Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2014 Páx. 9566

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de febreiro de 2014 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, inclúe, no seu artigo 3.e, como un dos obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, e no artigo 3.i, garantir o apoio ás familias como marco de referencia no cal se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

De conformidade co Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúeselle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión, entre outras competencias, as de exercer as políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e infancia, así como promover e adoptar as medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar.

A Xunta de Galicia ten entre os seus obxectivos a ampliación e mellora na calidade das escolas infantís 0-3 anos como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas, que contribúa tanto á corresponsabilidade como á conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido, a constitución dunha rede pública galega de centros de educación infantil 0-3 como proxecto artellado e de calidade en que participen as entidades privadas de iniciativa social é peza fundamental para o logro deste obxectivo. Esta orde de axudas ten como finalidade materializar neste momento de redefinición do modelo da educación infantil 0-3 anos a contribución da Administración galega ao sostemento dos centros existentes e fomentar a mellora da súa calidade.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.312B.481.3, recollida na dita Lei de orzamentos xerais para o ano 2014, e o importe destinado a elas ascende a 3.007.822,00 euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

2. Para efectos desta orde, enténdese por nenas/os de 0 a 3 anos as/os nacidas/os con posterioridade ao 31 de decembro de 2011.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que estean debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, no relativo aos rexistros de entidades prestadoras de servizos sociais (DOG do 20 de xaneiro de 2012), e teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia e que cumpra/n os requisitos xerais desta orde.

Artigo 3. Requisitos xerais

1. Serán requisitos imprescindibles para resultar entidade beneficiaria das axudas:

a) Que a escola infantil 0-3 cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2012), e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG do 16 de agosto), así como a normativa de desenvolvemento, se é o caso.

b) A adaptación da tarifa de prezos da escola infantil 0-3 ao establecido no artigo 9 desta orde.

c) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 de acordo co baremo e puntuación establecidos no anexo VI.

d) Ter xustificados nos prazos previstos e, en todo caso, no momento de presentar a solicitude de axuda os gastos correspondentes ás axudas recibidas en anos anteriores con esta mesma finalidade.

2. Co fin de adaptar o seu calendario de apertura ás necesidades de conciliación da vida laboral e familiar dos pais ou representantes legais dos usuarios, as escolas infantís 0-3 prestarán servizo cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral e, salvo causa xustificada, logo da autorización da Consellería de Traballo e Benestar.

3. O cumprimento dos contidos exixidos para o proxecto lingüístico, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Artigo 4. Tipo de axuda

As axudas convocadas teñen como finalidade o mantemento dos centros co obxecto de compensar os gastos producidos nos seguintes conceptos:

– Gastos de persoal (non se subvencionarán aqueles importes que excedan os salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil).

– Gastos de alimentación.

– Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 5. Criterios de valoración e concesión

No caso de non poder atender o total de solicitudes, a adxudicación efectuarase segundo a maior puntuación acadada de acordo coa seguinte valoración:

a) As escolas infantís 0-3 que nalgún dos dous anos anteriores recibiron subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto e que obtiveron unha valoración satisfactoria: 3 puntos.

b) Segundo o tempo de funcionamento do centro desde a data do permiso de inicio de actividades:

– Inferior a 3 anos: 1 punto.

– Entre 3 e 5 anos: 2 puntos.

– Superior a 5 anos: 3 puntos.

Para estes efectos, entenderase que se trata do mesmo centro e, polo tanto, dun traslado da actividade cando, co obxecto de mellorar as súas condicións materiais, se producise un cambio de lugar dentro do mesmo concello, mantendo a mesma titularidade, cadro de persoal e alumnado, sen prexuízo das ampliacións que procedesen con base nas novas condicións do centro.

Artigo 6. Módulos de referencia para o cálculo da axuda

Os módulos de referencia para o cálculo da axuda anual para gastos de mantemento están en función do número de unidades en funcionamento autorizadas da escola infantil 0-3 e da prestación do servizo de comedor. As contías anuais serán as seguintes:

Centros con servizo de comedor

Centros sen servizo
de comedor

De 1 a 3 unidades

De 4 a 6 unidades

Con 7 ou máis unidades

Contía anual por unidade en funcionamento

18.533 €

17.671 €

16.809 €

15.000 €

De non estaren en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional segundo o tempo de funcionamento.

Para os efectos desta orde, enténdese por servizo de comedor cando sexa prestado por persoal do propio centro ou ben alleo a el contratado con tal fin (servizo de restauración), incluídos os alimentos. En todo caso, este servizo incluirá o xantar e, opcionalmente, o almorzo e merenda e/ou cea. Así mesmo, deberá existir á disposición dos pais unha relación semanal dos menús previstos, os cales deberán proporcionar unha dieta equilibrada e adecuada á idade dos/das nenos/as.

Artigo 7. Límite das axudas

1. O importe das axudas reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolva a entidade beneficiaria.

2. No caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.

3. A contía que se subvencionará non poderá ser por importe superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos previstos para o exercicio 2014, segundo os datos económicos consignados na solicitude (anexo II).

Artigo 8. Renda per cápita mensual

Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2012.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos (2012) de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase entre o número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior entre doce.

Non obstante, cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente.

Artigo 9. Prezos

1. As entidades que sexan beneficiarias destas axudas deberán establecer os prezos pola atención educativa de acordo coas contías máximas reguladas no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, actualizados cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xuño anterior, mediante resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. Entenderase que cumpren con este réxime de prezos cando as cantidades cobradas ás/aos usuarias/os non superen, en cómputo anual, a contía que lle corresponda aboar en función da renda da unidade familiar. Os prezos que polo servizo de comedor poderán establecer terán como límite o prezo máximo que por este servizo se recolle no mencionado decreto.

2. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto dos regulados no decreto indicado no punto anterior, só poderá percibir prezo polos relacionados a continuación e coas condicións e contías máximas indicadas para cada un deles, agás aqueles que dispoñan de transporte, que poderán seguir percibindo o importe correspondente.

a) Matrícula (prezo máximo por curso: 100,00 €).

b) Material (prezo máximo por curso: 58,00 €).

c) Cociña, entendida como o servizo de quentar os alimentos que levan as/os nais/pais ou representantes legais e que non poderá cobrarse simultaneamente ao servizo de comedor (prezo máximo por mes: 25,00 €).

d) Actividades complementarias, que deberán ter carácter voluntario para as/os usuarias/os e garantir que as nenas e os nenos que non as realicen permanecerán na súa aula de referencia co seu educador ou educadora desenvolvendo outra actividade incluída na programación didáctica. Só se considerarán actividades complementarias as seguintes:

– Natación.

– Lingua estranxeira, entendida como a impartida por persoal con formación específica e titulación oficial e nunha aula diferente.

Calquera outra actividade distinta das anteriores non se considera actividade complementaria, senón que forma parte do currículo.

Artigo 10. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

a) Datos do centro (anexo II).

b) Resumo da memoria do centro do curso escolar 2012/2013 (máximo 20 páxinas).

c) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

d) Copia cotexada ou dixitalizada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Proxecto lingüístico do centro.

2. As entidades que no ano 2013 percibisen axudas para o mantemento da escola infantil 0-3 deberán presentar copia da tarifa de prezos vixente na escola infantil 0-3 adaptada ao disposto no artigo 9. As entidades que soliciten por primeira vez estas axudas, deberán enviar a tarifa de prezos adaptada ao disposto nesta orde, no prazo de dous meses desde a notificación da resolución favorable. Así mesmo, no caso de que a tarifa de prezos sufra modificacións durante o ano 2014, deberán enviar información destas modificacións no prazo dun mes desde que estas teñan lugar.

3. Non será necesario presentar documentos xa achegados en convocatorias anteriores, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Todos os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal, copia cotexada ou dixitalizada.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, se é o caso, a entidade beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos, nos rexistros de axudas, subvencións e de convenios e sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida, así como ás sancións impostas.

Artigo 11. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Familia e Inclusión, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 12. Tramitación dos expedientes

1. A Subdirección Xeral de Familia e Menores, como órgano responsable da tramitación dos expedientes, realizará os seguintes trámites:

a) Comprobar que estes reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previsto no artigo 42 da mesma lei.

b) Solicitar informe á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Secretaría Xeral Técnica sobre as condicións actuais dos centros solicitantes, para os efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais, así como a data do permiso de inicio de actividades.

c) Remitir os expedientes unha vez revisados e completados, se é o caso, á comisión de valoración.

2. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración para estes efectos.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidenta/e: a persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores.

Vogais: tres traballadoras/es designadas/os pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión por proposta do/a subdirector/a xeral de Familia e Menores; un/unha deles/as actuará como secretario/a.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de valoración emitirá informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

4. A persoa titular da Subdirección Xeral de Familia e Menores elevará o informe xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para a súa resolución, e proporá a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Resolución

1. Facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelle á directora xeral de Familia e Inclusión, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar.

2. A solicitude das axudas deberase resolver no prazo máximo de cinco meses contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interporse recurso potestativo de reposición ante a directora xeral de Familia e Inclusión, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Alternativa ou sucesivamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 14. Pagamento e xustificación das subvencións

1. No momento da xustificación da axuda, que será necesariamente antes do 5 de decembro de 2014, e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, segundo o modelo que figura como anexo IV, e certificación de estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Unha vez ditada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ao pagamento e xustificación da seguinte forma:

A) Para aquelas que non superen o importe de 18.000 euros poderá anticiparse ata un 80 % da contía outorgada, e librarase o 20 % restante unha vez presentada pola entidade a documentación xustificativa do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto xustificado debe ser igual ou superior á axuda concedida.

B) Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro pagamento do 25 % da totalidade da subvención, en concepto de anticipo, no momento da súa concesión.

b) As contías restantes aboaranse a medida que se presente a xustificación mediante pagamentos parciais que non superarán, sumado o anticipo, o 80 % da cantidade subvencionada. O 20 % restante, unha vez presentada pola entidade a documentación final xustificativa do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto xustificado debe ser igual ou superior á axuda concedida.

3. Para xustificar o gasto realizado, as entidades presentarán a seguinte documentación:

a) Orixinal ou ben copia compulsada ou cotexada de facturas, boletíns de cotización á Seguridade Social, nóminas e demais documentación xustificativa, xunto cos xustificantes dos pagamentos efectivamente realizados. En todo caso, as facturas deberán cumprir o disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación (BOE do 1 de decembro).

Tendo en conta o tipo de gastos, correntes e compras a distintos provedores, aceptarase como xustificación do pagamento o recibín do provedor naqueles supostos en que o gasto sexa inferior a 500 € e que non se correspondan con gastos de persoal.

b) Unha relación valorada e ordenada cronoloxicamente, por tipo de gasto, onde se reflicten as facturas, boletíns de cotización á Seguridade Social, nóminas e demais documentación xustificativa.

Artigo 15. Subcontratacións

1. Poderase autorizar a subcontratación total ou parcial (polo importe do 100 %) da actividade subvencionada. A dita subcontratación axustarase, en todo caso, ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación deberá realizarse por escrito e a súa subscrición deberá ser previamente autorizada pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión nos termos do número 3 deste artigo. En todo caso, a solicitude de autorización, que deberá estar debidamente xustificada, deberá formularse antes da resolución da subvención.

Xunto coa citada solicitude deberase presentar documentación acreditativa da especialización da entidade con que se contrata a realización da actividade, así como a acreditación de que esta entidade se encontra ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

3. A resolución de autorización de subcontratación será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión e notificarase no prazo dun mes contado desde a data de presentación da solicitude de subcontratación. Esta resolución porá fin á vía administrativa, contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Outras obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:

A) En relación coas solicitudes de novo ingreso para o curso 2014/15:

a) Facilitar unha copia do modelo de solicitude de axudas que figura como anexo V a esta orde aos solicitantes de praza, co obxecto de que poidan exercer a opción por unha axuda do programa Cheque infantil en caso de figurar en lista de espera no centro.

b) Remitir á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da súa provincia, antes do 5 de xuño de 2014, a relación de solicitantes de prazas do centro que se encontren en lista de espera para o curso 2014/15 e que, pola súa vez, optan polo programa Cheque infantil. A esta relación xuntaranse as solicitudes de axuda do programa Cheque infantil efectuadas polos solicitantes, segundo o modelo que figura no anexo V.

B) O cumprimento pola escola infantil 0-3 do proxecto educativo.

C) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar.

D) Facilitar a inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar respecto dos centros subvencionados.

E) Enviar á Dirección Xeral de Familia e Inclusión antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte a documentación:

a) Un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o modelo establecido no anexo III.

b) Unha relación do alumnado do centro relativo ao curso 2014/15, onde se indique a seguinte información:

• Nome do pai, nai ou representante legal.

• Nome da/do nena/o.

• Cotas mensuais que aboaron.

• Meses de asistencia ao centro.

O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

F) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

G) As entidades que soliciten por primeira vez estas axudas, no caso de resultaren beneficiarias, deberán adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 9, no prazo de 2 meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda.

H) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

I) Dar adecuada publicidade ao número de solicitudes de praza recibidas e o baremo aplicado para a súa selección a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

Artigo 17. Causas de reintegro e criterios de gradación

1. O incumprimento pola entidade beneficiaria de calquera requisito, obriga, condicións e demais circunstancias tidas en conta para o outorgamento da subvención dará lugar ao inicio do correspondente expediente de reintegro, que poderá finalizar, de ser o caso, coa resolución de reintegro da subvención concedida, con indicación das cantidades que se deberán reintegrar e mais os xuros de mora desde o momento do pagameto da axuda.

Ademais das causas de invalidez da resolución de concesión, recollidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Procederá o reintegro total das cantidades percibidas nos seguintes supostos:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención.

3. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 16, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento das obrigas recollidas no artigo 16, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta o número de alumnos afectados e o período do ano durante o que se producise.

4. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberanse realizar dentro do exercicio económico 2014.

Disposición adicional segunda

Sen prexuízo do disposto no título noveno da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acordar a Consellería de Traballo e Benestar, así como ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Disposición adicional terceira

As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

Apróbase a delegación de competencias na directora xeral de Familia e Inclusión, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a directora xeral de Familia e Inclusión para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO VI
Baremo

As prazas adxudicaranse segundo os seguintes criterios preferentes:

A) Solicitudes de renovación de praza das/os nenas/os matriculadas/os no curso 2013/14.

B) Solicitantes cunha/cun irmá/n con praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso para o curso 2014/15).

C) O resto de solicitudes adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do seguinte baremo:

1º. Situación sociofamiliar.

1.1. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

1.2. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea ao seu cargo: 1 punto.

1.3. No caso de que o/a neno/a para quen se solicita a praza nacese nun parto múltiple: 1 punto.

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade, enfermidade que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia: 2 puntos.

1.5. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

1.6. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

1.7. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

1.8. Calquera grave circunstancia familiar debidamente acreditada: ata 3 puntos.

2º. Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación:

– Nai: 6 puntos.

– Pai: 6 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

– Nai: 2 puntos.

– Pai: 2 puntos.

2.3. Persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción (Risga):

– Nai: 3 puntos.

– Pai: 3 puntos.

(1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

No caso de familias monoparentais adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

Só se poderá obter puntuación por unha das epígrafes anteriores.

3º. Situación económica.

R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

– Inferior ao 30 % do IPREM: +4 puntos.

– Entre o 30 % e inferior ao 50 % do IPREM: +3 puntos.

– Entre o 50 % e inferior ao 75 % do IPREM: +2 puntos.

– Entre o 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: +1 punto.

– Entre o 100 % e inferior ao 125 % do IPREM: -1 punto.

– Entre o 125 % e inferior ao 150 % do IPREM: -2 puntos.

– Entre o 150 % e o 200 % do IPREM: -3 puntos.

– Superior ao 200 % do IPREM: -4 puntos.

• En caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar as solicitudes de xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes de media xornada, e despois deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

• Para os efectos desta orde, están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

• No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais, adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes 2ª e 3ª do baremo.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file