Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:
Feitos:
1. Jesús Navazo Ruiz, actuando en representación da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 3 de decembro de 2013 ante o notario Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número de protocolo 1023, por Jesús Navazo Ruiz, actuando na súa condición de secretario da Comisión Xestora da Fundación, cargo para o cal foi designado por Resolución da conselleira de Facenda do 22 de xaneiro de 2013.
A través desta escritura materialízase a transformación da Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra en fundación de carácter especial, coa denominación de Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, de conformidade co disposto no artigo 6 do Real decreto lei 11/2010, do 9 de xullo, de órganos de goberno e outros aspectos do réxime xurídico das caixas de aforros, segundo a redacción dada pola disposición derradeira décimo terceira, número tres, da Lei 9/2012, do 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito.
3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a atención e desenvolvemento da obra benéfico-social e a atención do Monte de Piedade que viña realizando a Caixa de Aforros de Galicia, Vigo, Ourense e Pontevedra. O mesmo artigo sinala como fins específicos da fundación actuacións relativas á mellora do tecido produtivo galego, desenvolvemento tecnolóxico e investigación, formación profesional e empresarial, actividade emprendedora, fomento do emprego, educación en todos os niveis, servizos de asistencia social e sociosanitarios, integración de colectivos marxinais e en risco de exclusión, apoio á cultura e ao deporte base, investimento en benestar e cohesión social e actividade do Monte de Piedade.
4. Nos estatutos da fundación constan a denominación e natureza, os fins e actividades encamiñadas ao seu cumprimento, as regras básicas para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais, a composición do padroado e, en xeral, o contido mínimo que establece o artigo 12 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
5. O Padroado inicial da fundación está formado por Manuel Galdo Pérez, Gonzalo Ortiz Amor, Francisco Giráldez Lores, Jesús Navazo Ruiz e Santiago Valencia Vila.
6. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese social e de fomento da economía produtiva de Galicia da Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional. Cumpríndose os requisitos exixidos pola Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido pola Consellería de Facenda.
7. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de decembro de 2013, clasificouse como de interese social e de fomento da economía produtiva de Galicia a Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social e adscribiuse á Consellería de Facenda para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Administración autonómica, de conformidade coa normativa aplicable.
Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Facenda, da Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, polo que:
RESOLVO:
1. Declarar de interese galego a Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social.
2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Facenda.
3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, en especial ás obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Facenda, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2013
María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio