Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 4 de marzo de 2014 Páx. 9247

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 23/2014, do 20 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a necesidade de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras, declaradas de emerxencia, para a estabilización do noiro da AC-550 ao seu paso polo concello de Muros (puntos quilométricos do 38+000 ao 39+500).

Antecedentes:

O pasado 18 de xaneiro de 2014 produciuse un desprendemento na estrada AC-550 debido ás intensas choivas, o que provocou o peche entre os puntos quilométricos 38+000 e 39+500, que une as localidades de Cee con Ribeira, no termo municipal de Muros, obrigando a habilitar un paso alternativo polo treito da estrada antiga, que está a facer de variante, e a regular o tráfico por medio de semáforos.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas deu conta ao Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do pasado 6 de febreiro, da obra para a estabilización do noiro da AC-550 ao seu paso polo concello de Muros, declarada de emerxencia pola Axencia Galega de Infraestruturas o pasado 23 de xaneiro.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos, para facer fronte aos problemas de seguridade viaria provocados na zona, sendo necesario proceder de xeito inmediato á execución da obra de emerxencia e, consecuentemente, á unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no expediente administrativo instruído para tal efecto.

O artigo 27 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia declara, xenericamente, o interese xeral das obras de estradas. En consecuencia, en aplicación do artigo 10 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, o recoñecemento concreto da utilidade pública corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por analoxía coa estrutura da Administración xeral do Estado.

A competencia para declarar a necesidade de ocupación e a súa urxencia, regulados, respectivamente, nos artigos 15 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vinte de febreiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído para a execución das obras, declaradas de emerxencia, para a estabilización do noiro da AC-550 ao seu paso polo concello de Muros (puntos quilométricos do 38+000 ao 39+500), así como para calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución das obras.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas