Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 20 de decembro de 2013 Páx. 49102

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2013, da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, pola que se aproba o Plan de inspeccións das entidades de control de calidade da edificación e dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 31/2011, do 17 de febreiro, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se regulan as condicións xerais exixibles para o exercicio da actividade das entidades e dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación e a súa inscrición no rexistro correspondente, establece no artigo 2 que o órgano competente da Comunidade Autónoma de Galicia para a verificación, control e inspeccións das entidades de control de calidade da edificación (ECCE) e dos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación (LECCE) é o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). O artigo 20.2 do Decreto 31/2011 faculta a Dirección Xeral do IGVS para establecer un plan de inspeccións das ECCE e dos LECCE rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia, en que se definan os períodos mínimos de inspección e o nivel desta, dependendo das auditorías, avaliacións técnicas ou certificados presentados polas ECCE e polos LECCE e emitidos por un organismo independente recoñecido de acordo co artigo 6 do citado decreto.

O título IV, capítulo I e II da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, atribúelle ao IGVS competencias en actividade inspectora en materia de vivenda.

En consecuencia e por proposta da Dirección Técnica de Construcións e Calidade, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar o Plan de inspeccións das ECCE e dos LECCE inscritos no rexistro da Comunidade Autónoma de Galicia, coas especificacións e estrutura seguinte:

Plan de inspeccións das ECCE e dos LECCE na Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Obxecto e alcance do plan:

De acordo co disposto no artigo 20 do Decreto 31/2011, o IGVS poderá establecer, mediante resolución da dirección xeral, un plan de inspeccións ás ECCE e aos LECCE rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia, en que se definan os períodos mínimos de inspección e o nivel desta, dependendo das auditorías, avaliacións técnicas ou certificados presentados polas ECCE e polos LECCE e emitidos por un organismo independente.

O obxecto desta resolución é a aprobación do citado plan de inspeccións de xeito que se estableza o marco operativo que estruture o procedemento de control para garantir o cumprimento das condicións fixadas nos anexos I e II do Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás ECCE e aos LECCE para o exercicio das súas actividades, e que forman parte da declaración responsable que os habilita para exercer a actividade.

2. Inspectores autorizados.

Terán a consideración de inspectores, para os efectos da presente resolución, aqueles funcionarios do IGVS provistos de autorización expresa da dirección xeral por proposta da Dirección Técnica de Construcións e Calidade.

Os inspectores terán a función específica de cubrir os cuestionarios de inspección e levantar a correspondente acta onde farán constar todas as suxestións ou queixas que queiran formular os responsables das ECCE ou dos LECCE.

O IGVS en función das súas necesidades poderá contratar unha empresa ou organismo especializado e independente, recoñecido por este órgano, como asistencia técnica na realización dos seus labores de inspección. Para estes efectos, o IGVS poderá establecer os requisitos exixibles ás ditas entidades para que poidan prestar a correspondente asistencia técnica.

3. Réxime de inspeccións.

As inspeccións, de conformidade co artigo 20.3 do Decreto 31/2011 poderán ser:

a) Ordinarias: cando respondan ás inspeccións programadas polo IGVS, e que terán periodicidade anual para comprobar o cumprimento documental dos anexos I e II do Real decreto 410/2010. Cando a ECCE ou o LECCE dispoña dunha auditoría do seu sistema de xestión de calidade, dunha avaliación técnica ou dunha certificación conforme a norma UNE EN ISO/ICE 17020 ou 17025, emitidas por un organismo especializado e recoñecido polo IGVS conforme o artigo 16 do vixente Decreto 31/2011, as inspeccións ordinarias terán unha periodicidade bianual. Estas inspeccións serán comunicadas oficialmente cun adianto de dez días aos interesados.

b) Complementarias: as realizadas en función dos resultados da inspección ordinaria regulados por esta resolución e clasificados como non conformes.

Para o caso de novas inspeccións por resultados non conformes, a súa celebración producirase nun prazo máximo de quince días contados a partir da comunicación da non conformidade.

Así mesmo, terán a consideración de inspeccións complementarias todas aquelas que sexa necesario realizar en función das denuncias presentadas ou as que acorde realizar de oficio a propia administración. Estas inspeccións poderán realizarse sen previo aviso.

4. Metodoloxía.

4.1. Normativa de aplicación.

A presente resolución establece, de acordo coa normativa específica europea, estatal e autonómica en vigor, a metodoloxía aplicable polo IGVS como órgano competente de control e inspección das actividades das ECCE e dos LECCE rexistrados en Galicia.

a) Normativa europea.

– Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

b) Normativa estatal.

– Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre libre acceso as actividades de servizos e o seu exercicio, que traspón parcialmente o noso ordenamento xurídico á Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.

– Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, no artigo 14.

– Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, polo que se desenvolven os requisitos exixibles ás entidades de control de calidade da edificación e aos laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación, para o exercicio da súa actividade.

c) Normativa autonómica.

– Lei 8/2008, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

– Decreto 31/2011, do 17 de febreiro, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se regulan as condicións xerais exixibles para o exercicio da actividade das entidades e dos laboratorios de ensaios para o control da edificación e a súa inscrición no rexistro correspondente.

d) Outras normativas:

– Norma UNE-EN ISO/CEI 17020: 2012. Avaliación da conformidade. Requisitos para o funcionamento dos diferentes tipos de organismos que realizan a inspección.

– Norma UNE-EN ISO/CEI 17025: 2005. Requisitos xerais para a competencia dos laboratorios de ensaio e calibración.

– Modelo de declaración responsable da entidade de control de calidade da edificación (anexo I Decreto 31/2011, do 17 de febreiro).

– Modelo de declaración responsable de laboratorios de ensaios para o control de calidade da edificación (anexo II Decreto 31/2011, do 17 de febreiro).

4.2. Cuestionarios de inspección.

Para a realización das inspeccións ordinarias, os inspectores autorizados utilizarán os modelos de actas e cuestionarios aprobados polo IGVS que serán publicados na súa páxina web.

a) Guía-cuestionario de inspección de entidades de control de calidade da edificación. A súa estrutura está adaptada á norma UNE-EN ISO/CEI 17020, ao Real decreto 410/2010, do Ministerio de Vivenda, e ao Decreto 31/2011, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

b) Guía-cuestionario de auditoría de laboratorios. A súa estrutura está adaptada á norma UNE-EN ISO/CEI 17025, ao Real decreto 410/2010, do Ministerio de Vivenda, e ao Decreto 31/2011, da Consellería de Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

4.3. Ensaios e probas de contraste.

De conformidade co artigo 22 do Decreto 31/2011, o Plan de inspección das ECCE e dos LECCE comportará a participación obrigatoria no programa de ensaios de contraste, elaborado polo Servizo de Calidade e aprobado pola Dirección Xeral do IGVS, que con carácter anual establecerá o tipo de ensaios e probas de servizo que se deben realizar e que estarán dentro dos declarados por cada LECCE rexistrado na Comunidade Autónoma, segundo o anexo II do Real decreto 410/2010, do Ministerio da Vivenda.

O IGVS determinará no primeiro trimestre de cada ano o calendario, tipo de probas e normativa de aplicación que se realizará pola totalidade dos LECCE. Así mesmo, constituirá grupos homoxéneos e fixará o número de probas por cada grupo que estarán entre unha e tres por empresa e ano.

Dadas as peculiaridades dalgúns ensaios ou probas e a necesidade de comprobar a súa axeitada execución, o IGVS poderá substituír as probas de contraste interlaboratorios pola inspección in situ de ensaios ou probas que teñan en marcha os propios laboratorios.

As actas dos resultados dos ensaios ou probas propostas serán remitidas polos LECCE, dentro dos prazos establecidos en cada caso, ao Servizo de Calidade do IGVS para o seu tratamento e análise.

As conclusións derivadas da análise dos resultados serán comunicadas individualmente a cada LECCE participante, respectando a confidencialidade da información. Os valores obtidos por debaixo dos estándares considerados admisibles para o tipo de ensaio ou proba proposta, deberán ser analizados por cada participante e mesmo propor medidas correctoras que serán comunicadas ao Servizo de Calidade do IGVS que poderá ordenar a realización de novas probas.

5. Infracións e sancións.

O réxime sancionador aplicable ás infraccións en materia de vivenda, entre cales están as relativas ás actividades das ECCE e dos LECCE rexistrados en Galicia, será o establecido na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, no capítulo II do título IV.

A Dirección Técnica de Construcións e Calidade do IGVS, á vista das actas de inspección, proporá a incoación do expediente sancionador.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2013

Teresa María Gutiérrez López
Directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo