O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar. Foi creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, denominación modificada pola de Fondo Galego de Garantía Agraria en virtude do disposto na disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo. Este marco normativo foi desenvolvido mediante o Decreto 128/1996, do 14 de marzo e, máis recentemente, polo Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria.
O Fogga configúrase como unha entidade pública instrumental, en concreto un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, con personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e plena capacidade de obrar para o cumprimento do seus fins, ao tempo que dispón de tesouraría e patrimonio propios.
De especial relevancia en relación coa configuración e estrutura interna do Fondo Galego de Garantía Agraria resulta a súa consideración como organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia, en virtude do disposto no Decreto 155/2006, do 7 de setembro, polo que se establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia, e a Orde do 4 de outubro de 2007, pola que se autoriza o Fondo Galego de Garantía Agraria como organismo pagador dos ditos fondos en Galicia.
A autorización como organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia condiciona a súa estrutura interna e funcional, ao estar obrigado a cumprir os criterios de autorización descritos no anexo I do Regulamento (CE) 885/2006 da Comisión, do 21 de xuño, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1290/2005 do Consello, no que se refire á autorización dos organismos pagadores e outros órganos e á liquidación de contas do Fondo Europeo Agrícola de Garantía e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
A aprobación deste estatuto exixe ter en conta, ademais da dita normativa comunitaria, e como referencia normativa, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que pon fin á dispersión normativa existente na nosa lexislación autonómica, contribuíndo á racionalización respecto das entidades integrantes do sector público autonómico e regulando, no seu título III, o réxime xurídico, de persoal, orzamentario, económico-financeiro, contable e de control dos organismos autónomos.
Neste senso, a disposición transitoria terceira establece cal debe ser o proceso de adaptación das entidades instrumentais creadas con anterioridade á entrada en vigor da lei e require a adaptación da súa regulación ás determinacións do título III da citada lei mediante decreto da Xunta de Galicia.
De acordo con estas disposicións dítase este decreto, polo que se aproban os estatutos do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) en que se recollen as normas de estrutura e organización interna da institución, baixo os principios de austeridade, eficacia e eficiencia na xestión.
O decreto consta dun artigo único, en virtude do cal se aproba o texto dos estatutos do organismo, dúas disposicións transitorias, en que se regula a composición vixente do órgano executivo e a constitución do Consello Reitor do organismo e, por outro lado, o réxime de persoal; unha disposición derrogatoria, que contén a derrogación do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 7/1994, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, e se establece a súa estrutura orgánica; e dúas disposicións derradeiras, en virtude das cales se establece a habilitación para o desenvolvemento da norma e as regras para a súa entrada en vigor.
O estatuto consta de 41 artigos agrupados en cinco títulos.
O título I contén as disposicións xerais relativas á natureza, ao réxime xurídico e aos principios básicos de actuación do organismo.
O título II refírese ao obxecto, funcións e competencias do organismo, recollendo expresamente a condición do Fogga como organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia. A organización e obxecto desenvólvese no título III. Así, o Fogga conta con órganos de goberno e un órgano executivo.
O título IV ocúpase do réxime de persoal, patrimonial, de contratación e financeiro.
Finalmente, o título V regula as relacións coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia do medio rural, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de dous mil catorce,
DISPOÑO:
Artigo único. Aprobación dos estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria
Apróbanse os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), cuxo texto figura como anexo a este decreto, de conformidade co disposto na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Disposición transitoria primeira. Órgano executivo e Consello Reitor
A partir da entrada en vigor deste decreto, a Dirección do Fogga continuará como órgano executivo do organismo e procederase á constitución do Consello Reitor, que substituirá o actual Consello de Dirección, no prazo dun mes.
Disposición transitoria segunda. Réxime do persoal do organismo
De conformidade co disposto no artigo 6.a) do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, o persoal funcionario e laboral do organismo rexerase pola normativa reguladora da función pública e as súas normas de desenvolvemento, polas disposicións do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e polos propios estatutos da entidade pública instrumental.
A aprobación do decreto non afectará a prestación de servizos do persoal funcionario de carreira e interino, así como o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que preste os seus servizos no Fondo Galego de Garantía Agraria.
O persoal laboral indefinido continuará desempeñando as súas funcións co mesmo réxime e condicións. A cobertura dos postos de traballo polos procedementos legalmente establecidos ou a aprobación da súa amortización producirá a extinción da relación laboral de acordo co disposto na lexislación laboral, todo isto sen prexuízo de que o traballador poida acceder ao emprego público, logo da superación do correspondente proceso selectivo.
Disposición derrogatoria única. Derrogación do Decreto 128/1996, do 14 de marzo
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, e se establece a súa estrutura orgánica.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia do medio rural para ditar, no relativo á organización e materias propias do seu departamento, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto neste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezaseis de xaneiro de dous mil catorce
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar
ANEXO
Estatutos do Fondo Galego de Garantía Agraria
Título I
Disposicións xerais
Artigo 1. Natureza xurídica
1. O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) é un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
2. O Fogga ten personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral de Comunidade Autónoma de Galicia, plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e dispón de patrimonio e tesouraría propios. Dentro da esfera da súa competencia, correspóndenlle as potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins.
Artigo 2. Réxime xurídico
1. O Fogga é unha entidade pública instrumental cuxa organización e funcionamento se regulan polo dereito administrativo, e sométese ao dereito privado só naqueles casos en que corresponda de acordo coa normativa xeral ou sectorial aplicable.
2. O Fogga réxese pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polas demais normas aplicables ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polos presentes estatutos e polas normas de desenvolvemento destes.
3. O Fogga ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigado a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no marco do seu ámbito de actuación. As relacións do Fogga cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual e articúlanse a través de encomendas de xestión das previstas no número 6 do artigo 24 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, son de carácter interno, dependente e subordinado.
Artigo 3. Principios básicos de actuación
O Fogga axustará as súas actuacións aos principios de austeridade, transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, tendo como obxectivo permanente a mellora da calidade no seu ámbito de actuación.
Artigo 4. Adscrición
1. O Fogga adscríbese á consellería competente en materia de medio rural.
2. Exerce as súas funcións con autonomía de xestión e descentralización funcional, dentro dos limites establecidos pola súa lei de creación, polas normas aplicables con carácter xeral ás entidades públicas instrumentais dependentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polos presentes estatutos e polas normas de desenvolvemento destes.
Artigo 5. Actos administrativos
1. O organismo ditará os actos administrativos e resolucións necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:
a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia do organismo.
b) Acordos do Consello Reitor.
c) Resolucións da Dirección.
2. Os actos e resolucións ditados polos órganos de goberno do organismo poñen fin á vía administrativa e son susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.
Os actos ditados pola Dirección do organismo poderán ser impugnados en alzada perante a Presidencia, salvo que fosen ditados por delegación desta.
3. As reclamacións previas en asuntos civís ou laborais serán resoltas polo Consello Reitor.
Artigo 6. Asistencia xurídica
A asistencia xurídica, representación e defensa en xuízo do Fogga corresponderá á escala de letrados/as da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Sede
O Fogga ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela, na rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños.
Título II
Fins e funcións
Artigo 8. Obxecto
O Fogga ten por obxecto executar a política da consellería competente en materia do medio rural, no referente á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestruturación e mellora do sector lácteo e gandeiro de Galicia, sen prexuízo das competencias dos órganos da consellería competente en materia do medio rural, previstas no correspondente decreto polo que se establece a súa estrutura orgánica.
Artigo 9. Finalidades xerais
De acordo co disposto no artigo anterior, as súas finalidades básicas serán as seguintes:
a) A execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
b) A execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.
c) Apoiar e promover a mellora e modernización do sector lácteo gandeiro nas diferentes áreas de actuación: produción gandeira, transformación industrial, comercialización e distribución, estrutura empresarial e sectorial de investimento e financiamento, formación, información e mellora da calidade, promoción de sistemas de xestión e cantas outras se coiden necesarias.
d) Promover a participación do sector nos labores de planificación, xestión e financiamento dos programas de mellora e desenvolvemento daquel, fomentando unha estreita colaboración e interrelación en prol dunha realización máis eficaz das súas actividades.
Artigo 10. Funcións
Para o cumprimento dos seus fins o Fogga realizará as seguintes funcións:
a) Actuar como organismo pagador e, polo que respecta aos pagamentos que realiza e á comunicación e á conservación da información relacionada, deberá ofrecer garantías suficientes de que:
1º. Antes de emitir a orde de pagamento comproba que as solicitudes cumpren cos requisitos necesarios e, no contexto do desenvolvemento rural, o procedemento de atribución de axudas se axusta á normativa comunitaria. Neste ámbito correspóndenlle as competencias en materia de control de condicionalidade previstas no Decreto 106/2007, do 31 de maio, sobre a distribución de competencias na aplicación e control de condicionalidade en relación co desenvolvemento rural e ás axudas directivas da política agrícola común, modificado polo Decreto 31/2010, do 25 de febreiro, así como as competencias previstas no Decreto 158/2007, do 21 de xullo, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea.
2º. Os pagamentos que efectúa son contabilizados de forma exacta e exhaustiva.
3º. Realiza os controis establecidos pola lexislación comunitaria.
4º. Presenta os documentos exixidos pola normativa comunitaria.
5º. Os documentos, incluídos os electrónicos, para efectos da normativa comunitaria, son accesibles e consérvanse íntegros e lexibles co paso do tempo.
b) Para a adopción de medidas de intervención e regulación de mercados das distintas organizacións comúns de mercados:
Realizará as actuacións que sexan necesarias, sempre sobre a base dun convenio celebrado co Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) polo que se encomenda ao Fogga a xestión das devanditas actuacións.
c) Así mesmo corresponde ao Fogga realizar as seguintes funcións, sen prexuízo das funcións asignadas aos distintos órganos da consellería competente en materia de medio rural:
1º. Incrementar a capacidade de información, tecnificación, formación e xestión dos/as axentes operativos/as no sector lácteo e gandeiro, promovendo a colaboración cos centros de investigación, asociacións profesionais e universidades.
2º. Impulsar a transformación das explotacións gandeiras potenciando o cooperativismo no sector e asumindo neste ámbito as competencias en materia de recoñecemento e rexistro das organizacións de produtores de leite na Comunidade Autónoma de Galicia previstas no Decreto 112/2011, do 3 de xuño, modificado polo Decreto 155/2013, do 19 de setembro.
3º. Apoiar a modernización e mellora das industrias de alimentación do gando, lácteas e cárnicas radicadas en Galicia e promover a implantación de novas iniciativas empresariais.
4º. Coordinar e apoiar a promoción comercial e mellora integral da calidade dos produtos lácteos e gandeiros galegos, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos ou entes da Administración autonómica.
5º. Captar sistemas de apoio e financiamento que teñan como obxectivo a mellora do sector lácteo e gandeiro.
6º. Promover, crear e participar, se é o caso, na constitución de sociedades de servizos e comerciais que teñan como fins atender á mellora da competitividade do sector lácteo e gandeiro galego.
7º. Establecer convenios con entidades de dereito público ou privado para o mellor exercicio das súas funcións, no marco do establecido na Lei 7/1994, do 29 de decembro.
8º. Informar, asesorar, coordinar e xestionar as operacións relacionadas coa aplicación das cantidades de referencia individual para a produción láctea e as relativas ás primas e axudas establecidas na política agrícola común e medidas de acompañamento.
d) En xeral todas aquelas accións que contribúan á mellora do sistema produtivo agrario e ao seu desenvolvemento equilibrado e integrado no territorio ou que lle sexan encomendadas ou sexan da súa competencia no ámbito da antedita lei.
TÍTULO III
Organización
CAPÍTULO I
Órganos de goberno
Artigo 11. Órganos de goberno
Os órganos de goberno do Fogga son:
a) A Presidencia.
b) O Consello Reitor.
Artigo 12. A Presidencia
A Presidencia do Fogga corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de medio rural.
Artigo 13. Funcións da Presidencia
1. Corresponde á persoa titular da Presidencia:
a) Actuar como contadante na rendición anual de contas ante os organismos competentes.
b) Propoñer a adopción das disposicións regulamentarias precisas para unha adecuada organización e funcionamento do organismo.
c) Obrigar o Fondo, de acordo co disposto na normativa vixente, para o cal lle corresponde a facultade de celebrar convenios e contratos, actuando como órgano de contratación.
d) Nomear, por proposta da dirección, os representantes do organismo nas sociedades ou entidades por este creadas ou naquelas en que participe.
e) Representar o organismo en toda clase de actos e negocios xurídicos e exercer no seu nome accións e recursos.
f) Velar polo cumprimento das directrices marcadas polo Consello Reitor.
g) A presidencia do Consello Reitor, que desempeña todas as competencias que lle corresponden como presidente/a do órgano colexiado segundo o disposto no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
2. A Presidencia poderá delegar as súas competencias segundo o establecido na normativa en vigor.
3. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o/a presidente/a será substituído/a pola Vicepresidencia.
Artigo 14. O Consello Reitor
O Consello Reitor é o órgano superior colexiado de goberno do Fogga.
Artigo 15. Composición
1. O Consello Reitor está integrado polos/as titulares da Presidencia, Vicepresidencia, Dirección e cinco vogais. Estará asistido polo/a titular da Secretaría.
2. Os membros do Consello Reitor gardarán o debido sixilo respecto dos asuntos dos que coñezan como membros deste órgano.
3. Os membros do Consello Reitor non percibirán indemnizacións por asistencia ás reunións deste.
4. Na composición do Consello Reitor procurarase atender ao principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.
Artigo 16. Presidencia do Consello Reitor
1. A Presidencia corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de medio rural.
2. Corresponden á persoa titular da Presidencia as seguintes atribucións:
a) Desempeñar a representación do Consello Reitor.
b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos/as demais membros formuladas con vinte e catro horas de anticipación.
c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.
d) Dirimir co seu voto os empates.
e) Remitir aos órganos correspondentes a proposta de plan de actuación e o informe xeral anual de actuación e de xestión, así como o anteproxecto de orzamentos e as contas anuais.
f) Asegurar o cumprimento das leis e dos estatutos da entidade.
g) Visar as actas e certificados dos acordos do Consello Reitor.
h) Cantas outras atribucións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.
Artigo 17. Vicepresidencia do Consello Reitor
1. A Vicepresidencia do Consello Reitor corresponde por razón do seu cargo á persoa titular do órgano que exerza as competencias en materia de produción agropecuaria e industrias agroalimentarias. No suposto de que o titular do dito órgano sexa designado como titular da Dirección do organismo, a Vicepresidencia corresponderá á persoa titular da secretaría xeral competente en materia do medio rural.
2. A persoa titular da Vicepresidencia substituirá a persoa titular da Presidencia do Consello nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.
Artigo 18. Secretaría do Consello Reitor
1. O Consello Reitor contará cunha Secretaría, que será ocupada por persoal funcionario de carreira.
2. A persoa titular da Secretaría será designada e nomeada polo Consello Reitor. No suposto de que a persoa titular da Secretaría non sexa membro do Consello Reitor, deberá ser persoal funcionario de carreira ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou da entidade pública en que se integre o órgano de que se trate. A substitución temporal da persoa que exerza a Secretaría no suposto de vacante, ausencia ou enfermidade realízase por acordo do Consello Reitor.
3. Corresponde á Secretaría do Consello Reitor as seguintes funcións:
a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.
b) Efectuar a convocatoria das sesións do órgano por orde da súa presidencia, así como as citacións aos membros.
c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.
d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.
e) Expedir certificados das consultas, ditames e acordos aprobados.
f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario ou secretaria.
Artigo 19. Vogais do Consello Reitor
1. Os/as vogais do Consello Reitor son nomeados e separados pola persoa titular da consellería competente en materia de medio rural.
2. Integran o Consello Reitor cinco vogais:
a) Tres representantes da consellería competente en materia de medio rural, designados/as de entre persoas de recoñecido prestixio no sector lácteo-gandeiro e altos cargos ou funcionarios/as da Administración autonómica.
b) Un/unha representante da consellería competente en materia de facenda, designada por proposta desta.
c) Un/unha representante da consellería competente en materia de conservación da natureza, designada por proposta desta.
Artigo 20. Atribucións do Consello Reitor
1. O Consello Reitor é o órgano superior de goberno do Fogga a que lle corresponde o exercicio das máis amplas facultades de goberno e administración e a supervisión da súa actividade.
2. En particular terá atribuídas as seguintes funcións:
a) Fixar as liñas de actuación do fondo, dentro da política da consellería, a través da proposta de plans e programas de actuación.
b) O seguimento, a supervisión e o control superiores da actuación da entidade e da xestión da persoa titular da Dirección.
c) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites establecidos.
d) A aprobación no primeiro mes de cada exercicio do informe xeral anual de actuación e de xestión, sen prexuízo de cantos informes extraordinarios se consideren necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.
e) Decidir, de acordo coa normativa vixente, sobre todas aquelas cuestións relacionadas coa organización e funcionamento do Fogga, as operacións que ten que realizar o organismo, a proposta de creación ou participacións en sociedades ou entes instrumentais así como as operacións máis relevantes que deba realizar aquel.
f) A aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, consonte a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) O control da xestión do organismo.
h) A aprobación e modificación da proposta de relación de postos de traballo do organismo.
i) Aprobar as normas de funcionamento interno do propio consello.
j) Cantas outras cuestións relativas ás competencias do Fogga someta á súa consideración a persoa titular da Presidencia.
3. O consello poderá delegar as súas competencias na Presidencia ou na Dirección, de acordo co establecido na normativa vixente, agás as das alíneas a), c), d), e), f), h) e i) do número anterior, que serán indelegables.
Artigo 21. Convocatoria e réxime de sesións
1. O Consello Reitor reunirase, en sesión ordinaria, cando menos, catro veces ao ano, logo de convocatoria da Presidencia.
De modo extraordinario, reunirase cando o considere oportuno o/a presidente/a, ben por propia iniciativa ou pola maioría dos membros.
2. Entre a convocatoria e a realización da sesión deberán transcorrer, polo menos, corenta e oito horas.
3. Xunto coa convocatoria achegarase a orde do día cos asuntos que se debaterán, indicando que a documentación necesaria para o estudo e a análise dos puntos que se van tratar queda á disposición dos membros do Consello na Secretaría, así como nun vínculo electrónico cunha anticipación mínima de corenta e oito horas.
4. Para a válida constitución do órgano, para os efectos de realización de sesións, das deliberacións e da toma de acordos, requirirase a presenza da persoa titular da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, daqueles que os/as substitúan, e da metade, polo menos, dos/as vogais na primeira convocatoria, ou de tres na segunda. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer, como mínimo, un prazo de vinte e catro horas.
5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do Consello Reitor e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.
Artigo 22. Utilización de medios electrónicos
1. A convocatoria do Consello Reitor poderá efectuarse por medio do correo electrónico sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 21.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
2. De acordo co disposto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, o Consello Reitor poderá constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos respectando os trámites esenciais establecidos nos artigos 26 e 27.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e na devandita Lei 16/2010, do 17 de decembro.
3. As actas das sesións do Consello Reitor poderán ser aprobadas por vía telemática, logo de seren remitidas aos seus membros ao seu enderezo electrónico.
Artigo 23. Reunións por procedemento escrito
1. Poderán realizarse reunións por procedemento escrito, non presenciais, ordinarias ou extraordinarias do Consello Reitor cando así se aprobe por unanimidade dos membros, logo de proposta por escrito da Presidencia. O Consello Reitor deberá gardar proba da reunión non presencial.
2. No procedemento escrito a Secretaría remitirá, seguindo instrucións da Presidencia, a documentación sobre a cal os membros do Consello Reitor deberán expresar o seu acordo ou realizar as alegacións que consideren pertinentes, así como o prazo para manifestar a conformidade coa proposta ou formular alegacións. No caso de que a maioría dos membros do Consello manifesten o seu acordo, a proposta entenderase aprobada.
3. Se se formular alegacións, a Presidencia, unha vez valoradas, poderá optar entre dar por finalizado o procedemento escrito e convocar unha sesión presencial do Consello Reitor; ou ben facer circular unha proposta e continuar co procedemento escrito someténdoa a votación.
Neste último suposto a proposta será aprobada co voto favorable da maioría dos membros do Consello. A Presidencia dirimirá os empates co seu voto de calidade.
Artigo 24. Deliberación e adopción de acordos
1. Todos os membros do Consello terán voz e voto e gozarán dos dereitos que como tales teñen nun órgano colexiado de acordo co disposto no artigo 17 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
2. En caso de ausencia ou enfermidade e cando concorra algunha causa xustificada, os membros titulares poderán ser substituídos polas persoas suplentes, se as houber.
3. Os acordos serán adoptados por maioría simple dos membros presentes. En caso de empate, acudirase ao voto de calidade da persoa titular da Presidencia.
Artigo 25. Actas
1. De cada sesión que realice o Consello Reitor a persoa titular da Secretaría levantará a acta da sesión co contido disposto no artigo 20 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.
2. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas, que se contará desde o momento en que a persoa titular da Presidencia dea por finalizada a sesión. O dito voto particular incorporarase ao texto aprobado.
3. Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan quedarán exentos da responsabilidade que, de ser o caso, poida derivar dos acordos.
4. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión; no entanto, a persoa titular da Secretaría poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo de ulterior aprobación da acta, sen prexuízo do disposto no artigo 22.3.
5. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.
CAPÍTULO II
Órgano executivo
Artigo 26. A Dirección
1. A Dirección é o órgano executivo do Fogga, responsable da dirección e xestión ordinaria deste.
2. A persoa titular da dirección do Fogga é nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta entre os que teñan a condición de titular dun órgano de dirección da consellería competente en materia de medio rural.
Artigo 27. Funcións da Dirección
A persoa titular da Dirección é a responsable da xestión ordinaria do organismo e exerce as competencias inherentes á dita Dirección, en concreto:
a) Cumprir os acordos do Consello Reitor.
b) Propoñer as liñas estratéxicas de actuación do Fogga, coordinar a elaboración da memoria anual de actividades do organismo e someter á aprobación do Consello Reitor unha proposta de anteproxecto de orzamentos.
c) Xestionar o Fogga e someter á consideración do Consello as contas anuais do organismo, antes de rendelas ante os órganos competentes, sen prexuízo das funcións encomendadas á persoa titular da Presidencia.
d) Autorizar a disposición dos créditos e dotacións, recoñecer as obrigas e ordenar os pagamentos do Fogga, de acordo co establecido na normativa vixente e as funcións asignadas á persoa titular da Presidencia.
e) Propor a elaboración das disposicións normativas necesarias para a mellor execución das competencias atribuídas ao organismo.
f) Asistir a Presidencia no exercicio das súas funcións.
g) Exercer a dirección administrativa e a xefatura do persoal do organismo.
h) Coordinar e controlar o funcionamento dos servizos administrativos e as dependencias do Fogga.
i) O exercicio das facultades que teñan atribuídas por delegación do Consello Reitor ou da Presidencia.
j) Formular as propostas de resolución dos recursos administrativos, reclamacións previas á vía civil e laboral e reclamacións de responsabilidade patrimonial.
l) O exercicio de todas as facultades non encomendadas pola normativa reguladora do organismo ao Consello Reitor ou á Presidencia.
CAPÍTULO III
Estrutura administrativa
Artigo 28. Estrutura administrativa
O Fogga para o exercicio das súas competencias estrutúrase internamente nos seguintes departamentos:
a) Secretaría.
b) Subdirección Xeral da Xestión da Política Agrícola Común.
c) Servizo de Auditoría Interna.
d) Servizos territoriais do Fogga.
Artigo 29. Secretaría do Fogga
1. A Secretaría do Fogga dependerá directamente da persoa titular da Dirección do organismo, co nivel orgánico de subdirección xeral, coas funcións de apoio técnico e administrativo da súa Dirección.
2. Correspóndelle en xeral o exercicio inmediato das funcións administrativas, organizativas, económicas e financeiras, de asesoramento e inspectoras, así como a coordinación xeral, supervisión e apoio á persoa directora para unha axeitada xestión dos pagamentos con cargo aos fondos Feaga e Feader, no marco do sistema do organismo pagador dos fondos agrícolas europeos e, particularmente, a execución e contabilización dos pagamentos con cargo aos ditos fondos, ademais das que singularmente lle puideren encomendar ou delegar os órganos de goberno e executivo do Fogga.
3. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría do Fogga estrutúrase nas seguintes unidades:
a) Servizo de Xestión Económica, ao cal corresponderán a xestión do orzamento do organismo, da súa tesouraría e contabilidade, así como a execución e contabilización de todos os pagamentos e o rexistro das operacións con cargo aos fondos europeos agrarios Feaga e Feader. Así mesmo, compételle a xestión da contratación administrativa do Fogga.
b) Servizo de Xestión Administrativa, que prestará apoio e asesoramento a todas as unidades do organismo, particularmente en materia de recuperación de pagamentos indebidos de fondos agrícolas europeos do conxunto de xestores do organismo pagador. Corresponderalle a instrución de expedientes sancionadores e recursos administrativos e dos procedementos de recuperación de débedas, incluído o seguimento, control e devolución das débedas constatadas polo organismo pagador; a xestión do inventario do Fogga e do seu patrimonio, a elaboración de anteproxectos normativos e de plans e programas de actuación do Fogga, así como a xestión e administración ordinaria do persoal, tanto funcionario como laboral, adscrito ao organismo e do seu réxime interior e control.
Artigo 30. Subdirección Xeral de Xestión da PAC
1. Baixo a dependencia da persoa titular da Dirección, corresponde á Subdirección Xeral de Xestión da PAC a realización das funcións necesarias para a aplicación da PAC no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas directas, ás medidas de intervención e regulación de mercados da organización común de mercados agrícolas e no relativo ás axudas á renda das persoas agricultoras no marco do programa de desenvolvemento rural. Tamén realizará funcións de apoio ao sector lácteo canto á análise das problemáticas e xestión dos axentes integrantes deste.
2. Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:
a) Servizo de Axudas Agrícolas da PAC, ao cal compete o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da PAC en materia agrícola, especialmente nos réximes de axudas directas a persoas agricultoras baseados en superficies, con cargo ao Fondo Europeo Agrario de Garantía; tamén lle corresponde o mantemento e actualización do Sistema de Información Xeográfico de Parcelas Agrícolas (Sixpac).
b) Servizo de Axudas Gandeiras da PAC, ao cal corresponde o exercicio das accións necesarias para a aplicación en Galicia da PAC en materia gandeira, especialmente os réximes de axudas directas a persoas agricultoras baseados na gandaría, con cargo ao Fondo Europeo Agrario de Garantía (Feaga), así como a xestión dos dereitos de axudas.
c) Servizo de Axudas Complementarias, ao cal compete a xestión das axudas á renda ás persoas titulares das explotacións agrarias no marco dos programas de desenvolvemento rural, e das medidas en relación coa mellora do ambiente e do contorno rural para a utilización sustentable de terras agrícolas, principalmente indemnizacións por dificultades naturais, axudas agroambientais e axudas ao benestar dos animais.
d) Servizo de Apoio ao Sector Lácteo e Mercados Agrícolas, ao que corresponde a análise e seguimento das problemáticas do sector lácteo e dos prezos do leite, implementación da xestión técnico-económica nas explotacións leiteiras para análise dos custos de produción e a xestión e seguimento dos axentes integrantes do sector. Ademais, xestionará as operacións relacionadas cos produtos en réxime de intervención, así como outras medidas derivadas da aplicación da organización común de mercados agrícolas. As funcións establecidas no Decreto 61/2007, do 22 de marzo, do Observatorio do Sector Lácteo, quedan adscritas a este servizo.
Artigo 31. Servizo de Auditoría Interna
1. O Servizo de Auditoría Interna dependerá directamente da persoa titular da Dirección do Fogga.
2. Ao Servizo de Auditoría Interna correspóndelle asegurar o efectivo funcionamento do sistema de control interno do Fogga como organismo pagador dos gastos relacionados coa política agrícola común, así como dos demais órganos ou entes integrados no organismo pagador ou que xestionen fondos europeos agrarios Feaga e Feader, verificando se os procedementos adoptados por aqueles son adecuados e asegurando a súa conformidade coa regulamentación comunitaria, e que a contabilidade é precisa, completa e realizada a tempo, ademais de informar os órganos de goberno e executivo do organismo pagador e de pór os seus programas e informes de control á disposición do organismo de certificación e doutros órganos de inspección e control da Unión Europea.
Artigo 32. Servizos territoriais do Fogga
Nas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de medio rural existirá un servizo territorial do Fogga que dependerá organicamente das xefaturas territoriais e funcionalmente da Dirección do organismo.
TÍTULO IV
Réxime de xestión funcional
CAPÍTULO I
Réxime de persoal
Artigo 33. Persoal e réxime xurídico
1. O Fogga contará con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia. En todo caso, quedarán reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como daquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de función pública.
2. O persoal funcionario ao servizo do Fogga rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.
3. O persoal laboral ao servizo do Fogga rexerase polo Convenio Colectivo Único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo Estatuto dos traballadores e demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
4. A estrutura de persoal do organismo garantirá, en todo caso, o cumprimento dos criterios de autorización neste eido como organismo pagador dos fondos europeos agrícolas previstos na normativa comunitaria.
Articulo 34. Ordenación dos postos de traballo
1. A relación de postos de traballo do organismo determinará a natureza, contido e características do desempeño e retribucións de cada posto de traballo, de acordo co disposto na normativa de función pública. A dita relación será pública e será aprobada pola Xunta de Galicia de conformidade coa normativa aplicable na materia e logo de negociación coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.
2. A aprobación e modificación da proposta de relación dos postos de traballo do Fogga será acordada polo Consello Reitor, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública, e estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.
CAPÍTULO II
Réxime de patrimonio e contratación
Artigo 35. Réxime patrimonial
1. Para o cumprimento dos seus fins o Fogga conta con patrimonio propio, constituído polo conxunto de bens e dereitos, incluídos toda clase de propiedades incorporais e de obrigas da súa titularidade. O réxime patrimonial do organismo será o determinado na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio de Galicia, e demais normativa que lle sexa de aplicación.
2. Os bens do patrimonio da Comunidade Autónoma que se lle adscriban para o cumprimento dos seus fins non perderán por esta adscrición a súa condición xurídica orixinaria.
3. Ademais dos bens adscritos de acordo co disposto no parágrafo anterior, formarán parte do seu patrimonio todos os bens, valores e dereitos que adquira no exercicio das súas funcións.
4. No caso de disolución do organismo, o seu patrimonio reverterá ao da Comunidade Autónoma.
Artigo 36. Contratación
1. O Fogga axustará a súa actividade contractual ao disposto pola normativa aplicable á contratación do sector público.
2. O órgano de contratación do Fogga é a persoa titular da Presidencia, sen prexuízo das delegacións que poida levar a cabo na persoa titular da Dirección.
CAPÍTULO III
Recursos económicos e financeiros
Artigo 37. Recursos económicos
Os recursos económicos con que conta o Fogga para o exercicio das súas funcións son os seguintes:
a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Os ingresos propios percibidos como contraprestación polas actividades realizadas en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas.
c) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.
d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.
e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.
f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.
g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estean autorizados a percibir.
h) Calquera outro recurso que se lles poida atribuír.
Artigo 38. Réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control
O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade e de control é o establecido pola lexislación vixente de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.
TÍTULO V
Relacións coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 39. Plan de actuación
1. A actividade do Fondo Galego de Garantía Agraria desenvolverase consonte o seu plan de actuación, que será aprobado por orde da consellería competente en materia de medio rural, dentro do marco do programa plurianual desta, por proposta do Consello Reitor do organismo, contando co informe favorable da consellería competente en materia de facenda, conforme o establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O plan de actuación inclúe, en todo caso:
a) Os obxectivos e os resultados que deben ser acadados, cos seus indicadores de seguimento.
b) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios precisos para a consecución dos obxectivos e resultados fixados.
Artigo 40. Informe xeral anual de actuacións e de xestión
1. A Dirección do Fogga elaborará un informe xeral anual de actuación e xestión en que se reflectirá con claridade a actividade desenvolvida no exercicio precedente, no cal se precise:
a) O grao de cumprimento dos principios de eficacia e eficiencia, entendendo por eficacia a consecución real dos obxectivos fixados no plan de actuación e por eficiencia a optimización dos medios dispostos para a consecución directa dos obxectivos.
b) A suxestión que se considere oportuna para a mellora da actuación, coa proposta das medidas necesarias de carácter xurídico-administrativo, técnico, económico ou de persoal.
2. O informe xeral anual de actuación e xestión será aprobado polo Consello Reitor. Esta aprobación poderá conter cantas instrucións e disposicións sexan necesarias para garantir o funcionamento eficaz e eficiente do organismo.
Artigo 41. Control de eficacia
O Fogga estará sometido a un control de eficacia no cumprimento do seu plan de actuación que será exercido pola consellería competente en materia de medio rural e pola unidade administrativa con competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.