certificacións pertinentes visadas polo presidente.

Artigo 34. O tesoureiro

Serán funcións do tesoureiro e en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante deste, do vogal que o substitúe estatutariamente, as seguintes:

a) Exercer a xefatura do servizo de tesouraría do Colexio.

b) Expedir e cubrir, por instancia do presidente, os libramentos e demais medidas previstas no artigo 31, conxuntamente co presidente.

c) Propor e xestionar cantos asuntos sexan conducentes á boa marcha contable do Colexio, subscribindo co presidente os libramentos de pagamento que aquel como ordenador de pagamentos realice.

d) Levar os libros necesarios para o rexistro de ingresos e gastos e, en xeral, o movemento patrimonial.

e) Redactar conxuntamente co secretario, no ámbito das súas competencias, a memoria anual exixida pola lexislación vixente.

f) Informar o presidente, o Pleno e a Comisión Executiva das necesidades observadas e da situación de tesouraría.

g) Formular anualmente a conta xeral e presentar o proxecto de orzamentos á Xunta de Goberno do Colexio, efectuando as operacións contables que correspondan dunha maneira regular e periódica, para o cal e dado o seu carácter non profesional, poderá servirse dos medios, asesores e empregados necesarios que se lle poidan asignar.

h) Levar o inventario dos bens do Colexio.

Artigo 35. Os vogais

Os vogais exercerán a xefatura dos servizos ou áreas de traballo que, se é o caso, lles sexan asignadas pola Comisión Executiva.

Artigo 36. Dedicación exclusiva ao Colexio

Cando así se considere necesario, calquera dos membros da Xunta de Goberno poderá ser dedicado en réxime de dedicación total ou parcial ao Colexio, polo que se lle recoñecerán as retribucións económicas que coide procedentes a Xunta de Goberno, de acordo coa dotación orzamentaria correspondente.

Capítulo II
Execución de acordos e libros de actas

Artigo 37

Tanto os acordos da Xunta Xeral como os da Xunta de Goberno, Pleno e Comisión Executiva, como os acordos e actos do resto dos órganos do Colexio, ditados dentro das súas competencias, serán inmediatamente executivos e servirá de base naquilo que sexa necesaria a certificación do acordo que conste na acta correspondente, se for o caso, expedida polo secretario co visto e prace do presidente.

Artigo 38

No Colexio levaranse obrigatoriamente tres libros de actas onde se transcribirán separadamente as correspondentes á Xunta Xeral, ao Pleno da Xunta de Goberno e á Comisión Executiva, sen prexuízo da posibilidade de incorporar os medios e técnicas avanzadas admitidas en dereito, sempre que se garanta a autenticidade do contido das devanditas actas.

As actas correspondentes á Xunta de Goberno e Comisión Executiva serán asinadas por todos os membros asistentes.

As actas da Xunta Xeral serán asinadas por tres interventores designados pola Xunta Xeral, polo secretario e visadas polo presidente.

Capítulo III
Do réxime electoral

Artigo 39

a) Poderán ser membros da Xunta de Goberno todos os colexiados non comprendidos no artigo 29 destes estatutos e colexiados no Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense cunha antigüidade mínima de dez anos para o cargo de presidente, de cinco anos para os demais cargos da Comisión Executiva e dun ano para os restantes cargos do Pleno da Xunta de Goberno e suplentes da candidatura.

b) A elección dos membros da Xunta de Goberno e a dos suplentes será por votación persoal, directa e secreta dos colexiados; poderán acudir á sede colexial en que hai que depositar persoalmente o voto ou ben emitilo por correo certificado. Os sobres para a emisión de voto por correo serán editados en formato único oficial pola Xunta de Goberno do Colexio, seguindo as características que figuran neste artigo.

c) A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno, e nela deberá sinalar a data ou datas de realización destas, en concordancia cos prazos establecidos na alínea d do presente artigo, así como as horas de apertura e peche da votación e a relación de cargos e suplentes que conforman a candidatura - pechada e completa - da Xunta de Goberno a cuxa elección deba procederse conforme a composición da Xunta de Goberno que establecen os presentes estatutos. Neste acto, a Xunta de Goberno designará o presidente e os dous vogais da mesa electoral, así como os seus respectivos substitutos entre os colexiados que estean ao día nas súas obrigas co Colexio. A composición da mesa electoral farase pública canda a convocatoria.

Así mesmo, na devandita xunta de goberno, cuxo acordo para a convocatoria de elección deberá facerse público nun prazo que non poderá ser superior a un mes desde a súa celebración, fixarase o formato único para a presentación das candidaturas, que tamén se terá que facer público, e das papeletas de voto. A mesa electoral constituirase antes de que finalice o prazo que ten a Xunta de Goberno para facer públicas as candidaturas.

d) As candidaturas, compostas por un total de nove membros titulares e nove suplentes, deberán presentarse na sede central do Colexio, en listas pechadas e completas, cos colexiados que se presenten como candidatos para a elección, en relación por cargos, e cos suplentes, no formato determinado pola Xunta de Goberno, dentro dos oito días naturais seguintes a aquel en que se faga pública a convocatoria, e unha vez transcorridos eses oito días, a Xunta de Goberno, dentro dos tres días hábiles seguintes, deberá facer públicas as candidaturas, co nome e apelidos dos candidatos e suplentes, así como os cargos a que optan en cada candidatura.

e) Ao facer públicas as candidaturas, a Xunta de Goberno deberá facer público o censo colexial, que conterá o nome e apelidos dos colexiados, así como o seu DNI e número de colexiado. O devandito censo deberá quedar exposto, para consulta polos interesados no local ou locais que ocupa o Colexio, durante o prazo de sete días naturais, durante o cal, quen o considere necesario, poderá formular reclamación para a corrección de erros en que puidese ter incorrido. Unha vez corrixidos os devanditos erros, o que terá lugar no prazo máximo de tres días hábiles, será publicado, na mesma forma que o anterior, o censo definitivo do cal se entregará, logo de solicitude a cada candidatura, un exemplar, que será o único censo válido para a celebración de eleccións. As candidaturas receptoras deste censo electoral deberán empregalo respectando en todo caso a normativa en vigor en materia de tratamento de datos de carácter persoal.

f) Se por calquera circunstancia algún dos candidatos a membros da Xunta de Goberno, unha vez proclamado, decide retirarse antes da celebración do proceso electoral, a candidatura conxunta deberá comunicar á Xunta de Goberno o nome do substituto que deberá substituílo.

g) O feito de que algunha candidatura resulte incompleta, unha vez presentada, por renuncia de ata o trinta por cento dos seus candidatos iniciais e suplentes, antes da data da votación, non implica a anulación da candidatura.

h) No día e hora sinalada na convocatoria formarase na sede do Colexio ou nas dependencias elixidas para ese fin, que en tal caso xa foron concretadas na convocatoria, a mesa electoral única que estará composta polas persoas designadas pola Xunta de Goberno. Así mesmo, a Xunta de Goberno proverá a mesa electoral de todos os medios informáticos e de persoal auxiliar e xurídico que se consideren necesarios.

i) O presidente da mesa, que dentro do local electoral ten a autoridade exclusiva para asegurar a orde, garantir a liberdade dos electores e a observancia da lei, poderá ordenar a inmediata expulsión das persoas que de calquera xeito entorpezan o desenvolvemento das votacións e escrutinio.

j) As candidaturas poderán, pola súa banda, designar entre os colexiados un interventor que os represente no desenvolvemento das votacións e escrutinio, e deberán notificar o nome do representante á Xunta de Goberno cunha antelación mínima de cinco días naturais anteriores á data de celebración da elección. A Xunta de Goberno expedirá a oportuna credencial.

k) Na mesa electoral deberá haber dúas urnas: a primeira, destinada aos votos dos colexiados que acudan persoalmente (urna xeral); a segunda, destinada aos votos que se reciban por correspondencia ata o momento do escrutinio, en que se procederá conforme o que se establece na letra t do presente artigo.

l) As urnas deberán estar pechadas, deixando unicamente unha rañura para depositar os votos. O contido de cada urna deberá estar sinalado claramente no exterior: «urna xeral», «voto por correo».

