Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2014 Páx. 2702

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 16 de xaneiro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (IN519B).

Os parques empresariais e as infraestruturas de solo empresarial creados hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas van tendo, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias de infraestruturas e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás exixencias de normas posteriores á súa creación e de servizos comúns de carácter xeral que lles permitan unha actualización permanente fronte aos seus competidores.

Coa finalidade de realizar a renovación destas infraestruturas, para evitar a súa obsolescencia, ou de habilitar outras novas non previstas na súa orixe, e co obxecto de motivar o esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á comunidade autónoma, a Consellería de Economía e Industria considera necesario establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos de investimento en materia de infraestruturas de instalacións e de servizos ás empresas.

Como medio e instrumento para favorecer as actuacións indicadas, a Consellería de Economía e Industria considera necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora das infraestruturas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente, procederase á convocatoria destas axudas para o ano 2014.

De acordo co recollido no Consello de Goberno da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, a actual situación económica que afecta tamén os concellos fixo necesario o desenvolvemento de medidas destinadas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles. Entre estas medidas está o impulso a xestión compartida de servizos, polo que a presente orde de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, sexa por agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

O desenvolvemento desta orde axustarase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria, dirixidas a concellos, incluídas no programa de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia (IN519B), que se inclúen como anexo I a esta orde.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2014.

Artigo 2. Crédito orzamentario

As subvencións outórganse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014, de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación

Denominación

Importe en euros

08.03.732-A 760.0

Actuacións para infraestruturas en polígonos industriais

3.000.000

Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

Cómpre sinalar que estas subvencións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) nº 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; no Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, así como no Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan as normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1083/2006, e nun 20 % polo Fondo de Compensación Interterritorial.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexos II e III desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

A presentación de solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado IN519B, que se publica como anexos II e III a esta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses.

Artigo 6. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta a disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. No suposto de imposibilidade de realizar a notificación por medios electrónicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN519B, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es).

b) Nos teléfonos 981 54 43 88 e 981 54 55 72 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para ditar as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2014

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto a mellora dos servizos e o acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.

2. Os proxectos que se subvencionarán ao abeiro desta convocatoria deberán desenvolverse ao longo do ano 2014.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

Os beneficiarios das axudas serán os concellos que realicen investimentos, dentro do seu ámbito territorial, de acordo co obxecto desta orde, para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais implantados no seu termo municipal ou nos termos municipais limítrofes. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar), para os efectos do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Constitúen o obxecto destas axudas as seguintes tipoloxías de actuación:

a) A dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía dos cales se derive un aforro con relación aos existentes no parque e que sexan eficientes desde o punto de vista enerxético consonte o estado actual da técnica; os proxectos poderán incluír, ou ter como obxecto, a xeración de enerxía eléctrica mediante enerxías renovables como a fotovoltaica ou a minieólica, entre outras.

b) Novas plantas de depuración de augas (b.1); os proxectos poderán incluír, ou ter como obxecto, os colectores con vertedura á depuradora municipal (b.2).

c) Xestión de residuos.

d) Infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial.

e) Instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.

f) Instalacións comúns destinadas á loita contraincendios dentro do parque empresarial.

2. Período de gasto subvencionable admitido: consideraranse subvencionables todos os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2014 e ata a data de xustificación do investimento.

3. Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamentos de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, ni os impostos persoais sobre a renda.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. As actuacións que se realicen ao abeiro da presente orde encádranse dentro do eixe 2, tema prioritario 08 «Outros investimentos en empresas», actuación 03 «Creación, mellora e ordenación de solo industrial» do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

6. Os gastos subvencionables ao abeiro da presente orde deberán axustarse ao disposto na Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento

As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros por solicitude.

Para as solicitudes conxuntas, a contía porcentual máxima incrementarase nun 15 % con respecto ao caso xeral e cunha contía máxima de 180.000 euros por solicitude.

As intensidades de axuda poderán ser inferiores as sinaladas no caso de que un grupo de solicitudes valoradas coa mesma puntuación esgoten o crédito dispoñible; neste caso ratearase o crédito de xeito proporcional aos investimentos subvencionables das solicitudes implicadas.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente orde serán incompatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas procedentes de calquera outro instrumento financeiro comunitario, de acordo co disposto no artigo 54.5 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

En calquera caso, a suma de todas as axudas non poderá superar o custo elixible do proxecto.

2. O peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no artigo 3.1 destas bases, nun parque empresarial. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.

Xunto coas solicitudes deberase achegar a seguinte documentación:

2.1. Formulario normalizado de solicitude: anexo II. Para o caso de agrupacións de concellos, o concello solicitante poderá ser calquera dos que forme parte da agrupación.

2.2. Documento acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

2.3. NIF do concello solicitante en vigor.

2.4. Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que posúa a atribución competencial, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda. No caso de agrupacións de concellos o acordo, que se xuntará por concello participante, incluirá a vontade de acometer a actuación en conxunto cos outros concellos.

2.5. Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver. Dentro desta memoria desenvolverase un capítulo específico en relación con xustificación dos datos necesarios para a avaliación da solicitude segundo o artigo 11 das bases, onde se plasmarán as hipóteses de partida e se fará un cálculo detallado dos valores propostos, de ser o caso. No caso de discrepancias entre os datos desta memoria e os que se reflictan na solicitude normalizada tomaranse como válidos os da memoria xustificativa.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

2.6. Orzamento desagregado dos gastos. No caso de agrupacións de concellos, no orzamento figurará que concello asume cada partida proposta.

2.7. Planos da actuación a escala axeitada.

2.8. Declaración expresa recollida no anexo III para cada concello potencialmente beneficiario.

2.9. Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de agrupacións de concellos presentarase unha por concello participante.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai a presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento. A documentación complementaria presentada de forma presencial incluirá orixinais ou copias cotexadas.

4. Cando se trate de agrupacións de concellos, deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Os compromisos de gasto asumidos por cada membro da agrupación non poderán ser inferiores ao 20 % do investimento subvencionable nos casos en que a agrupación teña ata catro membros e ao 10 % nos casos en que a agrupación teña máis de catro membros.

En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións. Así mesmo, deberá designarse o órgano de contratación e o órgano ao cal se lle deberá efectuar o pagamento da subvención. Tales termos poderán reflectirse nun convenio entre os concellos que, de ser o caso, deberá presentarse xunto coa xustificación.

5. Procederase á exclusión ou inadmisión de aquelas solicitudes efectuadas por agrupacións de concellos en que non se acredite a realización conxunta dunha actuación e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local, polo que deberá existir continuidade na infraestrutura proposta, é dicir, a actuación que se vaia subvencionar ten que desenvolverse no territorio de todo os concellos membros da agrupación, servir ao polígono afectado e non supoñer actuacións illadas dentro de cada concello.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axuda, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

5. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes dos interesados irán acompañadas dos documentos e das informacións determinadas na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na alínea f) do artigo 35 da Lei 30/1992, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e, para eses efectos, procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, no entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercitarse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou mediante o procedemento habitual para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 8. Órgano competente

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e corresponderalle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral de Enerxía e Minas ou persoa en que delegue.

b) Vogais: o subdirector xeral de Administración Industrial e os responsables de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria ou un funcionario por eles designado.

c) Secretario: o xefe de servizo de Administración Industrial ou un funcionario designado polo director xeral de Enerxía e Minas.

d) Poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 11. Criterios de valoración

Os proxectos que se presenten serán técnica e economicamente viables; ademais, o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, establecéndose os seguintes criterios de valoración das solicitudes:

1. Superficie do parque empresarial:

– Ata 500.000 m2 (10 puntos).

– Máis de 500.000 m2 (7 puntos).

2. Nivel de ocupación do parque empresarial:

– Ata 300 empresas (10 puntos).

– Máis de 300 empresas (7 puntos).

3. Poboación do concello en que se atopa o parque empresarial:

– Ata 60.000 habitantes (6 puntos)

– Máis de 60.000 habitantes (4 puntos).

No suposto de que a solicitude de axuda sexa efectuada por unha agrupación de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal, computarase aquel que obteña máis puntuación individualmente.

4. En cada tipoloxía de investimento valorarase o menor custo subvencionable en relación cos custos subvencionables das solicitudes admitidas para a súa valoración. A devandita asignación farase de xeito proporcional (máximo 6 puntos).

5. Para cada tipoloxía puntuaranse de xeito proporcional, entre as solicitudes admitidas a valoración, os seguintes parámetros:

Tipoloxía a): maior aforro enerxético anual estimado en kwh (máximo 10 puntos).

Tipoloxía b):

b.1) Maior capacidade anual de tratamento de auga da nova planta depuradora (en m3) (máximo 10 puntos).

b.2) Maior caudal anual que a nova infraestrutura derivará á depuradora municipal (en m3) (máximo 10 puntos).

Tipoloxía c): maior número de toneladas de residuos anuais que se poderán xestionar coa nova infraestrutura (máximo 10 puntos).

Tipoloxía d): maior lonxitude do tramo da vía en metros lineais (máximo 10 puntos).

Tipoloxía e): maior número de empresas directamente afectadas pola infraestrutura de vixilancia (máximo 5 puntos). Número de incidencias/denuncias derivadas da inseguridade no polígono no ano 2013 (máximo 5 puntos). Este punto acreditarase mediante informe da policía local, garda civil ou polo concelleiro responsable da seguridade no concello.

Tipoloxía f): maior número de establecementos de risco intrínseco medio e alto dentro do parque empresarial, segundo se definen no Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contraincendios nos establecementos industriais. Cada establecemento de risco intrínseco alto contará como 5 establecementos de risco medio (máximo 10 puntos).

6. Agrupación de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal (18 puntos máximo):

6.1. Por presentación conxunta: 6 puntos.

6.2.a) Número de municipios solicitantes de forma conxunta:

Mais de dous municipios: 2 puntos.

Dous municipios: 1 punto.

6.2.b) Repercusión do proxecto a través da cifra de poboación total dos concellos participantes no proxecto:

Máis de 5.000 habitantes: 2 puntos.

Ata 5.000 habitantes: 1 punto.

6.2.c) Número de servizos que se van prestar de forma compartida:

Dous ou máis servizos: 2 puntos.

Menos de dous servizos: 0 puntos.

6.3. Aforro de custos respecto da prestación de modo individual: 6 puntos.

Para a súa valoración, será preciso a achega dunha memoria xustificativa do aforro de custos obtido.

7. Concello constituído como consecuencia dunha fusión municipal: 18 puntos.

No caso de empates na puntuación terán preferencia os proxectos presentados segundo a seguinte orde: concellos constituídos como consecuencia dunha fusión municipal, agrupación de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal e concellos de menor número de habitantes.

Avaliaranse, coa mínima puntuación, aquelas epígrafes que non queden xustificadas adecuadamente na memoria do proxecto presentada.

Artigo 12. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes admitidas a trámite e da relación de expedientes que se derive do disposto no artigo 9.4 e, unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución, que elevará ao conselleiro.

2. Os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

3. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolva o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, que se contará a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da Lei 30/1992, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios a que consulten información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución no taboleiro da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 14. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cando a modificación da resolución proposta afecte a un cambio de tipoloxía no proxecto considerarase que se alteran as condicións tidas en conta para a concesión da axuda. Neste caso a modificación non será autorizada.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días hábiles desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a súa condición de beneficiario, conforme o disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, xustificando motivadamente a causa da renuncia.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

O beneficiario da subvención queda obrigado a:

a) Executar o proxecto que fundamente a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos, tal como recolle o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 57 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 21.3 da presente orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobacións, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Tamén deberá someterse ás verificacións do artigo 13 Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Os beneficiarios da axuda deberán facer referencia, na súa publicidade ou na información que xeren en relación cos proxectos subvencionados, ao cofinanciamento dos seus activos con fondos europeos Feder, cumprindo as medidas en materia de información e publicidade establecidas nas disposicións comunitarias de aplicación e, en especial, no «Plan de Comunicación Feder Galicia 2007-2013» e na «Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013», que pode consultarse na páxina web (http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe).

En concreto, inmediatamente despois de finalizadas as obras subvencionadas deberá colocarse, nun lugar visible, unha placa explicativa permanente no lugar da operación, de acordo co disposto no artigo 8.4 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

A devandita placa explicativa permanente debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4. O seu contido debe consultarse na «Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos Fondos estruturais 2007-2013».

Artigo 18. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, que está suxeita ao disposto no artigo 27 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, se debe aplicar o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención os concellos beneficiarios terán ata o 15 de novembro de 2014 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 38.4 da Lei 30/1992, a seguinte documentación:

1.1. Xustificación de ter realizado o investimento para o cal se concedeu a subvención mediante os documentos que se relacionan a continuación:

Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

Orixinal ou copia cotexada das facturas das actuacións realizadas, así como xustificante do seu pagamento mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a da data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través de internet, se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

1.2. Certificado da secretaría ou intervención do cumprimento coa normativa de contratación pública (Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público), de que os gastos derivados da contratación da actuación subvencionada non se corresponden con proxectos modificados e/ou complementarios e da non existencia de reparos ao expediente de contratación; no caso de existir este, describiranse.

Tamén deberá achegarse unha copia completa (en papel ou escaneada) da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuarse da documentación orixinal, que poderá ser requirida para os efectos de ulteriores comprobacións ou controis.

O incumprimento da normativa de contratación pública pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

1.3. Certificado da Secretaría ou Intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

1.4. Informe técnico en que se describa a realización total do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, incluíndo a xustificación da necesidade ou non de avaliación ambiental dos proxectos de acordo coa normativa vixente, así como unha fotografía da placa explicativa permanente da actuación obxecto da subvención sinalada no artigo 17.f) da presente orde de axudas.

1.5. Certificado en que se recolla o cumprimento da tramitación ambiental do proxecto, ou xustificante da non procedencia, asinado por técnico municipal.

1.6. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

1.7. Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.8. No caso das agrupacións de concellos, presentarase un convenio asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos indicados no artigo 6.4 das presentes bases e onde tamén constará que cada participante asume as obrigas que, como beneficiario, derivan da presente orde, especialmente as correspondentes ao artigo 17.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme lei correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

4. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha «pista de auditoría» apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro da presente orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

5. No caso de agrupacións de concellos, deberá cumprirse o previsto no artigo 28.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo beneficiario, de ser o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

b) Os beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade, asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 22. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, que será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida. Poderán desenvolverse mediante instrución os criterios de graduación do alcance do reintegro en supostos de incumprimentos parciais das obrigas previstas nestas bases.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e dos órganos de control da Comisión Europea, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións, así como nas verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión.

Artigo 24. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006, da Comisión.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Regulamento (CE) 1080/2006, no Regulamento (CE) 1083/2006 e no Regulamento (CE) 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e o resto da normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file