Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Martes, 11 de marzo de 2014 Páx. 10409

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2014, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2014 (ED114A).

De acordo co previsto no artigo 7 da Orde do 16 de xullo de 2007, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no DOG número 146, do 30 de xullo, logo da proposta formulada pola Comisión Central de Avaliación, convócanse as probas para a obtención dos certificados de coñecemento de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4.

1. Obxecto.

Convocar as probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4 no ano 2014.

2. Destinatarios.

As persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do ano 2014, nacionais ou estranxeiras.

3. Datas de realización das probas.

Celga 4: 14 de xuño de 2014.

Celga 2: 15 de xuño de 2014.

Celga 3: 21 de xuño de 2014.

Celga 1: 22 de xuño de 2014.

Se o número de aspirantes non permite rematar as probas orais no día sinalado nesta resolución, a comisión de avaliación continuará con elas no día seguinte.

4. Lugares onde se van realizar as probas e niveis.

Probas Celga

Nivel

Galicia

Santiago de Compostela

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

A Coruña

-------

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Lugo

-------

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Ourense

-------

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Vigo

-------

Celga 2

Celga 3

Celga 4

España

Barcelona

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Madrid

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Ponferrada

Celga 1

Celga 2

Celga 3

Celga 4

Os lugares concretos e o horario indicaranse cando se fagan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas para cada convocatoria.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

5.1. As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta resolución e aboar a taxa que se indica na convocatoria.

Deberán indicar as probas ás cales solicitan presentarse e a localidade. No caso de que a persoa aspirante padeza algunha discapacidade, expresará na solicitude o tipo desta e o apoio que precisará para realizar as probas.

Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED114A, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, e na páxina web
http://www.xunta.es/linguagalega, que permite cubrir e editar a solicitude.

5.2. Xunto coa solicitude deberá presentarse o xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5.3. As solicitudes presentadas dirixiranse aos seguintes lugares:

– Á Secretaría Xeral de Política Lingüística se os/as interesados/as desexan presentarse ás probas en Santiago de Compostela (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) ou fóra de Galicia (niveis Celga 1, 2, 3 e 4 en Barcelona, Madrid ou Ponferrada).

– Á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia en que os/as interesados/as pretendan realizar as probas (niveis Celga 2, 3 e 4 na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo).

5.4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

5.5. O prazo para presentar as solicitudes e aboar a taxa que se indica na convocatoria será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 11 de abril de 2014 (inclusive). Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

6. Contía das taxas de exame.

Segundo o previsto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe da taxa para inscribirse nas probas Celga será de 15,61 euros.

6.1. Sistema de liquidación das taxas de exame.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na vixente Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase aboar previamente, en concepto de dereitos de exame, o importe vixente no momento da publicación desta convocatoria e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, para o cal se utilizará o impreso de autoliquidación.

Este impreso facilitaráselles ás persoas interesadas en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia. Os datos para cubrir o impreso son os seguintes:

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Código: 07.

Delegación de Servizos Centrais. Código: 13.

Servizo de Secretaría Xeral de Política Lingüística. Código: 05.

Denominación: inscrición nas probas Celga, homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais certificación do nivel correspondente, de ser o caso, cando se superan as probas. Código: 30 44 01.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á Oficina Tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), premer a opción Tributos e logo a ligazón Taxas e prezos. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento telemático, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa, que será o que se presente xunto coa solicitude.

6.2. O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo da solicitude correspondente, ás persoas aspirantes que figuren na listaxe definitiva de excluídas. Para solicitar a devolución das taxas, os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de dous meses, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega).

7. Procedemento para a admisión de aspirantes.

7.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de instancias, o secretario xeral de Política Lingüística aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidos/as e excluídos/as para cada un dos niveis e localidades a través dunha resolución que se publicará na páxina web www.xunta.es/linguagalega 30 días naturais antes da data de realización das probas, como máis tardar.

Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución na páxina web www.xunta.es/linguagalega, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Este prazo permítelles ás persoas interesadas emendaren os erros no caso de estaren incompletas as solicitudes ou de non achegaren a documentación acreditativa do pagamento das taxas dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Non se admitirá o aboamento das taxas fóra do prazo de presentación de solicitudes exixido na convocatoria, isto é, o 11 de abril de 2014.

7.2. Unha vez transcorrido o prazo sinalado, o secretario xeral de Política Lingüística ditará unha nova resolución pola que se aprobará a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para cada un dos niveis e localidades, que se publicará na páxina web
www.xunta.es/linguagalega 15 días naturais antes da realización de cada unha das probas, como máis tardar.

8. Publicación dos resultados das probas.

Os resultados provisionais das probas publicaranse na páxina web www.xunta.es/linguagalega, no prazo máximo de dous meses desde a realización dos exames.

Os resultados definitivos das probas publicaranse na web www.xunta.es/linguagalega, no prazo máximo de catro meses desde a realización das probas.

9. Procedementos de reclamación ou de revisión das probas.

9.1. No momento da realización das probas, os aspirantes poderán solicitar a aclaración das dúbidas que lles poidan xurdir en relación co exame e, de ser o caso, presentar ante o presidente da comisión sectorial a reclamación que consideren oportuna. No prazo de tres días, a comisión sectorial que recibiu a reclamación enviaralla á Comisión Central de Avaliación (CCA), xunto cun informe sobre o seu contido. A CCA resolverá o que considere oportuno e comunicarallo á persoa interesada, ao enderezo e polo medio que designase para os efectos de notificacións, e á comisión sectorial correspondente.

9.2. Logo da publicación dos resultados provisionais, as persoas interesadas, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral de Política Lingüística ou ao enderezo de correo
sxpl.probascelga@xunta.es, poderán, no prazo de 10 días naturais, solicitar a revisión das probas por parte da Comisión Central de Avaliación, que adoptará a resolución definitiva e lles comunicará ás persoas interesadas os criterios que determinaron a cualificación obtida.

9.3. Logo da publicación dos resultados definitivos, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación, un recurso de alzada ante o/a titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 28 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro e BOE núm. 30, do 4 de febreiro).

10. Desenvolvemento das probas.

As persoas interesadas presentaranse 15 minutos antes da hora de entrada, no lugar e data para a realización das probas, provistas de DNI, pasaporte ou documento que acredite a súa personalidade e bolígrafo. Non se admitirá ningún tipo de material de apoio.

10.1. Probas para o Celga 1: a proba escrita terá unha duración de dúas horas. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, nos cales se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 10 minutos e será realizada por dous técnicos avaliadores.

10.2. Probas para o Celga 2: a proba escrita terá unha duración de dúas horas. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, nos cales se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 10 minutos e será realizada por dous técnicos avaliadores.

10.3. Probas para o Celga 3: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e media. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, nos cales se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 15 minutos e será realizada por dous técnicos avaliadores.

10.4. Probas para o Celga 4: a proba escrita terá unha duración de tres horas. Ao remate desta, publicaranse os chamamentos para a proba oral, nos cales se indicará o día e a hora aproximada para a súa realización. Esta proba terá unha duración máxima de 15 minutos e será realizada por dous técnicos avaliadores.

As probas orais serán gravadas como garantía do proceso.

No ano 2014, os chamamentos para as probas orais realizaranse por orde alfabética de apelidos (do A ao Z).

10.5. As probas realizadas fóra de Galicia poderán realizarse coa presenza dun só técnico avaliador. No caso da proba oral, gravarase para ser avaliada e cualificada posteriormente pola Comisión Central de Avaliación.

11. Expedición e rexistro dos certificados.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística expediralles os certificados ás persoas que superen as probas.

Os certificados constarán nun rexistro oficial en que figurarán o nome e apelidos, número de DNI ou pasaporte, lugar, data e resultados das probas e identificación alfanumérica dos certificados. A solicitude para participar nas probas comporta a autorización para o tratamento telemático dos citados datos para este fin.

12. Recurso contra a resolución de convocatoria das probas.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso de alzada, ante o/a titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2014

Valentín García Gómez
Secretario xeral de Política Lingüística

missing image file
missing image file