m) Formada a mesa electoral, o seu presidente, á hora fixada na convocatoria, indicará o comezo da votación, que finalizará á hora sinalada para ese fin na convocatoria, e será o dito presidente da mesa quen así o comunique chegado o remate desta, antes de proceder ao escrutinio.

n) As papeletas de voto deberán ser todas brancas, do mesmo tamaño e cor. Para estes efectos a Xunta de Goberno fixará un formato único para todas as candidaturas, que deberán levar impresos e correlativamente os cargos e nomes a cuxa elección se procede, así como a lista numerada dos suplentes, para os efectos previstos nestes estatutos, e que serán editadas gratuitamente polo Colexio. Igualmente, a Xunta de Goberno establecerá o modelo único dos sobres que conteñan as papeletas de voto, que será o mesmo tanto para os votos que sexan emitidos por correo como para os que se emitan persoalmente e que serán brancos do mesmo tamaño e sen ningún tipo de inscrición. As diversas candidaturas poderán, se o xulgan conveniente, solicitar do Colexio, ao presentalas, a impresión das papeletas en numero igual ao de colexiados que figure no censo, cos nomes dos candidatos, no cargo a que cada un deles aspira, así como a lista de suplentes para os efectos destes estatutos; as papeletas serán editadas gratuitamente polo Colexio.

o) Na sede onde se celebren as eleccións deberá haber sobres e papeletas de votación suficientes, que deberán ser impresas de acordo coas normas xa indicadas e estarán en moreas debidamente separadas.

p) Os votantes que acudan persoalmente a exercer o seu dereito a votar deberán acreditar ante a mesa electoral a súa identidade co carné de colexiado, documento nacional de identidade, pasaporte ou carné de conducir. A Mesa comprobará a súa inclusión no censo establecido para as eleccións e pronunciará en voz alta o nome e apelidos do votante, indicando que vota, momento en que introducirá o sobre coa papeleta dobrada no seu interior na urna correspondente.

q) Os colexiados que desexen emitir o seu voto por correo solicitarano por escrito, persoalmente ou por correo certificado dirixido ao presidente da mesa electoral, domiciliada na sede central do Colexio, no prazo de 12 días hábiles a partir da publicación da convocatoria de eleccións, indicando nome, apelidos, número de colexiado e o enderezo a que quere que se lle envíen os sobres e as papeletas para o exercicio do voto por correo.

r) Recibida polo presidente da mesa electoral a solicitude de voto por correo, e unha vez comprobado que a devandita solicitude cumpre todos os requisitos establecidos na alínea anterior e a súa inscrición no censo electoral, remitirá ao elector ao domicilio por el designado na solicitude, as papeletas e os sobres electorais.

s) Os votantes que queiran exercer o dereito ao voto por correspondencia deberán introducir a papeleta de votación, dobrada, nun sobre branco, o cal se introducirá noutro sobre, en cuxo anverso constará a palabra eleccións e no reverso o nome, dous apelidos, enderezo do votante e a súa sinatura. O formato único de ambos os dous sobres e a papeleta serán os establecidos pola Xunta de Goberno. Estes votos deberán dirixirse ao presidente da mesa electoral, o cal se fará responsable da súa custodia ata o momento do inicio das eleccións, que os introducirá na urna designada para ese fin. Serán válidos os sobres de voto por correspondencia que se reciban ata o momento do escrutinio. Serán declarados nulos sen máis trámite os votos por correo que se emitan en sobres diferentes aos oficiais así como os que non fosen solicitados á mesa electoral segundo o regulado nas alíneas q) e r) deste artigo.

t) Unha vez que o presidente da mesa electoral sinale o peche das votacións, procederase en público, e nun mesmo acto, á apertura das urnas, seguindo a orde que a seguir se sinala. En primeiro lugar, procederase á apertura da urna destinada aos votos emitidos por correo, e unha vez comprobado que o votante está inscrito no censo electoral, e non votou presencialmente, abrirase o sobre exterior e introducirase o sobre interior na urna xeral. Concluída esta primeira operación, procederase á desprecintaxe da urna xeral, a seguir abrirase cada un dos sobres que conteñen as papeletas do voto, e nomearanse en voz alta as candidaturas para o seu escrutinio.

u) Deberán ser declarados nulos, ademais do xa sinalado para os votos por correspondencia, todos aqueles votos que aparezan asinados ou riscados, ou con expresións alleas ao estrito contido da votación.

v) Finalizado o escrutinio, o presidente da mesa fará públicos os votos obtidos por cada unha das candidaturas. De todo iso levantarase acta que será asinada polo presidente da mesa e os vogais, e nela consignarase o número de votos obtidos por cada candidatura, o número de votos en branco e o número de votos nulos, así como as reclamacións efectuadas e os incidentes habidos que afectasen a orde da votación ou da redacción da acta. De seguido, proclamaranse os candidatos elixidos, con indicación dos suplentes da candidatura máis votada.

Os sobres e papeletas extraídos das urnas destruiranse, en presenza dos concorrentes, unha vez proclamada a candidatura gañadora, con excepción daqueles aos cales lles negase validez ou que fosen obxecto dalgunha reclamación, os cales se unirán á acta e se arquivarán con ela unha vez rubricada polos membros da mesa.

w) Cando no proceso electoral concorra unha soa candidatura, ou se retiren as xa presentadas, quedando unicamente unha delas, a mesa electoral procederá á proclamación desta sen máis trámites.

x) Concluída a xornada electoral, o presidente de mesa entregará a acta do proceso ao secretario do Colexio, que procederá ao seu rexistro e inserción no libro de actas e á súa publicación no taboleiro de anuncios.

y) De seguido, e dentro do prazo de dez días, levarase a cabo a toma de posesión dos candidatos elixidos. Unha vez realizada, o secretario expedirá as oportunas credenciais aos membros da Xunta de Goberno en que figurará o visto e prace do presidente, e no mesmo prazo contado a partir desta toma de posesión deberá pórse en coñecemento do organismo competente da Comunidade Autónoma de Galicia, do Consello Autonómico e Consello Xeral. En todo caso, a Xunta de Goberno terá a obriga de exercer os seus cargos e funcións ata a toma de posesión da nova Xunta de Goberno.

Artigo 40

Todos os nomeamentos de cargos directivos terán un mandato de duración de cinco anos e poderán ser reelixidos.

Capítulo IV
Do réxime xurídico dos actos colexiais e a súa impugnación

Artigo 41

a) Contra os actos suxeitos ao dereito administrativo emanados dos órganos colexiais caberá recurso de alzada ante o Consello Galego de Enfermaría. En defecto do Consello Galego, caberá recurso ante o Consello Xeral Nacional.

O recurso será interposto, no prazo dun mes, ante o colexio que ditou o acordo, que deberá elevar os antecedentes e o informe que proceda ao Consello Autonómico ou, de ser o caso, ao Consello Xeral, dentro dos quince días seguintes ao da data de presentación do recurso.

Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso sen que recaia resolución, poderase entender desestimado, e quedará expedita a vía procedente. Unha vez esgotado o recurso de alzada, caberá recurso contencioso-administrativo nos prazos e formas establecidas na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

b) Non obstante, contra os actos dos órganos do Colexio que poñan fin á vía administrativa poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que os ditou no prazo dun mes ou ser impugnados directamente ante a citada orde xurisdicional contencioso-administrativa. Transcorrido un mes desde a interposición do recurso de reposición, este entenderase desestimado.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso será dun mes.

c) Interposto o recurso dentro do prazo establecido, o órgano competente para resolver poderá suspender de oficio ou por petición da parte interesada a execución do acto impugnado cando a devandita execución poida causar prexuízos de imposible ou difícil reparación ou cando a impugnación se fundamente nalgunha causa de nulidade de pleno dereito.

Capítulo V
Do réxime de distincións e premios e medidas disciplinarias

Artigo 42

Os colexiados poderán ser distinguidos ou premiados coas recompensas ou premios que a seguir se especifican, e que se farán constar no expediente persoal, mediante acordo de:

1º. A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno ou por iniciativa dun ou varios colexiados:

a) Cruz de Enfermaría ao Mérito Colexial.

2º. Da Xunta de Goberno:

a) Bolsas de estudo ou viaxes para perfeccionar coñecementos profesionais.

b) Proposta á Administración pública para a concesión de condecoracións ou calquera outro tipo de honras.

Artigo 43

Os colexiados que infrinxan os seus deberes profesionais, o código deontolóxico da enfermaría española, os presentes estatutos, os do Consello Autonómico, os do Consello Xeral ou os acordos adoptados por calquera das corporacións anteriores poderán ser sancionados disciplinariamente.

Artigo 44

As faltas que poden comportar sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Son faltas moi graves:

a) Os actos ou omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a gobernan.

b) O atentado contra a dignidade, honestidade ou honra das persoas con ocasión do exercicio profesional ou de cargos corporativos.

c) A comisión de delitos, en calquera grao de participación, como consecuencia do uso ou exercicio da profesión ou de cargos corporativos.

d) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias dos colexios ou contrapostas nalgún xeito.

e) A reiteración nas faltas graves cando non fose cancelada a anterior.

f) A intrusión profesional e o seu encubrimento.

g) As infraccións graves nos deberes que a profesión impón.

Son faltas graves:

a) O incumprimento das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo Consello Xeral, o Consello Autonómico ou o propio Colexio, a non ser que constitúa falta doutra entidade.

b) Os actos de desconsideración cara a calquera dos demais colexiados.

c) A competencia desleal.

d) Negarse a aceptar a designación de instrutor en expedientes disciplinarios sen causa xustificada.

e) Os actos ou omisións descritas nas alíneas a), b) e c) do punto anterior, cando non tivesen entidade suficiente para seren considerados como moi graves.

f) A embriaguez con ocasión do exercicio profesional ou de cargos corporativos.

Son faltas leves:

a) A neglixencia no cumprimento de normas estatutarias.

b) Os actos enumerados no punto relativo ás faltas graves, cando non tivesen entidade para seren considerados como tales.

As faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometa. Non obstante, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento disciplinario, e reiniciarase o prazo de prescrición se o expediente estiver paralizado máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

Artigo 45

As sancións que se poden impoñer por faltas moi graves son:

a) Suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional por prazo superior a tres meses e non maior a un ano.

b) Suspensión para o desempeño de cargos corporativos por prazo superior a cinco anos e non maior a dez anos.

As sancións que se poden impoñer por faltas graves son:

a) Amoestación escrita, con advertencia de suspensión.

b) Suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional por prazo non superior a tres meses.

c) Suspensión para o desempeño de cargos corporativos por un prazo non superior a cinco anos.

As sancións que se poden impoñer por faltas leves son:

a) Amoestación verbal.

b) Reprensión privada.

c) Amoestación escrita sen constancia no expediente persoal.

Artigo 46

As faltas sancionaraas o presidente do Colexio, logo de acordo da Xunta de Goberno.

As faltas leves sancionaranse sen necesidade de expediente previo e tras a audiencia ou descargo do inculpado.

As faltas graves e moi graves sancionaranse tras a apertura de expediente disciplinario, conforme o artigo seguinte.

Artigo 47

Coñecida pola Xunta de Goberno a comisión dun feito que puidese ser constitutivo de falta grave ou moi grave, a propia xunta acordará a apertura de expediente disciplinario. Nel observaranse as seguintes regras:

a) A Xunta de Goberno notificaralle ao interesado a apertura do expediente acompañando o correspondente prego de cargos, que será redactado de xeito preciso con mención detallada dos feitos que lle imputan.

b) No prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ao da recepción do prego de cargos, o interesado poderá formular o de descargo, en que proporá a proba que interese ao seu dereito.

c) Unha vez recibido pola Xunta de Goberno o prego de descargo, este órgano someterao a axuizamento previo, do cal resultará acordo de sobresemento, se estima acreditada a inocencia do inculpado, caso en que se arquivarán as actuacións, ou acordo de continuación do expediente con nomeamento do instrutor.

d) De conformidade co previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Xunta de Goberno poderá adoptar en calquera momento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, o bo fin do procedemento, evitar o mantemento dos efectos da infracción e as exixencias dos intereses xerais.

e) O instrutor será designado pola Xunta de Goberno entre os colexiados que leven máis de dez anos de exercicio profesional.

f) O instrutor, no prazo de tres días hábiles, contado desde o seguinte ao da notificación do seu nomeamento, poderá manifestar por escrito ante a Xunta de Goberno as causas de escusa ou abstención que crea que concorren nel. A Xunta de Goberno resolverá sobre estas alegacións no prazo de dez días. Se as encontra estimables, procederá a nomear novo instrutor na mesma forma.

g) O colexiado expedientado, unha vez que se lle notifique a identidade do instrutor, poderá manifestar por escrito ante a Xunta de Goberno, no prazo dos catro días hábiles seguintes, as causas de recusación que cre que concorren nel; esta dará traslado ao instrutor para que formule as alegacións que xulgue oportunas no prazo de tres días. Cumprido este trámite, a Xunta de Goberno resolverá o incidente no prazo de dez días, sen que contra a súa decisión caiba ningún recurso.

h) Serán causa de abstención ou recusación a amizade íntima ou a inimizade manifesta co expedientado; o interese directo ou persoal no asunto; o parentesco por consanguinidade dentro do cuarto grao ou por afinidade dentro do segundo; e calquera outra circunstancia análoga.

i) Unha vez firme o nomeamento do instrutor, a Xunta de Goberno trasladaralle a este o expediente completo. O instrutor, no prazo de dez días, determinará as probas que se deben practicar. Todas elas se levarán a cabo ante o propio instrutor, no prazo de vinte días hábiles, a partir do acordo polo que se abra este período. Durante a práctica da proba o instrutor poderá contar coa asistencia do secretario do Colexio.

j) Unha vez practicada a proba, o instrutor elevará o expediente á Xunta de Goberno, con proposta de resolución no prazo de dez días hábiles. A Xunta de Goberno concederalle ao interesado un prazo de dez días hábiles para que poida formular por escrito as alegacións finais na súa defensa e, se é o caso, propor a proba que precise. Se a Xunta de Goberno non considera suficiente a proba practicada ante o instrutor, poderá ordenar que se leve a cabo ante ela a que coide pertinente no prazo que a propia xunta estableza e poderá solicitar os asesoramentos técnicos e legais que considere oportuno para unha máis xusta resolución.

k) Cumpridos, se é o caso, os trámites citados, a Xunta de Goberno resolverá dentro do prazo de dez días hábiles. A resolución seralle notificada ao interesado e será motivada; deberá conter os recursos que caben contra ela, os prazos de interposición e órganos ante os cales se teña que presentar. Para a aplicación de sancións, a Xunta de Goberno terá en conta as probas practicadas e as circunstancias agravantes ou atenuantes que poidan concorrer no feito ou feitos imputados.

l) A Xunta de Goberno coidará que a tramitación do expediente non teña unha duración superior a seis meses, contados desde o momento da apertura, a non ser que concorran causas xustificadas, que deberán ser mencionadas na resolución final.

m) Se dous ou máis colexiados son presuntos partícipes nun mesmo feito que poida ser constitutivo de falta, poderase formar un único expediente. Non obstante, deberán ser observadas todas as precaucións necesarias para que a participación e circunstancias de cada interveniente queden suficientemente individualizadas.

Capítulo VI
Do réxime económico e financeiro

Artigo 48

Os recursos do Colexio estarán constituídos polas cotas de ingreso; as cotas ordinarias ou extraordinarias; os legados, doazóns ou subvencións debidamente aceptadas; os ingresos procedentes de ditames ou asesoramentos que realice o Colexio e as taxas por expedición de certificacións; a prestación doutros servizos que o Colexio poida establecer; os produtos do alleamento de bens mobles ou inmobles; os xuros reportados polos depósitos bancarios; e, en xeral, todos aqueles bens que por calquera outra vía poida adquirir o Colexio.

Pagamento de cotas:

a) A cota de ingreso é única.

b) Todos os colexiados están obrigados a satisfacer as cotas ordinarias, que poderán ser de distinta contía para exercentes e non exercentes.

c) O Colexio poderá acordar en xunta xeral, por proposta da Xunta de Goberno, o establecemento de cotas extraordinarias, cuxo pagamento será así mesmo obrigatorio para todos os seus colexiados.

d) As cotas terán que ser satisfeitas ao Colexio, o cal expedirá o recibo correspondente e remitirá ao Consello Xeral e ao Consello Autonómico relación numeraria dos cobrados, e a achega que, conforme os acordos do Consello Xeral e do Consello Autonómico, o Colexio veña obrigado a satisfacer a estes. Do mesmo xeito, o Colexio remitirá a ambos os dous consellos os seus orzamentos anuais para o seu coñecemento.

e) O importe das cotas ordinarias ou extraordinarias deberá ser aprobado en xunta xeral, por proposta da Xunta de Goberno.

f) A Xunta de Goberno regulará a periodicidade de cobramento das cotas colexiais ordinarias.

Artigo 49

Para o desenvolvemento das tarefas administrativas do Colexio, a Xunta de Goberno poderá acordar a contratación daqueles empregados que sexan necesarios, os cales estarán suxeitos aos dereitos e obrigas previstas na normativa aplicable, nos convenios de aplicación ou na lexislación laboral.

Artigo 50

A disolución do Colexio terá lugar cando así o dispoña expresamente unha lei ou mediante acordo adoptado en xunta xeral, expresamente convocada para ese fin, sempre que concorran a esta o oitenta por cento dos colexiados censados, ao día nas súas obrigas colexiais, e se aprobe tal acordo por maioría de dous terzos dos colexiados censados presentes.

En caso de disolución do Colexio, a Xunta Xeral nomeará unha comisión liquidadora, a cal, no caso de que haxa bens e valores sobrantes, despois de satisfacer as débedas, os adxudicará a quen acorde a Xunta Xeral.

Artigo 51

As contas do Colexio serán auditadas, segundo se establece no artigo 24 l) destes estatutos, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos. O resultado da auditoría someterase a consideración na primeira xunta xeral ordinaria que se realice.

TÍTULO iii
Disposicións comúns aos títulos anteriores

Artigo 52

A Xunta de Goberno, por proposta do presidente, poderá nomear asesores xurídicos, fiscais, financeiros, etc. que emitirán informe sobre toda clase de consultas que se lles formulen sobre temas da súa competencia.

Os asesores dependerán organicamente do presidente e as súas retribucións e relación de servizos serán aprobados pola Xunta de Goberno.

Artigo 53

1. O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso, elaborará unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente analizados e especificando as retribucións dos membros da xunta de goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, indicando a infracción a que se refiren, a súa tramitación e, se é o caso, a sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos pacientes ou usuarios, á súa tramitación e, se é o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Contido dos seus códigos de conduta en caso de dispor deles.

f) As situacións de conflito de intereses en que se achen os membros das xuntas de goberno.

2. O Colexio deberá facer pública a súa memoria anual no primeiro trimestre de cada ano.

O Colexio subministrará ao Consello Xeral a información necesaria para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial.

Artigo 54. Servizo de atención aos pacientes ou usuarios e colexiados

1. O Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense disporá dun servizo de atención aos pacientes ou usuarios e colexiados, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados sexan presentadas por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O servizo de atención aos pacientes ou usuarios e colexiados poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, adoptando o acordo pertinente para que abra un procedemento sancionador o órgano colexial competente, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, se é o caso, corresponda.

3. Mediante o correspondente regulamento de funcionamento regularase a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática.

Disposición adicional

Con sometemento á lexislación vixente en todo o non disposto nestes estatutos, ou en canto deban de ser interpretados, serán de aplicación os estatutos da Organización Colexial de Enfermaría, do Consello Autonómico de Galicia, a Lei 2/1974, de colexios profesionais, na súa vixente redacción, a Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción vixente, así como cantas leis e disposicións poidan nun futuro aprobarse e sexan de aplicación no ámbito dos colexios profesionais.

Disposición transitoria

A Xunta de Goberno con cargo vixente no momento da aprobación destes estatutos deberá continuar exercendo os seus cargos e funcións ata a finalización do seu mandato, segundo determina o artigo 40 destes estatutos.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos, logo de cualificación de legalidade pola Xunta de Galicia, serán publicados no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación.