Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 27 de marzo de 2014 Páx. 13127

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Faro, situado no concello do Vicedo (Lugo) e promovido por Nieblagen, S.L. (expediente LU-11/130-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Nieblagen, S.L. (en diante o promotor) en relación coa autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, constan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro) admitiuse a trámite o parque eólico Faro (en diante o parque eólico), cunha potencia de 3 MW.

Segundo. O 2 de xuño de 2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a inscrición no rexistro de produtores de enerxía eléctrica para o parque eólico.

Terceiro. O 17 de abril de 2012, o promotor solicitou unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, nun desprazamento do aeroxerador do parque eólico.

Cuarto. Mediante a Resolución do 29 de maio de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as modificacións do proxecto do parque eólico.

Quinto. O 18 de xullo de 2012, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental do parque eólico, así como o proxecto de execución no cal se recollen os cambios autorizados pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sexto. Mediante Resolución do 26 de setembro de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo (en diante a xefatura territorial), sometéronse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental, as instalacións relativas ao parque eólico.

O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de outubro, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 22 de outubro e no xornal El Progreso do 29 de outubro. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e do concello afectado (O Vicedo).

Durante o período de información pública, Mar Fernández Peñas presentou unha alegación na cal, en síntese, comunica que a súa parcela está dedicada a unha plantación de eucaliptos e non a matogueira, como se indica na carta que lle remitiu a xefatura territorial. Ademais, solicita que se lle faciliten datos da súa propiedade para unha solución e que a informen de todo o relativo ao proxecto, posto que non pode actuar de forma presencial por residir noutra comunidade.

Sétimo. O 23 de xullo de 2012, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial emitiu un informe sobre os dereitos mineiros que afectan o parque eólico; estes son os que se indican a continuación:

– Aproveitamento da sección A) Vilasuso, ampliación segunda nº 343, solicitado pola sociedade Reyfra, S.L.

– Permiso de investigación Aranzazu fracción 2ª, nº 5393.2, outorgado a favor de Pablo Campo Fernández.

Oitavo. Con data do 24 de xullo de 2012, a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico.

Noveno. O 13 de setembro de 2012, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial emitiu un informe complementario sobre os dereitos mineiros que afectan o parque eólico, no cal indica que o permiso de investigación Aranzazu fracción 2ª, número 5393.2 está caducado segundo sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 23 de decembro de 2005.

Décimo. Con data do 24 de setembro de 2012, o promotor presentou un certificado emitido polo concello do Vicedo relativo á cualificación dos terreos afectados polo parque eólico.

Décimo primeiro. O 10 de outubro de 2012, Retegal, S.A. estableceu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico.

Décimo segundo. O 14 de novembro de 2012, o promotor manifestou expresamente que acepta o condicionado emitido por Retegal, S.A.

Décimo terceiro. O 30 de setembro de 2013, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para a continuación do procedemento.

Décimo cuarto. Con data do 18 de outubro de 2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública por Resolución do 6 de novembro de 2013 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 38.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. O artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, establece que a dirección xeral competente en materia enerxética remitirá o expediente á consellería competente en materia de urbanismo para que esta emita, de ser o caso, o informe correspondente ao proxecto sectorial.

Como se recolle no antecedente de feito décimo, o promotor achegou un certificado emitido polo Concello do Vicedo en relación coa cualificación dos terreos afectados polo proxecto, co obxecto de xustificar a súa implantación mediante licenza municipal directa.

Desta forma, e tendo en conta ademais que as instalacións obxecto da presente resolución afectan unicamente o termo municipal do Vicedo, a súa implantación non precisa dun proxecto sectorial para a súa adecuada integración territorial e, polo tanto, non procede a emisión do informe a que fai referencia o antedito artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. Con respecto á alegación presentada durante o período de información pública, e vista a resposta do promotor, cómpre indicar que se tomou razón do manifestado pola alegante, pero que será no momento do levantamento das actas previas á ocupación, dentro do procedemento expropiador, cando se determinen as características exactas dos bens afectados. Así mesmo, o promotor manifestou que continúa negociando cos propietarios dos predios afectados co fin de acadar un acordo entre as partes.

Polo exposto, e en exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Faro, situado no concello do Vicedo (Lugo) e promovido por Nieblagen, S.L., cunha potencia de 3 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Faro asinado polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Bouza Cabarcos.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Nieblagen, S.L.

Domicilio: rúa Copérnico, nº 6, edificio BCA, 1º andar, local nº 3, polígono industrial A Grela, 15008 A Coruña.

Denominación: parque eólico Faro.

Potencia instalada: 3 MW.

Municipios afectados: O Vicedo (Lugo).

Produción anual: 10.639 MWh/ano.

Orzamento de execución por contrata: 3.164.382,48 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

606.839

4.842.498

2

608.709

4.842.340

3

608.887

4.840.670

4

607.900

4.840.650

Coordenadas de localización do aeroxerador:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

FAR-03B

608.476

4.841.429

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 1 aeroxerador Vestas V-112 de 3.000 kW de potencia nominal, cunha altura de buxa de 94 m e cun diámetro de rotor de 112 m.

– 1 centro de transformación de 3.450 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,65/20 kV, Dyn5, instalado no interior da góndola do aeroxerador, coas súas correspondentes aparellaxes de seccionamento, manobra e protección.

– Liña eléctrica subterránea de 20 kV de tensión nominal, en condutor directamente enterrado, para a evacuación da enerxía xerada, e interconexión entre o centro de transformación 0,65/20 kV e o edificio de control (centro colector).

– Camiños ou vías, con 5 m de largura mínima e maioritariamente en saburra, para o acceso ao aeroxerador e ao edificio de control.

– Edificio de control prefabricado no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Nieblagen, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, unha fianza polo importe de 63.287,65 euros, correspondente ao 2 % do orzamento do proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no antedito artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

2. Consonte o disposto nos artigos 40.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Nieblagen, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 23.733 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, cun orzamento de 3.164.382,48 euros.

6. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Nieblagen, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de nove meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 18 de outubro de 2013 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

9. A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas