Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 17 de marzo de 2014 Páx. 11328

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 32/2014, do 6 de marzo, polo que se modifica o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

En virtude do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, publicado o 6 de marzo de 2013, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar. O dito decreto foi modificado en virtude do Decreto 113/2013, do 24 de xullo, coa inclusión dunha nova disposición adicional para os efectos de determinar a adscrición de determinados órganos e a atribución das competencias derivadas do referido Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

Durante o tempo transcorrido púxose de manifesto a necesidade de introducir algunhas modificacións co obxecto de concretar e redistribuír as funcións no ámbito da Secretaría Xeral Técnica e reforzar as de coordinación cos demais órganos da consellería e coas súas xefaturas territoriais. Así, crease un novo órgano directivo na dita secretaría xeral técnica, con rango de subdirección xeral, que asumirá as funcións de coordinación administrativa, así como as de asistencia técnico-xurídica ata agora atribuídas á Vicesecretaría Xeral, sen prexuízo das que correspondan a este órgano.

En consecuencia, baixo os principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública, procede agora aprobar a modificación da estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis marzo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

«1. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

c) Subdirección Xeral de Persoal.

d) Subdirección Xeral de Contratación e Control.

e) Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

f) Unidade Administrativa de Igualdade».

Dous. O artigo 7 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 7. Vicesecretaría Xeral

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Directamente ou a través do servizo e unidades que nela se integran, desenvolverá as seguintes funcións:

a) Impulso e coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería.

b) Elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) Coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da consellería.

d) Xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

e) Colaboración, cos distintos servizos, entidades e organismos integrados na consellería, na implantación de medidas de coordinación e optimización na xestión dos recursos de que dispoña a consellería con carácter xeral e, especialmente, en materia de execución orzamentaria.

f) Singularmente, encargarase de calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, no exercicio das súas competencias.

g) Elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e de instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións a Vicesecretaría Xeral contará co Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal corresponderá:

a) A coordinación e o impulso da elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería, a elaboración do da Secretaría Xeral Técnica, e a coordinación, o seguimento e o control da súa execución.

b) Tramitación dos expedientes de modificación dos créditos consignados no orzamento de gastos da consellería.

c) O impulso na tramitación económico-administrativa de expedientes de gasto e propostas de pagamento.

d) A planificación, habilitación e seguimento da provisión de créditos para gastos de mantemento dos distintos órganos, unidades administrativas e oficinas que se lle asignen, tanto de servizos centrais como periféricos, baixo a modalidade de pagamentos a xustificar.

e) A proposta do aprovisionamento, mantemento e renovación do equipamento e material funxible non inventariable necesario para o funcionamento da consellería.

f) O control da seguranza na utilización do programa de xestión contable da Xunta de Galicia (Xumco), así como o mantemento e asesoramento ás persoas usuarias da consellería no seu funcionamento.

g) A xestión de taxas e de prezos públicos da consellería e a coordinación con todos os órganos, unidades e centros dependentes.

h) A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión orzamentaria, así como a análise da súa execución, de acordo coa normativa vixente.

i) Xestión dos vehículos asignados á consellería coa tramitación de altas, modificacións, baixas, partes de sinistros, necesidades de inspección técnica de vehículos, control dos sistemas de pagamento automático de autoestradas.

j) Realización de estudos e informes nas materias a que fan referencia as funcións anteriores.

k) Calquera outra función análoga que se lle poida encomendar».

Tres. Engádese un novo artigo 7 bis como segue:

«Artigo 7 bis. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

1. A Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e impulso das de carácter xurídico-administrativo e dos servizos de carácter xeral da consellería nos termos previstos nos números 2 e 3 deste artigo.

2. Directamente ou a través do servizo e unidades que nela se integran desenvolverá as seguintes funcións:

a) A tramitación das actuacións necesarias respecto das fundacións de interese galego sobre as cales a consellería exerza o protectorado e as funcións como sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

b) A coordinación dos actos administrativos referidos á administración, conservación e colaboración na protección e defensa dos bens e dereitos adscritos á consellería, agás os atribuídos a outros órganos, e o apoio na xestión do inventario de bens mobles.

c) A coordinación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polos órganos xudiciais, o/a defensor/a do pobo, o/a valedor/a do pobo, os/as cidadáns/ás e outros órganos e institucións.

d) O estudo, a coordinación e a revisión da proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial, cuxa resolución corresponda ao/á conselleiro/a nas materias competencia da consellería.

e) O apoio na organización do rexistro xeral e na xestión do arquivo de oficina da consellería.

f) A coordinación das publicacións e as funcións relativas ao plan de publicacións da consellería, a información, a difusión das publicacións e a coordinación das aplicacións estatísticas da consellería.

g) A coordinación das demandas e os recursos contencioso-administrativos cando non correspondan a outros órganos.

h) O estudo das propostas das disposicións normativas, convenios e instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da consellería; a preparación dos expedientes que, logo do paso pola Comisión de Secretarios Xerais Técnicos, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos e o estudo dos recursos e reclamacións administrativas.

i) A coordinación das funcións dos servizos provinciais de Coordinación de Centros que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos da dita secretaría xeral técnica.

j) A coordinación da elaboración de estudos, informes, instrucións, circulares e instrumentos similares que se requiran no exercicio das funcións anteriores.

k) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da secretaría xeral técnica, no exercicio das súas competencias.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa contará co Servizo de Apoio Técnico-Xurídico, órgano de apoio co nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponderá:

a) A tramitación dos proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos órganos da Consellería de Traballo e Benestar, así como o estudo das compilacións e da refundición das normas emanadas desta.

b) O estudo, preparación e informe dos asuntos que, logo do paso pola Comisión de Secretarios Xerais Técnicos, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos acordos desta.

c) Estudo das propostas de convenios e outros instrumentos bilaterais que elaboren os distintos órganos da consellería.

d) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución das reclamacións e dos recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería cando non estean atribuídos a outros órganos.

e) A elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria en relación coas demandas e recursos interpostos na vía xudicial, agás as que correspondan a outros órganos.

f) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería e entidades adscritas, se é o caso, que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

g) Calquera outro asunto que poida ser encomendado pola persoa titular da subdirección no exercicio das competencias que lle sexan propias».

Catro. Engádese un número 3 ao artigo 10 como segue:

«3. Os postos que, se for o caso, se creen na relación de postos de traballo da consellería competente en materia de inspección de servizos sociais nas xefaturas territoriais dependerán organicamente das ditas xefaturas e funcionalmente da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais».

Disposición adicional única

Ás supresións de órganos e ás amortizacións de postos que se produzan como consecuencia do establecido neste decreto seralles de aplicación, se for o caso, o réxime transitorio establecido no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de marzo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar