Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Martes, 4 de marzo de 2014 Páx. 9223

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula e se convoca o programa de Escolas Abertas presenciais destinadas ás comunidades galegas e cidadáns galegos residentes fóra de Galicia para o ano 2014.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego mediante o recoñecemento da súa galeguidade, cuxo alcance e contido será regulado por lei do Parlamento.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, establece que son comunidades galegas as entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por galegos/as, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer dos/das galegos/as residentes fóra de Galicia e dos/das seus/súas descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

A preservación das comunidades galegas asentadas fóra do territorio de Galicia en canto exalten a nosa lingua, tradicións, o noso folclore e a nosa historia, é unha tarefa fundamental da Secretaría Xeral da Emigración por canto, tales actos, mentres que permiten o mantemento dos lazos culturais e sociais da colectividade galega no exterior coa Galicia Territorial, son a expresión mesma da galeguidade, tal e como se entende na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, por medio desta resolución, esta secretaría xeral convoca e regula o programa de Escolas abertas presenciais 2014 destinadas ás comunidades galegas no exterior.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a realización de obradoiros culturais de especialización de carácter presencial dirixidos ás entidades galegas do exterior e aos cidadáns galegos residentes fóra de Galicia.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria de axudas para participar nos obradoiros para o ano 2014.

Artigo 2. Beneficiarios/as

1. Persoas xurídicas.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Igualmente, e de conformidade co establecido nas disposicións transitorias terceira e cuarta da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, tamén poderán ser beneficiarias as entidades recoñecidas pola normativa anterior á devandita lei.

As entidades solicitantes deberán ter constituídas escolas ou grupos consolidados da especialidade que soliciten con actividade continuada, cando menos, nos dous últimos anos.

Tamén poderán ser beneficiarias as entidades que, non cumprindo o establecido no parágrafo anterior, tivesen grupos constituídos nos últimos dez anos e estean no seu proceso de recuperación.

Para solicitar o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos.

As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e menores de 65 e responsables de impartir a docencia na modalidade solicitada, dentro da entidade solicitante. Malia o anterior, mediante resolución razoada, á vista de circunstancias excepcionais de excelencia ou dedicación nas materias a impartir no obradoiro correspondente, a Secretaría Xeral da Emigración poderá autorizar a participación dalgunha persoa maior ou menor destas idades.

As persoas propostas pola entidade non poderán ter participado no Programa Escolas Abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así fose quedarán excluídos.

Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

2. Persoas físicas.

Poderán ser beneficiarios deste programa os cidadáns galegos e os seus descendentes ata o segundo grao de consanguinidade, maiores de 18 anos e menores de 65, residentes fóra de Galicia, que acrediten ser responsables de impartir docencia na modalidade que soliciten e que cumpran os requisitos solicitados para o resto de participantes.

Non poderán ser beneficiarias as persoas nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin poderán ter participado no Programa Escolas Abertas máis de dúas veces nos últimos catro anos, en calquera modalidade. Se así fose quedarán excluídos.

Os requisitos teñen que cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non se considerarán beneficiarios do programa aqueles participantes nos obradoiros que xestionen directamente a súa estadía e desprazamento.

Artigo 3. Características do programa

Os distintas actividades a desenvolver no programa consistirán na organización e participación en obradoiros de especialización de:

– Gaita tradicional galega.

– Baile tradicional galego.

– Percusión tradicional galega.

– Canto popular e pandeireta.

– Confección de traxe tradicional galego.

Os obradoiros terán as seguintes características comúns:

1. Formación intensiva, de carácter participativo, cunha duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas.

2. A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades.

3. Cada alumno deberá vir provisto dos instrumentos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros.

4. O lugar de celebración, o número de prazas de cada obradoiro por país, o desenvolvemento de cada unha das modalidades e a non realización dos obradoiros que non acaden un número suficiente de solicitudes establecerase por resolución do secretario xeral da Emigración. Así mesmo, no caso de que o número de solicitudes presentadas para algún dos obradoiros sexa elevado, poderá determinarse a realización de máis dun obradoiro nalgunha das modalidades.

