Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2014 Páx. 1129

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento da formación que exceda o 25 % da xornada laboral asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

O contrato para a formación e a aprendizaxe considérase unha modalidade contractual de interese público, tal e como vén explicitamente recoñecido no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro. Os seus destinatarios son os mozos e mozas menores de 30 anos, colectivo especialmente afectado pola actual crise económica e que presenta elevadas taxas de desemprego, polo que resulta unha obriga para as administracións públicas adoptar todas as medidas posibles para impartirlles a formación necesaria para aumentar as súas posibilidades de incorporación ao mercado de traballo. Desde a Consellería de Traballo e Benestar quérese realizar unha aposta especialmente importante por incentivar a contratación a través do contrato de formación e aprendizaxe, xa que así se podería formar os mozos e mozas mentres perciben unha retribución polo seu traballo, amparados por un contrato con todas as garantías legais e cun salario estipulado normativamente e axustado ao convenio colectivo e en todo caso permanentemente supervisado polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

O Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, inclúe a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, inclúe aspectos relativos á impartición e avaliación das ofertas de formación profesional para o emprego correspondentes aos novos certificados de profesionalidade.

A Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Dirección Xeral de Emprego e Formación competencias relativas, entre outras materias, á formación profesional para o emprego.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria elévase a 1.100.000 euros e farase con cargo aos créditos do programa 11.03.323A.471.0 (650.000 €, que figuran nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014 e 450.000 € para o ano 2015) con código de proxecto 201300545.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento da formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, que exceda o 25 % da xornada laboral.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitarase de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas que contratasen traballadores baixo a modalidade do contrato para a formación e a aprendizaxe no ano 2013, e no ano 2014 con anterioridade ao 15 de xuño, cunha dedicación ao tempo de formación que exceda o 25 % da xornada laboral efectiva do traballador, sempre que reúnan os requisitos exixidos polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación coas Pemes e conforme o disposto no punto 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02) en relación coas grandes empresas.

Artigo 3. Requisitos da contratación

1. O contrato para a formación e a aprendizaxe deberá celebrarse con traballadores maiores de 16 e menores de 30 anos, que carezan da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato.

O límite máximo de idade non será de aplicación cando o contrato se concerte con persoas con discapacidade nin cos colectivos en situacion de exclusión social previstos na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, nos casos en que sexan contratados por parte de empresas de inserción que estean cualificadas e activas no rexistro administrativo correspondente.

2. A duración mínima do contrato será dun ano e a máxima de tres. Non obstante, mediante convenio colectivo poderán establecerse distintas duracións do contrato, en función das necesidades organizativas ou produtivas das empresas, sen que a duración mínima poida ser inferior a seis meses nin a máxima superior a tres anos.

3. As modalidades de desenvolvemento da formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe serán as previstas no artigo 3 do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche de convocatoria.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axudas comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e rematará o 15 de xuño de 2014.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. Xunto coa solicitude haberá que presentar a seguinte documentación complementaria:

a) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude.

b) Copia compulsada ou cotexada do NIF da entidade.

c) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas cales se rexe a entidade.

d) Contratos de traballo para a formación e a aprendizaxe formalizados.

e) Acordos para a actividade formativa no contrato para a formación e a aprendizaxe, debidamente autorizados.

f) Acreditación documental de estar ao día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia no caso daquelas entidades que denegasen expresamente o consentimento ao órgano xestor para a súa solicitude.

g) Cronograma en que se establezan as horas dedicadas á formación e as horas dedicadas ao traballo efectivo, así como as horas de formación financiadas polo Servizo Público de Emprego Estatal e as horas de formación que excedan o 25 % da xornada laboral para as cales se solicitan as axudas reguladas na presente orde.

Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Tamén se poderá presentar presencialmente na Dirección Xeral de Emprego e Formación, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicando o número de rexistro de entrada da solicitude no suposto de ter feito a presentación electrónica previa.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 5. Procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

3. A persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña a comisión de valoración.

Artigo 6. Resolución

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención delegada, correspóndelle ao director/a xeral de Emprego e Formación, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

2. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán ditarse no prazo de 3 meses contados desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano instrutor e, en calquera caso, con anterioridade ao 30 de xuño de 2014.

Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

3. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. A resolución da concesión de subvención, que se comunicará por escrito ao beneficiario, fixará expresamente o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis, exenta de aplicación do Regulamento CE nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUEL 379/5, do 28 de decembro de 2006) e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigacións e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. A obtención da subvención quedará condicionada a existencia de crédito dispoñible, de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Lugar de impartición

A formación asociada ao contrato de formación e aprendizaxe vinculada a certificados de profesionalidade deberá ser impartido por un centro acreditado no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar creado polo Decreto 106/2011, do 19 de maio. Tamén se poderá impartir na propia empresaa, que deberá estar acreditada conforme o establecido no artigo 18.4 do Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

Artigo 8. Determinación das subvencións para a acción formativa

1. Serán subvencionables os gastos da formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe formalizados no ano 2013, e no ano 2014 con anterioridade ao 15 de xuño, efectivamente realizados e pagados nos anos 2014 e 2015.

2. O importe da subvención concretarase no producto das horas de formación que excedan o 25 % da xornada laboral asociadas aos contratos de formación e aprendizaxe polo número de persoas traballadoras contratadas e polo importe do módulo económico, que será de oito euros para a modalidade de formación presencial e de cinco euros para a teleformación.

