Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2014 Páx. 4222

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2014 pola que se convocan os cursos de perfeccionamento de xefatura de sección e de perfeccionamento de xefatura de negociado para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En execución do programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública convócanse os cursos de perfeccionamento de xefatura de sección e perfeccionamento de xefatura de negociado para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cuxas bases, características e contido son detallados nos anexos desta resolución,

RESOLVO:

Publicar a convocatoria das devanditas actividades formativas cuxo detalle figura no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderán participar na acción formativa convocada por esta resolución os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria e para cada un dos casos no anexo II. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, que disporán das súas propias e exclusivas convocatorias.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.es>.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será do 4 ao 13 de febreiro de 2014.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Cada persoa só poderá solicitar unha edición para un único curso.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. As persoas solicitantes de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberán dispor dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo terán que indicar na solicitude e dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

8. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax: 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

9. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Nos cursos de perfeccionamento de xefatura de sección e de perfeccionamento de xefatura de negociado terán preferencia as persoas que no momento da convocatoria estean a desempeñar un posto de xefatura de sección ou de xefatura de negociado, respectivamente.

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo).

2. A selección do alumnado farase de forma conxunta para cada curso. Unha vez seleccionado, o alumnado será asignado a cada unha das edicións por orde alfabética. As vacantes que se produzan cubriranse automaticamente de acordo coa orde de reserva.

3. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación da relación do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia e o abandono:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) ou abandonen a actividade formativa sen xustificación pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade. Todo isto de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas accións formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG do 10 de xaneiro).

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

e) As faltas de asistencia ou abandonos deberán xustificarse documentalmente ante os responsables das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización destas.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar o curso é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– Asistencia a todas as sesións presenciais, se as houber.

– Adecuada realización das actividades que o titor ou a titora propoña. Estas deben constar como aprobadas nos prazos que estipulen as titorías.

– Lectura detallada dos contidos do curso. Cada módulo do curso terá contidos de lectura obrigatoria no contorno virtual e, adicionalmente, poderá ter outros materiais complementarios de visualización recomendada.

– O alumnado deberá superar as probas que para os efectos se establezan segundo o calendario que figura no anexo II desta resolución e estas poderanse desenvolver de xeito descentralizado nas sedes que se determinen no comezo da actividade.

As probas consistirán na realización dun cuestionario tipo test de 50 preguntas, con catro respostas alternativas. Para superar o exame é necesario responder correctamente o 60 % das preguntas, isto é, 30 preguntas.

O exame terá unha duración dunha hora e trinta minutos.

Nos módulos de Negociación e traballo en equipo, así como no de Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos, a proba poderá consistir na realización dun caso práctico.

O tempo necesario para o desenvolvemento das probas de avaliación non se computa a maiores do tempo de duración do curso.

Os alumnos que suspendan algunha das anteriores probas de avaliación terán a posibilidade de realizar unha proba ao final do curso. Estas probas consistirán, igual que as anteriores, na realización dun cuestionario tipo test de 50 preguntas, con catro respostas alternativas. Para superar o exame é necesario responder correctamente o 60 % das preguntas, isto é, 30 preguntas.

Oitava. Certificados

Outorgaráselle o correspondente certificado de aproveitamento ao alumnado que supere cada unha das probas de todos os módulos que integran o contido da actividade formativa.

Os/as profesores/as emitirán informe indicando a avaliación do alumnado para os efectos de obtención do certificado de aproveitamento, declarando apto ou non apto.

Novena. Facultades da EGAP

a) A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión do curso, e pode suprimir algún, ampliar novas edicións da programación cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Así mesmo, corresponde á EGAP dispor canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

c) A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e os contidos do curso e as datas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

ANEXO II
Curso: perfeccionamento de xefatura de sección

Código: FC14099.

Tipo: específico.

Área formativa: habilidades pre-directivas.

1. Obxectivos.

Contribuír a unha maior capacitación dos funcionarios na Administración autonómica, co fin de optimizar as súas aptitudes e actitudes profesionais para a mellora da xestión e da prestación dos servizos públicos.

2. Destinatarios.

Van dirixidos aos empregados e empregadas públicos destinados na Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia dos subgrupos A1, A2 e C1.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 2.

Duración: 120 horas por edición.

Modalidade: teleformación.

Datas:

– Edición T01: 24 de febreiro ao 3 de xuño de 2014.

– Edición T02: 24 de febreiro ao 3 de xuño de 2014.

Prazas: 50 por edición.

4. Contido:

– Contratación Administrativa (20 horas).

– Subvencións (20 horas).

– Iniciación á Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos (20 horas).

– Función pública de Galicia (15 horas).

– Negociación e traballo en equipo (15 horas).

– Xénero e igualdade nas administracións públicas (15 horas).

– Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos (15 horas).

5. Desenvolvemento das probas.

1ª proba: realizarase o día 31 de marzo. A proba versará sobre os contidos dos módulos de Contratación administrativa e subvencións.

2ª proba: realizarase o día 30 de abril. A proba versará sobre os contidos dos módulos de Iniciación á Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos e Función Pública de Galicia.

3ª proba: realizarase o día 6 de xuño. A proba versará sobre os contidos dos módulos de Negociación e traballo en equipo, Xénero e igualdade nas administracións públicas e Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos.

Curso: perfeccionamento de xefatura de negociado

Código: FC14100.

Tipo: específico.

Área formativa: habilidades pre-directivas.

1. Obxectivos.

Contribuír a unha maior capacitación dos funcionarios na Administración autonómica co fin de optimizar as súas aptitudes e actitudes profesionais para a mellora da xestión e da prestación dos servizos públicos.

2. Destinatarios.

Van dirixidos aos empregados e empregadas públicos destinados na Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia dos subgrupos A2, C1 e C2.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 4.

Duración: 80 horas por edición.

Modalidade: teleformación.

Datas:

– Edición T01: 1 de abril ao 3 de xuño de 2014.

– Edición T02: 1 de abril ao 3 de xuño de 2014.

– Edición T03: 18 de setembro ao 24 de novembro de 2014.

– Edición T04: 18 de setembro ao 24 de novembro de 2014.

Prazas: 50 por edición.

4. Contido.

– Procedemento administrativo (20 horas).

– Iniciación á Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos (15 horas).

– Cambio e motivación (15 horas).

– Xénero e igualdade nas administración públicas (15 horas).

– Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos (15 horas).

5. Desenvolvemento das probas.

– 1ª e 2ª edición:

1ª proba: realizarase o día 29 de abril. A proba versará sobre os contidos dos módulos de Procedemento administrativo e Iniciación á Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos.

2ª proba: realizarase o día 5 de xuño. A proba versará sobre os contidos dos módulos de Cambio e motivación, Xénero e igualdade nas administracións públicas e Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos.

– 3ª e 4ª edición:

1ª proba: realizarase o día 17 de outubro. A proba versará sobre os contidos dos módulos de Procedemento administrativo e Iniciación á Administración electrónica e seguridade da información e protección de datos.

2ª proba: realizarase o día 28 de novembro. A proba versará sobre os contidos dos módulos de Cambio e motivación, Xénero e igualdade nas administracións públicas e Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos.