Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2014 Páx. 10956

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 29/2014, do 6 de marzo, polo que se derroga o Decreto 405/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 5 de abril, recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impiden ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

Sobre a base das premisas constitucionais e ao abeiro das competencias asumidas no Estatuto de autonomía, o Parlamento de Galicia manifestou a súa vontade de establecer unha regulación legal propia en materia de acción voluntaria mediante a aprobación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, modificada posteriormente pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, que tiña por obxecto regular a actividade de voluntariado social no ámbito propio da Comunidade Autónoma galega.

A Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, creou no seu capítulo VIII o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, previndo a inscrición no Rexistro como condición indispensable para integrar as accións, actividades e iniciativas das entidades de acción voluntaria no Plan galego para a promoción e fomento da acción voluntaria, así como para acceder ás axudas e subvencións e subscribir convenios coas administracións públicas en materia de voluntariado. As disposicións do capítulo VIII da Lei 3/2000, do 22 de decembro, foron desenvolvidas regulamentariamente polo Decreto 405/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

Co paso do tempo, a propia dinámica de transformación dos problemas nos últimos tempos obrigou a unha actualización e redeseño estratéxico das políticas públicas de acción voluntaria, a eficacia das cales ten que depender necesariamente da súa coherencia e adecuación á cambiante realidade social.

Neste contexto, a Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, foi a encargada de levar a cabo a reforma legal do voluntariado en Galicia, e tivo como obxectivo, entre outros, o de posibilitar a obtención, por parte das persoas voluntarias, de certificacións da súa participación en actividades de acción voluntaria, e a súa remisión ao Rexistro de Acción Voluntaria co fin de poder acreditar un historial de experiencias de voluntariado.

O capítulo IV do título III da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria de Galicia crea o Rexistro Publico de Acción Voluntaria de Galicia como un órgano único e público que asumirá as funcións de cualificación e inscrición das persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria, así como a certificación das accións voluntarias que estas desenvolvan, e que estará adscrito ao órgano ao que veñan atribuídas as competencias en materia de acción voluntaria.

O artigo 32.4 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, establece que mediante orde da consellería competente en materia de acción voluntaria establecerase a organización e o procedemento de inscrición e baixa no Rexistro.

Por outra banda, a disposición derradeira segunda do devandito texto legal dispón que, no prazo de nove meses desde a súa entrada en vigor, se aprobarán as disposicións de desenvolvemento do Rexistro de Acción Voluntaria. En tanto non se aproben as devanditas disposicións, o Rexistro rexerase polo disposto no Decreto 405/2001, do 29 de novembro, en todo o que non resulte incompatible coa dita lei.

Tendo en consideración as referidas prescricións normativas, procede derrogar o Decreto 405/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia, que pasará a rexerse pola orde a que fai referencia o artigo 32.4 da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

O regulamento estrutúrase nun único artigo, unha disposicións transitoria, que regula o réxime transitorio, e unha disposición derradeira, que establece o prazo de vacatio legis.

Por todo o exposto, unha vez emitido informe preceptivo polo Consello Galego de Acción Voluntaria, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia/oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Obxecto

Queda derrogado o Decreto 405/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

1. As solicitudes de inscrición rexistral que estean pendentes de resolver á entrada en vigor da orde á que fai referencia o artigo 32.4 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, rexeranse polo Decreto 405/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

2. As entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia inscribiranse de oficio na sección de entidades de acción voluntaria do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Unha vez derrogado o Decreto 405/2001, do 29 de novembro, o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia pasará a rexerse pola orde a que fai referencia o artigo 32.4 da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día 1 de abril de 2014.

Santiago de Compostela, seis de marzo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar