Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 7 de febreiro de 2014 Páx. 5252

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2014, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica LMT derivada Distriz no concello de Monforte de Lemos (expediente 012/2009 AT).

Examinado o expediente instruído a instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira nº 2, Velle, Ourense aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 3 de abril de 2009, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica liña de media tensión derivada Distriz, no concello do Monforte de Lemos, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O 16 de abril de 2013 a empresa beneficiaria presenta o anexo nº 1 en cumprimento da ITC-LAT 01 á 09 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

Terceiro. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante Resolución da Xefatura Territorial de Economía e Industria do 7 de xuño de 2013. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 20 de xullo de 2013, no BOP de Lugo do 28 de xuño e no DOG do 3 de xullo, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Monforte de Lemos. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Cuarto. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Quinto. Durante o trámite de información pública presentou alegacións María Gloria del Carmen Díaz Díaz (predio nº 57) mediante escrito presentado, por correo certificado, o 28.6.2013 e relativas, basicamente, ao alcance real das afeccións, por considerar insuficiente e errónea a información achegada pola empresa, ao descoñecemento das limitacións impostas pola servidume de paso derivada da execución da liña eléctrica e á posibilidade de que esta sexa desprazada cara ao lindeiro do predio co camiño de Bastemil.

Tales alegacións foron contestadas pola empresa beneficiaria do proxecto, achegándose á interesada a súa resposta e a planimetría que con ela xuntaban.

Sexto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo a trazar da liña eléctrica proxectada, informan os referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre as que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

Para estes feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria e no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas pola interesada, da contestación que formula a empresa promotora, dos informes técnicos emitidos e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente.

Por unha parte, no que atinxe ás discrepancias manifestadas sobre o alcance das afeccións, cómpre indicar que será no trámite de levantamento das actas previas á ocupación, no que se poderá comprobar sobre o terreo o alcance real das afeccións e prexuízos causados pola instalación eléctrica, tal como se recolle no capítulo II da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

En canto aos efectos e alcance dunha servidume de paso de enerxía eléctrica, hai que remitirse neste caso ao disposto nos artigos 157, 158 e 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Por último, no que se refire á posible variación da traza que suxire a Sra. Díaz Díaz, a interesada non propón unha alternativa concreta e non acredita para a variante suxerida que concorran conxuntamente as tres condicións que exixe o artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así, tendo en conta o anterior xunto cos informes técnicos emitidos no expediente en relación co proxecto presentado pola empresa peticionaria, nos que se considera viable tal proxecto e que non existen limitacións á imposición da servidume de paso sobre os predios afectados (artigo 161.1), debe entenderse como máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación a traza proposta polo autor do dito proxecto.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT derivada Distriz, no concello de Monforte de Lemos, coas seguintes características técnicas principais:

– Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 1.052 m, con orixe no apoio nº 1, proxectado, en condutor LA 56 e final no apoio nº 7, proxectado, sobre apoios de formigón (4) e metálicos (3).

– Liña de media tensión subterránea, a 20 kV, cunha lonxitude de 282 m, con orixe no paso aerosubterráneo no apoio nº 7 e final no centro de transformación caseta Distriz.

– Centro de transformación caseta Distriz, de 250 kVA e relación de transformación 20.000/400-230 V.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución e o seu anexo nº 1 da instalación eléctrica LMT derivada Distriz visados, respectivamente, os días 30 de marzo de 2009 e 9 de xaneiro de 2013 cos números CO090930 e CO130607, polo ICOIIG da Coruña, e asinados polos enxeñeiros industriais Rubén Menéndez Fernández, colexiado número 1380 e Burkard Hecht Elorduy, colexiado número 2633.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto do presente expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e na hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 20 de xullo de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 28 de xuño e no Diario Oficial de Galicia do 3 de xullo, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Monforte de Lemos. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT derivada Distriz e o seu anexo presentados pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real Decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración resérvase para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 16 de xaneiro de 2014

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo