Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Xoves, 27 de febreiro de 2014 Páx. 8395

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de febreiro de 2014 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas con domicilio no Campus Universitario, pavillón 3, en Ourense.

Feitos:

1. José Luís Fojo Rivas, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación a efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas, foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 17 de decembro de 2013, ante a notario María Isabel Louro García, co número de protocolo 1.635, por José Luís Fojo Rivas que actúa no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a custodia, estudo e difusión da obra de Xosé Lois Foxo e a Real Banda de Gaitas a través de todos os medios, escritos, audiovisuais ou calquera outro que poida aparecer nun futuro.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Luís Fojo Rivas como presidente; Manuel Garrido Rodríguez como vicepresidente; Concepción Aira Quintas como secretaria e María Ruth Fojo Aira e Aurelio Fojo Aira como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas, en base ás materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de febreiro de 2014.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza