Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 26 de decembro de 2013 Páx. 50048

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 16 de decembro de 2013 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Aranga.

O Concello de Aranga remite o Plan xeral de ordenación municipal, xunto co expediente administrativo correlativo, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Aranga e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, observouse:

I. Antecedentes e tramitación.

1. O Concello de Aranga dispón de Normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 23 de outubro de 1985. Respecto delas, cómpre destacar a modificación puntual aprobada definitivamente en data 18.5.2007, tendente á delimitación dun ámbito de solo urbanizable industrial actualmente en execución.

2. En data 26.4.2006, a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes emite informe previo á aprobación inicial, de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG.

3. O Pleno do Concello de Aranga en sesión do 28.12.2007, aproba inicialmente o documento e sométeo a información pública por un período de dous meses, publicando o anuncio no DOG e na prensa. Deuse audiencia aos concellos limítrofes e remitiuse aos distintos organismos sectoriais solicitando a emisión dos preceptivos informes.

4. En data 11.5.2012, o Concello de Aranga somete de novo a información pública o documento corrixido por mor da súa adaptación ás modificacións operadas na LOUG pola Lei 2/2010, con publicación do anuncio no DOG e prensa.

5. Por Resolución do 30.5.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental aproba a memoria ambiental do plan.

6. O Pleno do Concello de Aranga, en sesión do 14.10.2013, aproba provisionalmente o documento, logo da emisión dos informes xurídicos e técnicos municipais preceptivos.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da LOUG analizouse a integridade documental e a suficiencia dos documentos que integran o Plan de ordenación municipal do Concello de Aranga, a conformidade deste coa lexislación urbanística vixente, a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural, a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Aranga axústase aos criterios expresados na LOUG xa que, recoñecendo o sistema tradicional de asentamentos, establece para eles unha ordenación adecuada, define as necesarias proteccións para os terreos que as precisan e prevé futuros ámbitos de usos residenciais e produtivos, dotando así o concello dunha ordenación propia para a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESÓLVEse:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Aranga, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Aranga, 16 de decembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas