Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 14 de febreiro de 2014 Páx. 6128

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2014 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape polo que se modifican as bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 5 de febreiro de 2013, aprobou o texto das bases reguladoras do Programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013. As bases fixéronse públicas mediante a Resolución do 23 de setembro de 2013 (DOG nº 187, do 1 de outubro).

O artigo 6 das bases reguladoras prevé a formalización de convenios de adhesión como entidade colaboradora das empresas ou entidades que cumpran unha serie de requisitos. Este mesmo artigo prevé a exención de determinados requirimentos de solvencia técnica e económica para os clústers galegos legalmente constituídos, as entidades asociativas de carácter empresarial ou profesional e as empresas cuxa data de constitución teña unha antigüidade inferior a tres anos na data de publicación da convocatoria.

O Igape está neste momento no proceso de posta en marcha da Unidade Galicia Emprende (UGE), que se constituirá como unha rede de apoio integral aos emprendedores galegos, e unificará a metodoloxía e os recursos dedicados ao emprendedor en Galicia. Estas entidades son destinos convenientes para os bolseiros, xa que en todas elas se prestan servizos aos emprendedores relacionados con ámbitos da mellora da competitividade, como son a análise económico-financeira, os plans de viabilidade ou os plans de empresa.

Tendo en conta que algunhas das entidades cuxa participación na UGE está prevista son entidades públicas, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 19 de decembro de 2013, acordou a modificación do último parágrafo do artigo 6 para incluír na exención de requisitos as entidades que colaboren co Igape na prestación de servizos no ámbito do artigo 1.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras do programa do Igape de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no seguinte senso:

Modifícase o último parágrafo do artigo 6. Entidades colaboradoras, que queda redactado do seguinte xeito

«Os clústers galegos legalmente constituídos, as entidades asociativas de carácter empresarial ou profesional, as entidades coas cales o Igape colabore no marco dun acordo formal para a prestación de servizos a empresas ou emprendedores no ámbito do artigo 1 destas bases, e as empresas cuxa data de constitución teña unha antigüidade inferior a tres anos na data de publicación da convocatoria de bolsas para a que van acoller bolseiros eximiranse do requisito de solvencia técnica relativa á experiencia de 4 anos (si deberán cumprir o resto de requisitos de solvencia técnica), así como dos requisitos de solvencia económica. Así mesmo, quedarán exentos da presentación da declaración responsable dos principais proxectos elixibles executados durante os últimos catro anos, e substituirán a relación de contratos asinados ou encargos firmes para os próximos 12 meses por unha declaración dos principais traballos que se van acometer».

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica