Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 28 de marzo de 2014 Páx. 13224

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 27 de marzo de 2014 pola que se modifica o modelo de declaración complementaria da taxa por servizos profesionais, polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé no seu anexo 2, entre outras, as actuacións e operacións aplicables da taxa por servizos profesionais, modalidade administrativo-facultativa nas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza, axustadas á normativa comunitaria, en concreto ao Regulamento (CE) nº 882/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre saúde animal e benestar dos animais, de acordo co capítulo VI de financiamento dos controis oficiais e segundo os criterios para o cálculo das taxas establecidos no anexo VI do citado regulamento.

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, no punto 22) do seu artigo 63, engade a subalínea 04 na alínea 08 do anexo 2 da Lei 6/2003, concretamente as actuacións extraordinarias dos veterinarios oficiais de Galicia, por demanda dos establecementos, en función do nº de horas demandadas e efectivamente traballadas, co fin de cubrir o custo da prestación do servizo.

O Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece a obriga de autoliquidación das taxas, e o artigo 2 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación, dispón que os suxeitos pasivos das tarifas sinaladas teñen a obriga de presentar e ingresar a autoliquidación correspondente polas actuacións habidas en cada un dos trimestres naturais do ano nos vinte primeiros días naturais seguintes á finalización de cada trimestre, e xunto coa autoliquidación deberán presentar unha declaración complementaria debidamente cuberta, que se axustará ao modelo establecido no anexo II da citada orde.

A inclusión deste novo concepto da taxa polas actuacións extraordinarias dos veterinarios oficiais de Galicia fai necesaria, polo tanto, a adaptación do modelo sinalado a aquel.

Por ese motivo e no uso das facultades conferidas pola disposición adicional do Decreto 61/2005, do 7 de abril, previamente citado,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do modelo de declaración complementaria da taxa por servizos profesionais, polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza

Modifícase o modelo de declaración complementaria da taxa por servizos profesionais polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza contido no anexo II da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación, que queda substituído polo modelo que figura no anexo desta orde.

Disposición transitoria

O modelo de declaración complementaria que se substitúe por esta orde seguirá tendo vixencia para o cumprimento das obrigas tributarias referidas ás actuacións gravadas que se realicen ata a fin do ano 2013 e, en consecuencia, deberá ser empregado xunto coas autoliquidacións que se refiran aos feitos impoñibles acaecidos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2014.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación. No entanto, o modelo que figura no anexo desta orde deberá empregarse a partir do 1 de abril de 2014 e presentarase conxuntamente coas autoliquidacións que se refiran aos feitos impoñibles realizados desde o 1 de xaneiro de 2014.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

missing image file
missing image file