Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 6 de marzo de 2014 Páx. 9591

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 28 de febreiro de 2014 pola que se regula o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería para o ano 2014.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser persoas usuarias das residencias traspasadas todas as persoas traballadoras de nacionalidade española e os e as familiares destas, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 2, define os servizos sociais como o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, competencias atribuídas neste sector á Consellería de Traballo e Benestar a través do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

A Consellería de Traballo e Benestar dispón de dous centros destinados ao desfrute do lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás que se lles quere dar un fondo contido social, posibilitando o acceso de familias a un período de vacacións nas residencias de tempo libre de Galicia.

Mediante a presente orde ofértanse quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e sociofamiliar, cumprindo unha importante función social.

Neste sentido, esta orde recolle aspectos, tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, o que contribúe a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2014 das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Traballo e Benestar.

O procedemento regulado pola presente orde comprende exclusivamente as estadías reflectidas no anexo II cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade ou menores, sempre que vaian en compañía dos seus proxenitores ou das súas proxenitoras ou titores ou titoras legais, e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e as galegas residentes no exterior.

Artigo 3. Distribución das prazas

A distribución das prazas será compartida nun 50 % entre a Consellería de Traballo e Benestar e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.

Artigo 4. Tipos de servizo

1. Servizo de residencia.

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

2. Servizos para non residentes.

Poderán gozar do servizo de comedor os e as familiares e persoas con relación de amizade cos ou coas residentes, que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o persoa que exerza a dirección de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5. Os prezos

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as persoas non residentes, serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

Cada unidade familiar poderá solicitar estadías para unha única residencia de tempo libre e para unha ou varias quendas.

Non se admitirán a sorteo as solicitudes que inclúan persoas que gozaron dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

1. As persoas solicitantes da quenda de familias numerosas deberán presentar:

– Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

– Copia do título de familia numerosa, no caso de non ser expedido ou renovado pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas solicitantes da quenda de familias acolledoras deberán presentar:

– Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

– Copia da resolución administrativa de acollemento, no caso de tratarse dun acollemento formalizado por outra comunidade autónoma.

3. Resto de familias:

– Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).

– Se é o caso, acreditación da discapacidade, só cando non sexa expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A persoa solicitante dará o seu consentimento expreso á Consellería de Traballo e Benestar para a comprobación telemática do seu DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (anexo I). No caso de que non queira autorizar a dita obtención dos datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

Artigo 7. Presentación de solicitudes: lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Requirimento de emenda

A persoa que exerza a dirección da respectiva residencia comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos na presente orde. En caso contrario procederá a reclamarlles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terán por desistidas da súa petición de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do xefe ou da xefa territorial competente que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 9. Adxudicación de estadías

A adxudicación das prazas efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o xefe ou a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á localidade en que están situadas as residencias.

A data e o lugar en que se realice o sorteo publicarase mediante anuncio nas páxinas web: http://traballoebenestar.xunta.es/ e www.familiasgalegas.org.

No antedito sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido. Todas as datas do prazo establecido no artigo 7.3 entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles.

As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtivesen praza, seguindo para estes efectos a orde de adxudicación establecida no sorteo.

Resérvase a última quenda do mes de xullo en ambas as dúas residencias para as familias acolledoras. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

Resérvase a primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias para as familias numerosas. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

A adxudicación das quendas para familias acolledoras e numerosas farase igualmente por sorteo de datas, e as sobrantes serán incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación. As familias acolledoras e as numerosas que se presenten ao resto das quendas entrarán no sorteo xeral e non terán ningunha preferencia.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

A partir da data obtida co resultado do sorteo farase unha relación coas estadías e quendas adxudicadas, que constituirá a resolución das solicitudes. A dita relación publicarase nas páxinas web http://traballoebenestar.xunta.es/ e www.familiasgalegas.org.

Artigo 10. Resolución

1. Correspóndelle ao xefe ou á xefa territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías. Do dito sorteo levantarase acta e remitirase o resultado aos respectivos directores ou directoras das residencias. As ditas resolucións deberán facer constar expresamente que se adoptan por delegación e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

A persoa que exerza a dirección de cada residencia notificará ás persoas interesadas a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso, no prazo máximo de catro meses contados desde o día de inicio da presentación de solicitudes.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de 6 meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución expresa. Se a resolución é presunta o prazo será de 3 meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 11. Pagamento do prezo da estadía

As persoas beneficiarias realizarán un depósito de 30 euros por cuarto en concepto de reserva, no prazo de dez días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, e outro depósito pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía 30 días antes do inicio da quenda adxudicada.

Artigo 12. Anulación de estadías e reintegro de pagamentos

Se a persoa adxudicataria anula a estadía perderá a cantidade depositada en concepto de reserva, agás causa de forza maior debidamente acreditada. A dita anulación efectuarase por calquera medio polo que quede constancia da data de entrada da anulación e remitirase ao enderezo da residencia de tempo libre que corresponda.

Terá dereito a que se lle devolvan as restantes cantidades depositadas, para o que terá que facer a reclamación correspondente. A continuación, instruirase e resolverase un expediente, e farase o reintegro de acordo coas porcentaxes que se detallan a seguir:

– Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 100 %.

– Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 75 %.

– Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 50 %.

– Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías: 25 %.

Para calcular a porcentaxe da devolución tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de competencias para resolver a adxudicación das estadías da conselleira de Traballo e Benestar na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre do Carballiño) e en Vigo (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre de Panxón).

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión a ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file

ANEXO II
Estadías das persoas residentes

Residencia

Mes

Quenda

Tempada

Panxón

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta

O Carballiño

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta