Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 20 de decembro de 2013 Páx. 49100

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2013 pola que se publican os tipos de xuro que as entidades de crédito aplicarán durante o ano 2014 aos contratos de arrendamento financeiro subvencionados ao abeiro dos convenios de apoio financeiro aos investimentos das pemes.

De conformidade cos convenios de apoio financeiro aos investimentos das pemes asinados coas entidades de crédito durante os anos 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004 e 2005 e ao convenio de apoio financeiro 2004, 2005 e 2006 ao sector transporte público por estrada de Galicia para a renovación da frota de vehículos, os tipos de xuro dos contratos de arrendamento financeiro subvencionados pola Xunta de Galicia, que se formalizaron a tipo de xuro variable, variarán por anos naturais, establecéndose no texto dos citados convenios o sistema de determinación do tipo de xuro para exercicios futuros.

Visto o exposto, e unha vez verificados os datos relativos á evolución do Euribor durante o período establecido nos citados convenios, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Publicar os tipos de xuro que as entidades de crédito aplicarán durante o ano 2014 aos contratos de arrendamento financeiro subvencionados ao abeiro dos convenios de apoio financeiro aos investimentos das pemes:

Primeiro. O tipo de xuro máximo que se aplicará durante o ano 2014 aos contratos de arrendamento financeiro formalizados, a tipo variable, ao abeiro dos convenios de apoio financeiro das pemes dos anos 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004 e 2005 e do convenio ao sector transporte público por estrada de Galicia para a renovación da frota de vehículos dos anos 2004, 2005 e 2006, será de 1,50 %. No caso de que o tipo adicional sexa inferior a 1,15 puntos, o tipo de xuro que se aplicará será o resultado de engadirlle ao tipo de referencia (0,342) o tipo adicional que teñan pactado as partes. Se o tipo de xuro resulta con varios decimais arredondarase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

Segundo. As entidades de crédito deberán comunicarlles aos beneficiarios dos contratos de arrendamento financeiro subvencionados a variación do tipo de xuro.

Terceiro. O tipo de xuro do contrato de arrendamento financeiro resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ao límite fixado nos citados convenios e na resolución de concesión de axuda. No caso de que sexa inferior limitarase a subsidiación ata o citado límite. Para o caso de que o tipo de xuro nominal sexa igual ou inferior ao límite suspenderase a subsidiación e o tipo de xuro que se aplicará ao contrato de arrendamento financeiro será o que lle corresponda segundo o establecido no punto primeiro da presente resolución.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica