Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 2014 Páx. 10907

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Innovación

CÉDULA do 26 de febreiro de 2014 pola que se notifica o trámite de audiencia previo ao inicio da revogación correspondente ao expediente 09TAL009E, devolto polo servizo de Correos.

De conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), despois de intentar sen éxito a notificación do trámite de audiencia previo ao inicio da revogación correspondente ao expediente 09TAL009E no último domicilio social coñecido da entidade Elaborados Gallegos, S.A., procédese á súa notificación por medio de anuncio no taboleiro do concello do último domicilio social coñecido e no Diario Oficial de Galicia. En virtude disto, reprodúcese integramente o texto do tramite de audiencia:

«Código do proxecto: 09TAL009E.

Título: creación de produtos de calidade a partir de subprodutos derivados do peixe.

Entidade beneficiaria: Elaborados Gallegos, S.A.

Convocatoria: Orde do 24 de xuño de 2009 (DOG do 6 de xullo).

Resolución: 30 de novembro de 2009 (DOG do 4 de decembro).

Asunto: trámite de audiencia.

Con relación ao proxecto indicado comunícolle:

1. O artigo 61 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia establece:

Artigo 61. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Con data do 6 de agosto de 2009, a entidade Elaborados Gallegos, S.A. solicita ser beneficiaria dunha subvención correspondente aos programas sectoriais de investigación aplicada PEME I+D e I+D Suma do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, cuxas bases de concesión se atopan na mencionada Orde do 24 de xuño de 2009, para a realización do proxecto de creación de produtos de calidade a partir de subprodutos derivados do peixe (09TAL009E).

3. Na Resolución do 30 de novembro de 2009 (DOG do 4 de decembro) concédeselle a Elaborados Gallegos, S.A. unha subvención para a realización do mencionado proxecto, tal e como se indica a continuación:

1ª anualidade

2ª anualidade

Total

9.768,56 €

25.719,19 €

35.487,75 €

4. Con data do 15 de decembro de 2009, Elaborados Gallegos, S.A. acepta a concesión da dita subvención, polo que se lle fai ingreso do anticipo correspondente á primeira anualidade do ano 2009 de 9.768,56 €.

5. Con data do 27 de marzo de 2010, Elaborados Gallegos, S.A. presenta a documentación xustificativa do gasto realizado correspondente á anualidade 2009 do mencionado proxecto. Esta documentación xustificativa do gasto da anualidade foi comprobada correctamente.

6. Con data do 31 de outubro de 2010, data límite de presentación da documentación xustificativa da realización do gasto correspondente á segunda anualidade do ano 2010, Elaborados Gallegos, S.A. non presenta a documentación xustificativa do gasto realizado.

7. Con data do 9 de decembro de 2010 remíteselle a Elaborados Gallegos, S.A. o requirimento para a emenda da documentación de xustificación correspondente á anualidade 2010 e concédeselle un prazo de dez días para a presentación da documentación.

8. Unha vez transcorrido o prazo indicado no parágrafo anterior, e tras varios intentos falidos de comunicación telefónica, Elaborados Gallegos, S.A. non presenta a documentación requirida, entre a cal se atopa o informe final de resultados e a memoria en formato libre.

9. Tendo en conta que a entidade non presentou a documentación xustificativa completa e correcta da subvención concedida dentro dos prazos establecidos e, consecuentemente, non se acreditou correctamente o cumprimento da finalidade que determinou a súa concesión, e non cumpre a condición de beneficiario debido a que non se atopa ao día das súas obrigas co Estado, de acordo co disposto no artigo 10.2º e) da Lei de subvencións de Galicia, procede iniciar resolución de revogación da subvención para deixar sen efecto a Resolución do 30 de novembro de 2009 (DOG do 4 de decembro) pola que se adxudican as subvencións correspondentes á tecnoloxía da alimentación dos programas sectoriais de investigación aplicada PEME I+D e I+D Suma do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (Incite), convocadas na Orde do 24 de xuño de 2009 (DOG do 6 de xullo) pola que se lle concedía unha subvención de 35.487,75 € á entidade Elaborados Gallegos, S.A. para a realización do proxecto de creación de produtos de calidade a partir de subprodutos derivados do peixe (09TAL009E). Este feito implica, en cumprimento do artigo 21.1 da mencionada Orde do 24 de xuño, o reintegro por parte da beneficiaria Elaborados Gallegos, S.A. da cantidade que lle foi anticipada en concepto de pagamento da subvención correspondente á anualidade 2009 do proxecto, que ascende a 9.768,56 €, máis o importe correspondente aos xuros de demora.

Por todo o indicado anteriormente, antes de proceder a ditar a resolución de revogación, e de acordo co establecido no artigo 84.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, concédeselle un prazo de 10 días hábiles para realizar as alegacións que considere pertinentes.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2013. Benito Fernández Rodríguez, director da Área de Xestión.

Hai un selo que di: Xunta de Galicia-Consellería de Economía e Industria-Axencia Galega de Innovación».

O que se notifica por medio de anuncio para o seu coñecemento e para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2014

Manuel Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación