Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2014 Páx. 5004

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de xaneiro de 2014 pola que se clasifica de interese social a Fundación Knowcosters.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Knowcosters con domicilio na rúa Enrique Mariñas, 36, na Coruña.

Feitos:

1. Miguel Conde Lobato, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Knowcosters foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 29 de maio de 2013, ante o notario José Guillermo Rodicio Rodicio, con número de protocolo 706, pola entidade Grupo Bap-Conde, S.A. que actúa representada por Miguel Conde Lobato.

Esta escritura foi complementada por outra outorgada na Coruña, o 9 de decembro de 2013, ante o mesmo notario, con número de protocolo 1.562.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto, promover melloras da sociedade a través do consumo, acercar ao consumidor información para que poida consumir como pensa e que este sexa consciente de que, cando consome, vota por un modelo social ou por outro.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Miguel Conde Lobato como presidente; Isabel María Gómez Piñón como vicepresidenta; e por Arturo López Lago como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese social, da Fundación Knowcosters, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social, e a súa adscrición á Consellería de Economía e Industria atendendo aos fins de promoción dos intereses dos consumidores.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 20 de xaneiro de 2014.

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Knowcosters adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza