Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2014 Páx. 2733

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2014, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo FEP, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a da adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Así mesmo, o Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, define para o seu período de programación 2007-2013 o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro.

O artigo 36 do mencionado regulamento (R/FEP) sinala no seu número 1 que o FEP poderá financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente as empresas privadas, que contribúan á consecución dos obxectivos da política pesqueira común. Entre as medidas sinaladas atópase a de Accións colectivas. Esta medida atópase no eixe prioritario 3 Medidas de interese público.

O artigo 37 do R/FEP Accións colectivas, sinala que o FEP poderá apoiar medidas de interese público que se apliquen co apoio activo dos propios operadores ou de organizacións que actúen en nome dos produtores ou doutros organismos recoñecidos polo estado membro, cuxo obxecto, en particular, sexa o de contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos.

Pola súa banda, no anexo II do regulamento establécese a porcentaxe máxima de contribución pública para o financiamento das medidas obxecto do artigo 37 e seguintes.

Para a aplicación das ditas medidas, mediante a Orde da Consellería do Mar, do 27 de abril de 2010 (DOG núm. 85, do 6 de maio) aprobáronse as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo FEP, que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

Agora, coa finalidade de adaptar a convocatoria das axudas ao actual escenario orzamentario, social e económico, considérase oportuno modificar as ditas bases reguladoras. Por todo iso, e de acordo co previsto no artigo 3.4 da Orde do 27 de abril de 2010, e para unha mellor comprensión, publícanse integramente as novas bases reguladoras.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2014, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración, financiados polo FEP que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

b) Regulamento (CE) nº 498/2007 da Comisión, do 26 de marzo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento 1198/2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

c) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

g) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEP 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEP na súa medida 3.1 (Accións colectivas), así como do estado membro.

Para o ano 2014 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.31.723A.770.1, código de proxecto 201100802, na cal existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. Anualmente publicaranse os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais.

O importe máximo das subvencións que se concedan no 2014 ascenderá a dous millóns seiscentos cincuenta e cinco mil euros (2.655.000 €).

3. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións as que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, procederá a publicarse integramente no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras coas modificacións feitas, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión delas.

5. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades do sector pesqueiro, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas entidades son as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector, e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2º e 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poder bastante para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Realizar as actividades para as cales se conceda subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para que foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación ás subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Facer constar expresamente a participación financeira do FEP en todas as actividades de difusión ou promoción relacionadas coa actividade subvencionada.

h) Destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o cal se conceda a subvención durante un período mínimo de cinco anos. Durante este período, se o beneficiario pretender o cambio de destino do ben subvencionado, o seu alleamento, gravames ou substitución por outro ben análogo, deberá solicitar autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar.

i) Manter os investimentos e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

j) Informar o público sobre a axuda obtida, de conformidade cos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) nº 498/2007 e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

k) Manter un sistema de contabilidade separado que permita coñecer as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 59.d) do Regulamento do FEP.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso debe presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos, mediante o acondicionamento e rexeneración para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción.

2. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar nin os labores habituais de mantemento dos bancos propios da actividade marisqueira ordinaria.

3. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderase engadir ou modificar algún dos proxectos incluídos no número 1 deste artigo.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos.

b) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións.

c) Os de adquisición de semente de moluscos, coas seguintes condicións:

c.1) Cando se trate de semente de ameixa procedente de posta inducida, esta non deberá ser maior de 18 mm.

c.2) A ameixa procedente de bancos marisqueiros só se admitirá cando se trate de bancos catalogados como C, e por causas excepcionais suficientemente acreditadas. Non deberá ser maior de 35 mm no caso de ameixa fina ou xaponesa, ou de 30 mm no caso de ameixa babosa. Deberá garantirse unha permanencia no banco de destino de, polo menos, dous meses, ou prazo maior que se estableza na resolución.

c.3) Non se aplicarán as anteriores limitacións no caso de sementeiras para rexeneración de bancos que sufrisen mortalidade masiva, suficientemente acreditada, pero non poderá comercializarse antes do prazo dun ano desde a sementeira.

c.4) En calquera caso, requirirase permiso de inmersión segundo o establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

d) Os de redacción de proxecto técnico cando este resulte exixible pola normativa aplicable e sempre que a actuación a que se refira resulte subvencionable.

2. Con carácter xeral consideraranse subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2015, sen prexuízo dos prazos que se fixen nas distintas ordes de convocatoria.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. Subcontratación: o beneficiario poderá contratar con terceiros a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) Adquisición de terreos e inmobles.

c) Adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) Adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

f) Gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

g) Gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) IVE, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.

i) Modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionable en cada unha das accións, condicionada en todo caso ás dispoñibilidades orzamentarias. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

A percepción destas axudas poderá ser compatible con calquera outra concedida para a mesma finalidade, sempre que non estea financiada por fondos europeos ou pola Consellería do Medio Rural e do Mar e que o conxunto delas non supere o custo das actividades subvencionadas.

Artigo 11. Prazos de solicitude e resolución

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2014 e 2015. Para a anualidade 2014, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

2. Cada ano realizarase unha única proposta de resolución comprensiva de todas as solicitudes presentadas no prazo de convocatoria correspondente á anualidade e admitidas.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, emitirase unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 17.2.

4. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas na anualidade correspondente á convocatoria exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias poderán ser tomadas en consideración na anualidade seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña ningunha preferencia como criterio de selección.

5. A resolución de concesión emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de cinco meses desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria anual. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico na ligazón «Servizos de administración electrónica» da páxina http://webpesca.xunta.es e tamén se poderá descargar no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Medio Rural e do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Antecedentes:

b.1) Memoria descritiva do historial produtivo da entidade solicitante nos últimos cinco anos, con especial referencia aos bancos, zonas de produción ou especies obxectivo a que se dirixa o proxecto.

b.2) Memoria descritiva das accións emprendidas pola entidade solicitante nos últimos cinco anos dirixidas á mellora da xestión ou da produtividade das zonas explotadas, indicando o custo de cada unha delas e o grao de consecución dos obxectivos esperados.

c) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

c.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

c.2) Descrición das accións que se pretende emprender, calendario de realización e melloras esperadas con cada unha delas. No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas independentemente.

c.3) De ser o caso, plano de localización das accións previstas.

d) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa (orzamentos, contratos, facturas pro forma etc.) dos custos incluídos nese anexo II. Se é o caso, tamén se deberá acreditar a petición de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.3.

e) No caso de solicitudes conxuntas, declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas ...) conforme o anexo III.

f) Copia de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, ou da súa solicitude, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción ou a solicitude de obtención destes.

g) No caso de denegarse expresamente a obtención polo órgano xestor, certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

h) No caso de solicitudes conxuntas, declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións conforme o anexo IV.

i) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente engadirase:

i.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

i.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que presente a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a documentación que se debe presentar. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados e a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), b), e), g ) e h) anteriores por cada un dos solicitantes.

5. A documentación sinalada nas alíneas c.2), d), i.1) e i.2) do número 3, xunto cos anexos do formulario de solicitude, considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes, de xeito que non serán admitidas aquelas en que se aprecie a ausencia dalgún destes documentos, e neste caso, o expediente arquivarase sen máis trámite.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. En caso contrario, porase de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Non se aplicará o disposto no número anterior ás solicitudes que non veñan acompañadas como mínimo da documentación sinalada nas alíneas c.2), d), i.1) e i.2) do número 3 do artigo 12, que non serán admitidas.

3. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada nos lugares a que se refire o parágrafo 1 do artigo 12.

4. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 14. Órganos de xestión e resolución

1. A tramitación dos expedientes será realizada polo servizo correspondente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. A resolución de concesión será ditada pola conselleira do Medio Rural e do Mar ou, se for o caso, de acordo co que se estableza nas normas de delegación de competencias que estean en vigor no momento desa resolución.

Artigo 15. Comisión de avaliación e equipo de seguimento técnico

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

– Presidente: subdirector/a xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

– Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha das súas xefaturas territoriais, designadas polo presidente. Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe o seu presidente.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

Artigo 16. Criterios de avaliación

1. A comisión de avaliación valorará os proxectos segundo os seguintes criterios, ponderados co valor que se indica en cada caso:

a) Demanda de novos permex na entidade solicitante: ata 2 puntos.

b) Ingresos medios mensuais inferiores ao salario mínimo interprofesional: ata 2 puntos.

c) Utilización de medios técnicos propios da entidade solicitante: ata 4 puntos.

d) Relevancia dos obxectivos pretendidos e grao de necesidade de emprender a acción para acadar o fin previsto, tendo en conta o custo necesario para a súa consecución: ata 5 puntos.

e) Proxectos presentados por entidades que teñan implantado un plan de igualdade ou estean en posesión da marca galega de excelencia en igualdade, nos termos establecidos nos artigos 9 a 12 e 16 a 20 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: ata 1 punto.

f) Porcentaxe do custo asumido polo solicitante: ata 4 puntos.

g) Resultados obtidos por outros proxectos realizados anteriormente pola entidade solicitante debidamente documentados: ata 2 puntos. Os resultados negativos poderanse penalizar con ata 2 puntos.

2. A comisión poderá considerar non viables determinados proxectos ou actuacións e, en consecuencia, propoñer motivadamente a non procedencia de concesión de subvención.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o presidente da comisión avaliadora formulará ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadaran a puntuación necesaria para seren seleccionados por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.3, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 18. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 19. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 20. Recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas que recaian ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste sempre con anterioridade á súa realización.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, salvo que as ordes de convocatoria fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán xustificarse ata o 15 de novembro de cada anualidade. Este prazo poderá prorrogarse por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou logo de solicitude do beneficiario e por causas debidamente motivadas. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir no prazo establecido no parágrafo anterior, e no lugar e forma sinalados no artigo 12 desta orde:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica cando sexa procedente.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas orixinais correspondentes aos custos sinalados na relación. Os xustificantes orixinais serán marcados cun carimbo da consellería, indicando a subvención ou convocatoria para cuxa xustificación foron presentados.

a.4) Extractos das contas, ordes de transferencia, ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos e, se é o caso, importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas.

b) No caso de denegar expresamente a súa obtención polo órgano xestor, certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

d) Os 3 orzamentos que de acordo co artigo 7.3 desta orde deba ter solicitado o beneficiario.

3. Os servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

4. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

5. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipar ao calendario establecido na resolución de concesión e non for posible o axuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtiver a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución.

Artigo 23. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24.

Artigo 24. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 25. Reintegro e graduación dos incumprimentos

1. Graduación de incumprimentos:

a) Cando a entidade beneficiaria non realice, como mínimo, o 50 % das actividades subvencionadas, procederá o reintegro total ou, se for o caso, a perda do dereito ao cobramento total da subvención.

b) cando a entidade beneficiaria realice como mínimo o 50 % das actividades subvencionadas, procederá o pagamento proporcional á parte de actuación realizada, sempre que o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total dos obxectivos do proxecto subvencionado e este acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos

2. Así mesmo, procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Publicidade

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial (http://www.webpesca.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto as bases reguladoras xerais establecidas pola Orde do 27 de abril de 2010 (DOG núm. 85, do 6 de maio). Non obstante, seranlle aplicables as súas disposicións aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde.

Disposición transitoria única

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2014, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 15 de novembro de 2014.

Disposición derradeira primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición derradeira segunda

Facúltase o secretario xeral do Mar, ou o órgano que corresponda por delegación de competencias, para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file