Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Mércores, 26 de febreiro de 2014 Páx. 8139

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das entidades galegas no exterior para o exercicio 2014.

O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, determina que son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por galegos/as, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer dos/das galegos/as residentes fóra de Galicia e dos/das seus/súas descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propios.

Os principios de economía, austeridade e eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos que deben presidir a actuación das administracións públicas determinan que deban buscarse fórmulas que posibiliten unha xestión máis racional e eficiente dos recursos públicos que garantan unha mellor optimización deles.

Neste sentido, o artigo 19.2 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, establece que a Xunta de Galicia promoverá os procesos de unión ou fusión entre as entidades galegas no exterior, perseguindo así unha optimización non só dos recursos propios, senón tamén daqueles que son achegados anualmente pola propia Administración a través dos correspondentes programas de axudas e subvencións.

Deste xeito, na presente resolución prevese unha maior puntuación na valoración das solicitudes daquelas entidades que sexan o resultado dun recente proceso de unión ou fusión doutras entidades ou que nos seus ámbitos territoriais teñan a característica de ser as únicas recoñecidas coa correspondente categoría.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e,sinaladamente, nas áreas formativas, culturais, de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Capítulo I
Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais e as que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación:

Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento e proxectos de actividades promovidos polas entidades galegas do exterior.

– Liña I: axudas para o financiamento de gastos de funcionamento das entidades galegas.

– Liña II: axudas para proxectos culturais, promovidos pola mocidade, para accións informativas ou para o cumprimento dos seus fins.

Programa 2. Accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas que teñan como obxectivo a promoción cultural, social ou económica de Galicia ou da propia entidade.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2014.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Igualmente, e de conformidade co establecido nas disposicións transitorias terceira e cuarta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, tamén poderán ser beneficiarias as entidades recoñecidas pola normativa anterior á dita lei.

No programa 1, liña I –gastos de funcionamento–, só se concederán axudas ás entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas ou de centros colaboradores da galeguidade.

No programa 1, liña II –proxectos de actividades–, poderán concederse subvencións a calquera entidade recoñecida.

No programa 2 –accións de especial relevancia– só se concederán axudas ás entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas.

3. Non poderán concorrer ás subvencións establecidas nesta convocatoria as entidades galegas que teñan adoptado o acordo de iniciar un proceso de unión ou fusión en canto o dito proceso non estea rematado.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución destinarase inicialmente un crédito total de 900.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0. –Axudas a entidades no ámbito das migracións–, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014. Este importe poderá ampliarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O crédito previsto distribuirase entre os programas da maneira que segue:

Programa 1. Axudas para o financiamento de gastos de funcionamento e proxectos de actividades.

Destinarase con cargo a este programa un crédito de 850.000€, que se distribuirá en dúas liñas de axudas, como segue:

– Liña I: axudas para o financiamento de gastos de funcionamento: 350.000 €.

O importe máximo que se concederá a través desta liña será de 18.000 €.

– Liña II: axudas para proxectos culturais, promovidos pola mocidade, para accións informativas ou para o cumprimento dos seus fins: 500.000 €.

O importe máximo que se concederá a través desta liña será de 25.000 €.

A contía final da subvención que se vai conceder por este programa será menor de 30.000 € e comprenderá a suma das contías que resulten da valoración correspondente de cada liña do programa; se a suma superase tal cantidade diminuirase a contía de cada liña porcentualmente.

Programa 2. Accións de especial relevancia, promovidas pola entidade solicitante, que teñan como obxectivo a promoción cultural, social ou económica de Galicia ou da propia entidade: 50.000 €.

A contía final da subvención que se concederá por este programa non poderá ser superior a 10.000 €.

3. Á vista das solicitudes presentadas e de existir remanente nalgún dos programas ou liñas, logo de feita a proposta de concesión, poderá ser redistribuído pasando a incrementar porcentualmente a consignación da outra liña ou programa, se ser o caso.

4. A subvención concedida será única para cada programa.

Artigo 4. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderanse presentar igualmente nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da entidade solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Na presente convocatoria as entidades tan só poderán presentar unha solicitude.

Só poderán ser subvencionadas accións que se vaian executar no prazo comprendido entre o día 1 de novembro de 2013 e a data límite prevista para a súa xustificación no artigo 12.1 desta resolución.

O importe da subvención solicitada será como máximo o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado superase esa cifra, non se terá en conta o exceso.

Para fixar o importe do investimento total que se vai subvencionar deberán terse en conta os obxectivos establecidos no artigo 1 desta resolución.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Documentación xeral

1. Xunto coa solicitude, as entidades deberán presentar, ademais da documentación específica que para cada programa se relaciona nos artigos 24, 27 e 30, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF da entidade ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Catastro…), salvo que xa estivese en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

b) As entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión deberán xuntar, ademais, a documentación que acredite este aspecto.

2. A solicitude e a documentación que se presente deberá ser asinada polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. Para as entidades con domicilio social en España, a presentación da solicitude de concesión destas subvencións comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impor nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

3. De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por medio desta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

3. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reunise os requisitos establecidos, o órgano competente requirirá á entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixese, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado e emitirá informe en que se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión. Estará formado por tres vogais e un/unha secretario/a, designados polo secretario xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada liña e programa nos artigos 25, 28 e 31 desta resolución. Entre as solicitudes que cumpran os requisitos para ser beneficiarias, establecerase unha orde de prelación segundo o número de puntos que acaden aplicando os criterios de valoración establecidos.

6. No programa 1, o cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada liña do programa tendo en conta a distribución do crédito e o disposto na presente resolución. O crédito dispoñible para cada liña distribuirase entre as entidades segundo o número de puntos asignados a cada unha delas. A subvención final para este programa será a suma das contías propostas en cada liña.

No programa 2, os importes propostos serán os resultantes de distribuír o crédito previsto entre as entidades segundo o número de puntos asignados a cada unha delas.

7. Os importes máximos da subvención que se vaia conceder son os establecidos no artigo 3 da presente resolución e non poderán superar o 80 % do gasto total subvencionable. Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 150 € por programa. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía redistribuiranse entre o resto das propostas de concesión.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das ditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación que dea conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días computarán desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo II desta resolución. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

Artigo 11. Resolución

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Xustificación

1. As accións subvencionadas a través da presente convocatoria deberán ser executadas e xustificadas antes do 30 de setembro de 2014.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, sen que a dita ampliación se poida aplicar ao prazo de execución das
accións subvencionadas establecido no artigo 5.2 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe unitario das subvencións inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 13 desta resolución, os beneficiarios de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos en cada programa e liña subvencionada.

b) Relación clasificada dos gastos realizados, con identificación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (pódese utilizar o modelo que figura como anexo III desta resolución).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV desta resolución.

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (pódese utilizar o modelo que figura como anexo IV desta resolución).

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

No caso de que entre as accións que aparecen na solicitude se inclúan algunhas referidas á edición e difusión dos libros e publicacións, ademais da documentación xustificativa indicada, deberase enviar un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada, no cal deberá figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

4. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A non presentación da emenda da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €.

6. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir á entidade beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética, e asígnaselles un número correlativo.

– Escóllese un número ao chou do 1 ao 20. O dito número determinará a primeira beneficiaria que será obxecto da mostraxe e os seguintes que se elixan serán múltiplos do dito número.

Artigo 13. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas, e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderán efectuarse pagamentos á conta ou acordarse anticipos, logo de solicitude xustificada pola entidade, dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O resto do importe, ou a parte que corresponda, librarase logo de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 65.4 h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 14. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto destas, e poderán subcontratar con terceiros ata o cen por cento das accións subvencionadas.

Artigo 15. Requirimentos

De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es.

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das ditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación en que dea conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados pola presente resolución quedan obrigadas a:

1. Realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 7.

6. As entidades beneficiarias de subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, e a Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se deberá minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Publicidade

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 €, con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, a relación de subvencións concedidas será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral, http://emigracion.xunta.es.

Artigo 21. Réxime de recursos

11. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa que a desenvolva.

Capítulo II
Disposicións específicas para o programa 1. Axudas para gastos de
funcionamento e programas de actividades promovidos polas
entidades galegas do exterior

Sección 1ª. Liña I. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento

Artigo 23. Obxecto e finalidade das subvencións

Esta liña ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico en que incorran as comunidades galegas e centros colaboradores existentes fóra de Galicia e que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria, sempre que esta non teña ánimo comercial ou profesional e estean destinados a actividades sen fins de lucro para os seus asociados ou á promoción cultural, social ou económica de Galicia.

Poderanse subvencionar ao abeiro desta liña os gastos derivados:

1. Do arrendamento a nome da entidade solicitante de inmobles que se utilicen, en todo caso, como sede habitual e permanente, sempre que non se dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de seren utilizados do xeito indicado.

2. Outros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina, prensa, revistas ou material informático non inventariable), comunicacións telefónicas, luz, auga, taxas e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano da convocatoria.

3. Gastos ordinarios de reparacións, mantemento e conservación de maquinaria, instalacións ou utensilios.

4. Gastos necesarios para o desenvolvemento das accións obxecto da subvención en que incorra a entidade.

5. Gastos de conexión da entidade á internet de alta velocidade e ao uso do correo electrónico.

6. Gastos administrativos e legais derivados de procesos de unión ou fusión.

Artigo 24. Documentación que se deberá presentar coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 7 desta resolución, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa dos gastos de funcionamento da entidade solicitante obxecto da solicitude.

b) Orzamento detallado que recolla os custos previstos para cada concepto de gasto durante o período que abrangue a convocatoria.

c) De ser o caso, copia cotexada do contrato oficial de alugamento do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante para o cal se solicita axuda. Se xa constase copia na Secretaría Xeral da Emigración, soamente se achegaría de non estar debidamente actualizado.

d) De ser o caso, copia do xustificante de pagamento da mensualidade do alugamento do local, referida ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

e) De ser o caso, copia dos xustificantes de pagamento e das facturas correspondentes aos gastos derivados dos procesos de unión ou fusión con outras entidades.

Artigo 25. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter a entidade no seu ámbito e na súa contorna, ata 40 puntos. Terase en conta o número de persoas asociadas, importancia e número das actividades realizadas pola entidade, traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade.

As puntuacións asignaranse proporcionalmente, de conformidade co establecido neste número e tendo en conta o gasto total.

1.2. Importancia e repercusión das accións culturais, formativas, asociativas, informativas, asistenciais e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 15 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegas e descendentes que sexan usuarias das accións realizadas pola entidade e o seu grao de aproveitamento.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

– Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

1.4. Nivel de financiamento das accións para subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento, ata 15 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.5. Ter a condición de comunidade galega coa galeguidade recoñecida, 5 puntos.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas, 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 15 puntos nesta liña de axudas non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Liña II. Axudas para proxectos culturais, promovidos pola mocidade,
para accións informativas ou para o cumprimento dos seus fins

Artigo 26. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese fomentar, mediante a concesión de subvencións, a realización das seguintes accións:

1. Programación cultural e formativa da entidades galegas no exterior e aquelas que promovan a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades de galegos residentes nos lugares de asentamento.

2. A edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión, así como outras accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento.

3. Proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración da mocidade nas estruturas orgánicas das entidades, propiciando deste xeito a renovación xeracional.

4. As actividades propias para a consecución do seu obxecto social, recollido nos estatutos da sociedade, sempre que estas non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

En cada unha destas accións poderanse subvencionar as seguintes finalidades:

A) Proxectos culturais e formativos.

1. Actividades culturais ou de carácter formativo sobre aspectos da vida social ou cultural de Galicia.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Celebración de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades de galegos no seu lugar de asentamento.

5. Organización de grupos corais, musicais, teatrais e de danza, e as actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais de autor, de monicreques ou de espectáculos de maxia, que difundan a cultura galega.

8. Subscricións a publicacións e revistas de carácter periódico.

9. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polas entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter exclusivamente gastronómico.

B) Accións informativas ou divulgativas sobre aspectos da vida social, cultural ou económica de Galicia.

1. A edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas, etc. ou boletíns de interese xeral, así como a realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

2. A organización ou participación en xornadas, exposicións ou feiras sectoriais.

C) Proxectos promovidos pola xuventude nas comunidades galegas.

1. Formación específica da mocidade na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro e mellora de habilidades directivas.

2. Intercambios xuvenís de grupos da mocidade pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica da mocidade para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas, en calquera especialidade, e fomento das escolas deportivas para a promoción do deporte de base.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao conxunto de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre a mocidade da emigración e a mocidade galega, así como entre intelectuais, científicos e expertos en diversos eidos de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

D) Outros programas e accións dirixidos a cumprir o obxecto social da entidade.

Outro tipo de accións non recollidas entre as anteriores, necesarias para a consecución do obxecto social recollido nos estatutos da sociedade, sempre que estas non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

Artigo 27. Documentación que se deberá presentar coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 7 desta resolución, as entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla detalladamente as accións que se pretenden realizar, a súa necesidade, datas e lugares previstos de realización. De incluír actividades xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de pola persoa representante legal da entidade, pola persoa responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos organizadores.

b) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización de cada acción e de todas en conxunto para as cales se solicita a subvención, asinado polas persoas representantes legais da entidade.

Artigo 28. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral dos programas e calidade técnica, atendendo ás finalidades para as que se solicita a subvención nesta resolución e ao seu carácter innovador; así mesmo, valorarase a importancia e repercusión das accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata un máximo de 30 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

1.1.1. Finalidades para as que se solicita a subvención, ata 20 puntos.

Se as finalidades se refiren exclusivamente ao programa anual de actividades culturais ou de formación, ata 15 puntos. Se se refiren exclusivamente a proxectos xuvenís, ata 6 puntos. Se se refiren exclusivamente a actuacións de tipo informativo, ata 6 puntos. Para aquelas entidades que realicen varias accións a puntuación máxima que se obterá será 20 puntos.

1.1.2. Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos, ata 5 puntos.

1.1.3. Importancia e repercusión que tivesen as accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 5 puntos.

1.2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos que poidan ter as actividades que se van realizar para as que se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de persoas usuarias, o impacto informativo e cultural do proxecto, ata 15 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegos e descendentes que sexan usuarios das accións realizadas pola entidade e o seu grao de aproveitamento.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

– Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

1.4. Ter a condición de comunidade galega con galeguidade recoñecida ou centro colaborador da galeguidade, 15 puntos.

1.5. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento, ata 15 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas, 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos nesta liña de axudas non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Capítulo III
Disposicións específicas para o programa 2. Accións de especial relevancia, promovidas pola entidade, que teñan como obxectivo a promoción cultural,
social ou económica de Galicia ou da propia entidade

Artigo 29. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese subvencionar accións non sometidas a periodicidade que teñan unha especial importancia para a entidade que as promove ou para a promoción cultural, social ou económica de Galicia no ámbito en que estea asentada.

Artigo 30. Documentación que se deberá presentar coa solicitude

Ademais da documentación relacionada no artigo 7 desta resolución, as entidades interesadas en concorreren ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla detalladamente a acción que se pretende realizar, comprendida entre o 1 de novembro de 2013 e o 30 de setembro de 2014, a súa necesidade, a importancia e repercusión para acadar os obxectivos previstos, participantes e poboación a que vai dirixida, datas e lugares previstos de realización.

b) Orzamento detallado que recolla o custo previsto da actividade, coas partidas especificas para as cales se solicita a subvención, asinado polos representantes legais da entidade.

Artigo 31. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral da acción que se vai desenvolver e calidade técnica, atendendo ás finalidades para as cales se solicita a subvención e ao seu carácter innovador; así mesmo, valorarase a súa importancia e repercusión, ata 40 puntos.

1.2. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento, ata 30 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.3. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas, 20 puntos.

1.4. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

– Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 50 puntos neste programa de axudas non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014

Por suplencia (Decreto 88/2013, do 30 de maio; DOG núm. 113, do 14 de xuño)
José Carlos García Bouzas
Subdirector xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file