O contido específico de cada un dos obradoiros será o que se recolle no anexo I desta resolución.

Artigo 4. Prazas e datas de realización

1. O número de prazas ofertadas ascende a un total de 90 distribuídas do seguinte xeito:

– Área 1 (países europeos): 20 prazas.

– Área 2 (países do resto do mundo): 70 prazas.

As prazas vacantes nunha das áreas poderanse adxudicar a outra área, de ter nesta solicitudes admitidas e contar con crédito suficiente no programa.

Nos obradoiros de gaita, baile, canto popular e pandeireta e percusión reservaranse un total de 4 prazas para as solicitudes de persoas físicas.

2. Os obradoiros desenvolveranse en Galicia durante o mes de xullo do ano 2014.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade

1. Financiamento.

Trátase de axudas en especie e consecuentemente non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan aos participantes na presente convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Achegas económicas.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos gastos necesarios para a organización e desenvolvemento dos obradoiros programados dentro das Escolas Abertas 2014.

Igualmente, farase cargo do custo da estadía e da viaxe de ida e volta dos participantes desde os seus países ou comunidades de residencia a un aeroporto de Galicia e desde este ao lugar de impartición dos obradoiros.

3. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

1. Solicitudes.

As persoas xurídicas presentarán unha solicitude segundo o modelo normalizado do anexo II. No caso de persoas físicas, presentarán as solicitudes segundo o modelo normalizado do anexo IV.

As persoas xurídicas so poderán solicitar un máximo de dous obradoiros e propoñer un candidato por modalidade, segundo o modelo normalizado do anexo III. No caso de persoas físicas só se admitirá unha solicitude para un obradoiro.

2. Documentación.

a) Documentación xeral.

a.1. Documentación acreditativa da identidade:

1. Persoas xurídicas.

– Fotocopia do NIF ou equivalente da entidade, salvo que xa estivese en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos cales foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao cal correspondan.

– Fotocopia do DNI ou equivalente dos candidatos propostos.

– Unha fotografía recente tamaño carné de cada un dos candidatos propostos.

2. Persoas físicas.

– Fotocopia do DNI, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

As persoas que non dispoñan de DNI presentarán fotocopia do pasaporte en vigor ou doutro documento acreditativo da identidade.

– Documentación xustificativa que acredite a súa condición de galego/a ou descendente de galego/a ata o segundo grao de consanguinidade.

– Documentación que acredite a súa residencia fóra de Galicia. Para os solicitantes con residencia en España, só será necesaria a súa presentación no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia.

– Unha fotografía recente tamaño carné.

a.2. Acreditación da docencia:

1. Persoas xurídicas.

– Certificación da entidade na que imparta ensino o candidato proposto, que acredite que este é responsable de impartir docencia na modalidade solicitada, incluída no anexo III, así como certificación do nome da escola ou grupo, e do número de alumnos que os compoñen segundo o anexo VI.

2. Persoas físicas.

– Certificación acreditativa de que a persoa solicitante imparte docencia na modalidade de obradoiro solicitado.

No caso do obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá presentar certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido como mínimo durante catro anos, segundo modelo que figura como anexo V.

a.3. Unha declaración do aspirante comprometéndose a ensinar os coñecementos adquiridos no seo da entidade solicitante, ou na que imparte ensino.

b) Documentación específica.

b.1. Breve currículo do aspirante con especial referencia aos coñecementos e nivel de estudos musicais realizados, títulos, experiencia, actuacións, gravacións, grupos ou escolas nas que impartiu docencia, etc..., na materia obxecto do obradoiro.

b.2. Unha gravación en vídeo dixital (cd, vcd, dvd, ...) da modalidade solicitada que non exceda os 4 minutos.

– Obradoiro de gaita tradicional galega. O tema estará gravado só con gaita, sen ningún outro instrumento acompañando á gaita solista.

– Obradoiro de percusión tradicional galega. O tema estará gravado cun instrumento de percusión galega, sen ningún outro instrumento que acompañe o instrumento de percusión solista.

– Obradoiro de canto popular e pandeireta. A gravación remitida deberá ser solista.

– Obradoiro de baile tradicional galego. O aspirante interpretará varios bailes de ritmos ou estilos diferentes (muiñeira, xota, maneo, danza, etc.).

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fóra inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Igualmente se poderán presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da entidade solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

O material audiovisual poderá presentarse nos seguintes formatos de uso común: mp4, avi, mov ou wmv, non podendo superar os 12 MB.

No caso de que algún dos documentos que van ser presentados por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes .Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de interesados que deberán emendar a súa solicitude, para que, no prazo de 10 días, corrixan a falta na cal incorran, ou acheguen os documentos preceptivos, indicándose que, se non o fixesen, se lles terá por desistido das súas peticións, de conformidade co disposto no artigo 71, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

4. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado, que avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe no cal se concretará o resultado da avaliación e estará formado por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

O órgano colexiado avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un ou varios especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución.

5. A resolución deste procedemento será ditada polo secretario xeral da Emigración e publicada na páxina web http://emigracion.xunta.es

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Artigo 10. Criterios de selección

Os criterios de valoración serán os seguintes:

1. Calidade técnica:

a) Obradoiros de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, canto popular e pandeireta e percusión tradicional galega:

A calidade técnica da gravación valorarase ata un máximo de 60 puntos distribuídos do seguinte xeito:

a.1. No caso dos obradoiros de gaita tradicional galega, canto popular e pandeireta e percusión tradicional galega:

– Afinación: ata un máximo de 15 puntos.

– Expresión: ata un máximo de 15 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 15 puntos.

– Estética musical: ata un máximo de 15 puntos.

a.2. No caso do obradoiro de baile tradicional galego:

– Expresión: ata un máximo de 20 puntos.

– Rítmica: ata un máximo de 20 puntos

– Técnica: ata un máximo de 20 puntos.

Non se admitirán solicitudes ou propostas de participantes que, a criterio dos técnicos encargados de valorar as gravacións presentadas, non acaden un nivel técnico suficiente para participar no correspondente obradoiro, podendo establecerse unha puntuación mínima para poder participar nos obradoiros.

b) Obradoiro de confección de traxe tradicional galego. Valorarase cun máximo de 40 puntos de conformidade cos seguintes apartados:

b.1. Estar en posesión do título oficial de corte e confección: 20 puntos.

b.2. Ter experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego debidamente certificado pola entidade galega: 20 puntos.

2. Número de alumnos da escola ou grupo de baile, gaita ou canto e percusión da entidade ou persoa física solicitante no que o aspirante imparta ensino: ata un máximo de 10 puntos:

– Ata 10 alumnos: 4 puntos.

– De 11 a 25 alumnos: 6 puntos.

– De 26 a 50 alumnos: 8 puntos.

– Máis de 50 alumnos: 10 puntos.

3. Alumnos de solicitantes que non teñan participado nas catro últimas edicións de calquera destes programas: 20 puntos.

No caso de empate, resolverase, en primeiro lugar, en favor de quen non tivese participado no programa. De persistir o empate, resolverase en favor de quen leve máis anos sen participar. Por último, de persistir o empate, resolverase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, empezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra B, segundo o sorteo que tivo lugar en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo resultado fíxose público por Resolución do 29 de xaneiro de 2014 (DOG nº 27, do 10 de febreiro).

En caso de renuncia, por causas debidamente xustificadas, da persoa proposta pola entidade solicitante, procederase a adxudicar a praza vacante ao seguinte candidato segundo a puntuación obtida por aplicación dos criterios de valoración e que pertenza a unha entidade do mesmo continente.

No caso de renuncia de solicitantes que sexan persoas físicas, procederase a adxudicar a praza vacante ao seguinte candidato, segundo a puntuación obtida con base nos criterios de valoración indicados anteriormente e, no caso de non existir candidato que reúna os coñecementos axeitados para participar, acumularase a praza vacante ás prazas ofertadas para as entidades galegas.

Artigo 11. Obrigas, consentimentos e autorizacións

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo esta secretaría modificar a resolución de concesión.

3. Os beneficiarios destes programas estarán obrigados a participar e asistir ás actividades para as que foron seleccionados.

4. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade ou residencia da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

5. As solicitudes das persoas interesadas acompañarán os documentos e as informacións determinados no artigo 6, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

7. De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. Os solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

8. O interesado manifesta que ostenta a autorización das persoas propostas para participar no programa, para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria.

9. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os programas regulados nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

10. O falseamento de datos ou da documentación presentada polas persoas ou entidades beneficiarias dalgúns destes programas así como o incumprimento das súas obrigas comportará a súa exclusión en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro por algunha das causas establecidas no artigo 33 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Programas dos obradoiros das Escolas Abertas 2014

1. Gaita tradicional galega.

1.1. Modulo 1: Breve introdución teórica.

a) Breve historia da música galega.

b) As fontes musicais.

c) Organoloxía.

d) Sistema de notación na gaita.

1.2. Módulo 2: Praxe instrumental.

a) Afinación e son.

b) Articulación.

c) Ornamentación.

d) Interválica.

e) Repertorio.

f) Pedagoxía do instrumento.

1.3. Módulo 3: Recursos para o alumnado.

a) Bibliografía, gravacións, internet, sofware musical.

2. Baile tradicional galego.

a) Especialización nas técnicas base do baile tradicional galego.

b) Aprendizaxe de novas técnicas e diferentes bailes.

c) Didáctica do baile tradicional galego (técnicas de ensino).

d) Formación complementaria en forma de charlas e análise de material audiovisual.

3. Percusión tradicional galega.

3.1. Modulo 1: Breve introdución teórica.

a) Breve historia da música galega.

b) As fontes musicais.

c) Organoloxía dos instrumentos de percusión (bombo, tamboril).

d) Sistema de notación para a percusión tradicional galega.

3.2. Módulo 2: Praxe instrumental.

a) Afinación (bombo e tamboril).

b) Mantemento do instrumento.

c) Técnica.

d) Outros instrumentos de percusión (pandeiro, pandeira e tarrañolas).

e) Improvisación e acompañamento sobre melodías de gaita.

f) Pedagoxía do instrumento.

3.3. Módulo 3: Recursos para o alumnado.

a) Bibliografía, gravacións, internet, sofware musical.

4. Canto popular e pandeireta.

a) Visión do canto e da percusión en Galicia a través da historia.

b) Clasificación funcional dos distintos cantares e a súa relación co ciclo anual (cantos de Entroido, os Maios, o Nadal…).

c) Os distintos xeitos de tocar e cantar os ritmos da nosa música tradicional (xotas, muiñeiras, agarrados, etc.).

d) Presentación doutros tipos de percusión que tamén acompañan os cantares (culleres, pandeiro, pandeira, botella de anís, cunchas, lata, sachos, tixolas, etc.).

e) Formación vogal e auditiva, respiración e vocalización.

f) Montaxe de repertorio.

5. Confección de traxe tradicional galego

a) Materiais empregados.

b) Historia do traxe tradicional galego.

c) Mostra de pezas reproducidas a partir de recolleitas.

d) Patronaxe de pezas antigas.

e) Directrices básicas na confección de pezas.

f) Confección de pezas. Lensa-mantela, dengue, saia, raxeta, zagalexo…

g) Técnicas de costura empregadas tradicionalmente.

h) Elaboración de fita gastadeira e botón de fío de xeito tradicional.

i) Aproximación aos bordados nos zagalexos/baixeiras.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file