3. As subvencións previstas nesta orde son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación que excedan o 25 % da xornada laboral asociadas aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

4. Esta axuda ten o carácter de «axuda de minimis» exenta en aplicación do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5 do 28.12.2006).

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 2, puntos 2 a 5 do Regulamento (CE) nº 1998/2006. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 9. Publicidade das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

3. Igualmente, publicaránse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. Os beneficiarios das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e máis no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Artigo 10. Pagamento

1. Realizarase un pagamento único anual, logo da presentación por parte da empresa da xustificación dos gastos imputables á actividade formativa e do seu pagamento.

2. A xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2014 deberá realizarse antes do 15 de decembro de 2014 e a dos gastos correspondentes ao ano 2015 deberá realizarse antes do 30 de xullo de 2015.

3. Os xustificantes de gasto deberán cumprir co establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os xustificantes de pagamento o establecido no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da antedita lei.

Ademais, en aplicación do artigo 31.7 da antedita lei, non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 11. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Cumprir coas obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Comunicar á Dirección Xeral de Emprego e Formación a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

3. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, así como a todas aquelas actuacións de avaliación, seguimento e control exixidas polo Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

5. Cumprir coas obrigas esixidas polo Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e polos reais decretos reguladores dos certificados de profesionalidade que se impartan.

6. Verificar o cumprimento polos/as docentes dos requisitos exixidos pola normativa reguladora dos novos certificados de profesionalidade.

7. Pedir aos traballadores contratados a documentación acreditativa dos requisitos de acceso para poder participar nas accións formativas de especialidades vencelladas a novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 e verificar o cumprimento dos anteditos requisitos.

8. Avaliar ao alumnado por módulos formativos, de forma sistemática e continua, co obxecto de comprobar os resultados de aprendizaxe e, en consecuencia, a adquisición das competencias profesionais, segundo o establecido nos reais decretos polos que se regulan os certificados de profesionalidade, no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, que desenvolve o Real decreto 34/2008, do 10 de outubro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

9. Remitir á Dirección Xeral de Emprego e Formación, nun prazo non superior a tres meses desde a finalización da acción formativa, a documentación relativa ao proceso de avaliación e os cuestionarios de avaliación da calidade das accións formativas, comunicando a relación do alumnado que finalizou o curso con avaliación positiva. Para os cursos de novos certificados de profesionalidade, remitirase informe individualizado e acta da avaliación, segundo os modelos especificados nos anexos VI e VII da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 10 de outubro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

10. Remitir á Dirección Xeral de Emprego e Formación as baixas das persoas traballadoras contratadas e as datas en que se producen.

11. Comunicar á Dirección Xeral de Emprego e Formación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos cursos programados, no prazo de cinco días desde que se produza.

Artigo 12. Incumprimento de obrigas e reintegro

1. O incumprimento das obrigas establecidas na presente orde e demais normas aplicables, así como das condicións que se estableceran na correspondente resolución de concesión, dará lugar á perda total ou parcial do dereito ao cobramento da subvención ou, logo do oportuno procedemento de reintegro, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida e os xuros de demora correspondentes.

2. A gradación dos posibles incumprimentos a que se fai referencia no número anterior determinarase de acordo cos seguintes criterios:

a) No suposto de incumprimento total:

O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a subvención ou da obriga da súa xustificación dará lugar ao reintegro do 100 % da subvención concedida. Igualmente considerarase que concorre o incumprimento total se a realización da actividade subvencionada non acada o 35 % dos seus obxectivos, medidos co indicador de número de horas de formación multiplicado por número de alumnos/as formados.

b) No suposto de incumprimento parcial:

O incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a subvención dará lugar ao reintegro parcial da subvención concedida. Cando a execución do indicador mencionado no parágrafo anterior estea comprendida entre o 35 % e o 100 % da subvención concedida, minorarase na porcentaxe que se deixara de cumprir, sempre que os gastos fosen debidamente xustificados.

Artigo 13. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño. de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Devolución voluntaria das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta 2080 0300 47 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte do beneficiario.

O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

3. En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 15. Diplomas

1. As persoas traballadoras contratadas que finalicen con aproveitamento as accións formativas e sempre que asistan como mínimo ao 75 % das súas horas lectivas, recibirán un diploma oficial acreditativo desta circunstancia, que será elaborado pola Dirección Xeral de Emprego e Formación.

2. No caso dos novos certificados de profesionalidade tamén terán que ter superado coa calificación de apto a avaliación continuada do módulo formativo realizada polo docente e o exame previsto no artigo 19 da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

3. Nos dous casos anteriores, as persoas traballadoras contratadas que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se o solicitan, unha certificación polas horas e/ou módulos a que asistisen.

Disposición adicional primeira

A concesión das subvencións previstas na presente orde estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no programa 11.03.323A.471.0 (650.000 € para o ano 2014 e 450.000 € para o ano 2015) con código de proxecto 201300545, que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014. Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o agotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións do/a conselleiro/a de Traballo e Benestar no/a director/a xeral de Emprego e Formación para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Disposición adicional cuarta

No non previsto nesta orde, será de aplicación o disposto no Real decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o/a director/a xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta disposición.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file