A Orde do 2 de outubro de 2013 (DOG núm. 197, do 15 de outubro) establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral, no marco do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva.
No artigo 2 das bases da orde de convocatoria determínanse os requisitos que deberían cumprir as persoas candidatas das axudas correspondentes ao Programa de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral e no artigo 2 do anexo II da Orde do 2 de outubro concrétanse os requisitos para a modalidade B.
De acordo co establecido no artigo 6 da convocatoria, despois de estudadas as solicitudes publicáronse as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas e as persoas interesadas tiveron un prazo de dez días para formularen reclamacións para emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades. Unha vez examinada a documentación, publicouse a listaxe definitiva de solicitudes admitidas e excluídas.
As solicitudes admitidas foron avaliadas por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a partir da documentación indicada no artigo 4 do anexo II da convocatoria e segundo o baremo que se indica no artigo 5 do mesmo anexo.
O resultado desta avaliación achegóuselle á comisión de selección definida no artigo 7 da orde de convocatoria, a cal sumou 2 puntos ás persoas candidatas que superaron a puntuación mínima e que se comprometeron ao emprego da lingua galega na memoria final da actividade, e elaborou a proposta de concesión de acordo coas bases da convocatoria e a dispoñibilidade de recursos.
En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 8 das bases da convocatoria, e atendendo á proposta de concesión elevada pola citada comisión de selección, na súa reunión do 9 de decembro de 2013, a través da Secretaría Xeral de Universidades,
RESOLVO:
Primeiro. Conceder as axudas da modalidade B de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral para o ano 2013 ás universidades do SUG que contraten os/as solicitantes dunha praza do Programa de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral que se relacionan no anexo I. A data de inicio dos contratos laborais establécese para o 27 de decembro de 2013.
Segundo. Todas as solicitudes que figuran no anexo I desta resolución cumpren os requisitos establecidos nas bases da convocatoria.
Terceiro. As 27 axudas posdoutorais (modalidade B) concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 e anos sucesivos, de acordo coa seguinte distribución segundo a estrutura de pagamentos recollida no artigo 10 das bases da convocatoria no punto referido á modalidade B, no relativo ao libramento da subvención.
Aplicación orzamentaria |
Universidade |
Núm. de contratos |
Crédito (en euros) |
|||
2013 |
2014 |
2015 |
Total |
|||
09.40.561B.444.0 |
UDC |
6 |
6.000,00 |
173.810,94 |
31.389,06 |
211.200,00 |
USC |
13 |
13.000,00 |
376.590,37 |
68.009,63 |
457.600,00 |
|
UVIGO |
8 |
8.000,00 |
231.747,92 |
41.852,08 |
281.600,00 |
|
Total |
27 |
27.000,00 |
782.149,23 |
141.250,77 |
950.400,00 |
Cuarto. As axudas concedidas serán financiables polo FSE, no eixe 3, tema prioritario 74, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, nunha porcentaxe máxima do 80 %. Por iso, as universidades beneficiarias das axudas e os/as solicitantes contratados/as deberán cumprir as normas recollidas no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) número 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) número 1748/1999; as normas de información e publicidade dos fondos contidos no Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (L 371/1, DOUE do 27 de decembro de 2006), e no resto de normativa que resulte de aplicación.
O complemento de 1.000 € anuais que se recolle no artigo 3 do anexo II da Orde de convocatoria non é un custo subvencionable no marco do FSE, por canto non se trata dun custo directamente derivado da contratación do persoal investigador, senón do financiamento de gasto en que incorren as universidades beneficiarias para a correcta tramitación do programa.
Quinto. Xunto coa primeira xustificación a entidade beneficiaria das axudas remitirá unha declaración responsable de que se mantén unha separación contable adecuada ou un código contable adecuado para os gastos cofinanciados polo FSE, tal como se recolle no artigo 60 do Regulamento (CE) número 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión.
Sexto. O artigo 10 da orde de convocatoria establece que as universidades serán as encargadas do pagamento dos correspondentes contratos, así como da presentación da xustificación ante a Secretaría Xeral de Universidades para o libramento das axudas.
Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se presentase esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.
Sétimo. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 19 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2013
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria