Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 28 de marzo de 2014 Páx. 13203

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1º.20 da Constitución española e do artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, na aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 6 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, dispón no seu artigo 39 que a Xunta de Galicia establecerá, a través do departamento competente en materia de igualdade, unha prestación económica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor e a tentar axudarlle a romper coa situación de violencia. Indica que se aboará periodicamente, logo da acreditación da situación de violencia de xénero, e que será o departamento competente en materia de igualdade o encargado de regular as bases da convocatoria e as contías das axudas, dentro dos límites orzamentarios de cada anualidade.

De conformidade co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e que se atopan nunha situación de dependencia económica do agresor que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia dos seus agresores, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases, que se inclúen como anexo, que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2014.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Artigo 2. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes formalizaranse segundo o modelo normalizado do anexo I desta resolución. Xunto coa solicitude deberase presentar a documentación sinalada no artigo 3 das bases reguladoras desta axuda.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es,
de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar a persoa solicitante de forma electrónica superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2014.

Artigo 3. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinaranse 1.905.150 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2014: 750.150 euros.

Ano 2015: 1.155.000 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 4. Contía das axudas

1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2014, de acordo coas seguintes especificacións:

1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 650 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 700 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 800 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 350 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 500 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

2. Non se considerarán a cargo as/os menores emancipados e/ou con ingresos mensuais brutos superiores ao IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Artigo 5. Instrución e resolución

A instrución e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 981 95 76 99 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.es

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira primeira

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2014

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

ANEXO
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero

Artigo 1. Requisitos das solicitantes

1. Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica. Estas condicións acreditaranse con algún dos documentos establecidos no artigo 3.2.a) destas bases reguladoras emitido no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude e, de ser o caso, cun informe dos servizos sociais da Administración pública autonómica ou local.

b) Ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

c) Estar empadroada e residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

d) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou que estes sexan de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

2. A solicitante deberá reunir na data de solicitude e manter ata que se resolva esta e durante a súa percepción os requisitos indicados no punto anterior.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres que, reunindo estes requisitos, percibiran esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero con anterioridade.

Artigo 2. Natureza das axudas e regras para o cálculo da súa contía

1. A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude. No suposto de que a solicitante estivese percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con esta e, atendendo ao disposto no artigo 11 destas bases reguladoras, renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.

2. A contía que poderá acadar esta axuda establecerase na convocatoria en función das rendas e ingresos da solicitante na data de presentación da solicitude desta axuda.

3. Para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non se terán en conta as rendas individuais do agresor nin a vivenda habitual da vítima.

Consideraranse rendas e ingresos computables os bens, dereitos e rendementos derivados do traballo, do capital mobiliario e inmobiliario, incluíndo os incrementos do patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por filla/o ou menor acollida/o a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o cincuenta por cento do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas.

As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes computaranse para estes efectos rateándose mensualmente.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes, xunto coa documentación, presentaranse na forma e prazos que se indiquen na respectiva convocatoria.

2. A solicitude da axuda presentarase segundo o modelo do anexo I, asinada pola solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero derivada de convivencia mediante algún dos documentos seguintes:

1) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero.

3) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

5) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.

Os documentos acreditativos da situación de violencia anteditos han de estar adoptados ou emitidos no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Así mesmo, a orde de protección ou a medida cautelar terán que estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

No caso de que para a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero se presente algún dos documentos recollidos nos puntos 1, 2 ou 3 anteditos e non conste que a situación de violencia ocorre nunha relación de convivencia, deberase achegar ademais un informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local que o acredite ou, no seu defecto, a declaración responsable da solicitante, recollida no anexo I de solicitude. En ambos os casos, deberá constar a data en que tivo lugar o cesamento da convivencia.

b) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, de ser o caso (nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio...), segundo o previsto no artigo 2.3 destas bases reguladoras.

c) No caso de discapacidade da solicitante e/ou das/os súas/seus fillas/os menores ou menores acollidos, a cargo da solicitante, copia cotexada da certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fora expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias.

d) Acreditación de fillas/os menores a cargo, a través da copia cotexada do libro de familia e/ou calquera outro documento que acredite que as/os fillas/os están ao seu cargo (informe de servizos sociais, certificado de empadroamento conxunto, resolución xudicial de custodia...), de ser o caso.

No caso de que a solicitante teña ao seu cargo menores en situación de acollemento, deberá achegar copia cotexada da resolución administrativa ou xudicial acreditativa da dita situación, nos supostos en que esta fora expedida por unha Administración distinta á Xunta de Galicia.

e) No caso de solicitantes estranxeiras, copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario, en vigor, segundo o caso.

3. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder da Administración actuante, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o dito documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se producise nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Secretaría Xeral da Igualdade para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Non obstante, a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor correspondente e un certificado de empadroamento emitido dentro do intervalo temporal que comprende os 3 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

Así mesmo, comporta o consentimento expreso para completar o expediente administrativo, para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados no procedemento administrativo, e para obter a información adicional que fose necesaria para a axeitada estimación dos ingresos ou recursos económicos da solicitante, así como do mantemento das condicións durante a súa percepción, dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, ben sexa a través de acceso directo por medios telemáticos ou ben a través de solicitude por oficio ordinario.

2. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que sexan obxecto de tratamento, e adoptará as medidas necesarias para cumprir co disposto na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos, e poderán exercerse, os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, o cal se fará por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na guía de procedementos da páxina web da Xunta de Galicia.

3. As beneficiarias quedarán incorporadas aos programas de formación, busca activa e mellora do emprego que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.

Artigo 5. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no suposto de que a solicitude non estiver debidamente cuberta ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá a solicitante para que no prazo de dez (10) días achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixer no prazo indicado, se dará por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, e sempre que sexa preciso, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá as solicitantes para que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formularalle proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 6. Resolución e réxime de recursos

1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ate o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 3 desta resolución. De esgotarse o crédito, segundo o establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordarase a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen se ditar resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

4. A duración e contía das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

5. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá modificar ou suspender a concesión no caso de que varíen as condicións que a motivaron. As resolucións de concesión, denegación, modificación e/ou suspensión ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

6. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7. Pagamento das axudas

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía da axuda concedida aboaráselles ás beneficiarias en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas. O primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que, de ser o caso, lle corresponderan segundo as mensualidades que figuren na resolución de concesión.

2. Co obxecto de comprobar que non se producen variacións das circunstancias da concesión, que se cumpren as obrigas establecidas e, en todo caso, que a beneficiaria non reinicia a convivencia co agresor ou solicita deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, o órgano xestor, durante o período de pagamento, poderá recadar canta información xulgue necesaria, a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP), de informe dos servizos sociais da Administración local ou autonómica, ou por calquera outro medio con validez legal.

3. O pagamento das axudas reguladas nesta disposición farase unicamente na conta bancaria que as solicitantes fixesen constar na solicitude, que deberá permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 8. Modificación e suspensión da axuda

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación ou suspensión da resolución da concesión.

2. Sen prexuízo do disposto nesta resolución, o órgano xestor poderá iniciar un procedemento de revisión no momento en que teña constancia, ben a través das actuacións levadas a cabo no seguimento das axudas previstas no artigo 12 destas bases reguladoras, ou ben a través de calquera outro medio de comprobación, de que variaron as circunstancias da concesión, ou cando a dita comprobación no sexa posible. A apertura deste procedemento pode establecer a suspensión provisional dos pagamentos ata que se dite resolución definitiva de modificación ou de suspensión da concesión, ou se deixe sen efecto a dita suspensión, por comprobación do mantemento das circunstancias iniciais, e se reinicien os pagamentos pendentes.

3. En todo caso, se durante a percepción da axuda o órgano xestor ten constancia do traslado da residencia da beneficiaria fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, de que a beneficiaria reiniciou a convivencia co agresor, ou de que a beneficiaria solicitou deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, procederá resolver a suspensión definitiva da axuda. Poderán ser excepción da suspensión definitiva da axuda aquelas mulleres que, por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe, dos servizos de acollida ou dos servizos sociais, da Administración pública galega autonómica ou local.

4. No suposto de que durante a percepción da axuda se produza un incremento de ingresos e, como consecuencia, se superen os límites de referencia tidos en conta para o seu cálculo inicial procederase á modificación da concesión polo período restante da axuda, minorándose o seu importe para a súa regularización.

No caso de que o incremento de ingresos determine que se supera o límite establecido no artigo 1.1.d) destas bases reguladoras, resolverase a suspensión definitiva da axuda.

Artigo 9. Reintegro

1. O órgano xestor poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro, total ou parcial e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que impedisen a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a axuda.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 10. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle ao órgano concedente calquera cambio das circunstancias que xustificaron a concesión da axuda e, en todo caso, a actualizar e remitirlle con carácter semestral as declaracións responsables recollidas no anexo II.

3. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda, agás aquelas mulleres que por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe, dos servizos de acollida ou dos servizos sociais, da Administración pública galega autonómica ou local, así como a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.

4. As beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de formación, busca activa e mellora de emprego, e calquera outro que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.

Artigo 11. Incompatibilidades

1. As axudas reguladas nesta disposición serán incompatibles con calquera outra establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou por calquera entidade privada destinada ao mesmo fin.

2. Cando a solicitante teña solicitada a renda activa de inserción por vítima de violencia de xénero (RAI) fará constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude.

2.1. Cando a solicitante perciba a RAI, deberá facer constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas recollida no anexo I de solicitude, xa que, de teren dereito a esta axuda, e por seren incompatibles, o órgano xestor concederalle un prazo de 5 días para que manifeste a súa opción, indicándolle que as mensualidades coincidentes no período de percepción de ambas as dúas axudas minoran no mesmo número de meses a axuda regulada nesta disposición. Transcorrido o prazo de 5 días desde a data de recepción do escrito de opción pola solicitante sen recibir ningunha comunicación ao respecto no órgano xestor, este procederá á resolución por incompatibilidade e ao arquivamento do expediente.

2.2. No caso de que a interesada solicite ou perciba a RAI con posterioridade á presentación da solicitude desta axuda deberá comunicalo de xeito inmediato, para os efectos do establecido no número anterior.

3. As solicitantes deberán ter en conta que as normas reguladoras de axudas tales como a renda de integración social de Galicia (Risga), as pensións non contributivas e aqueloutros subsidios percibidos por carencia de recursos teñen límites de percepción de ingresos distintos aos establecidos nesta resolución para a percepción destas axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, polo que no momento de recibir a notificación de concesión deberán comunicalo aos organismos responsables da xestión das axudas que estivesen a percibir.

Artigo 12. Seguimento e control

1. O seguimento das axudas concedidas será realizado polo persoal especializado que determine a Secretaría Xeral da Igualdade e incidirá especialmente nos aspectos que se relacionan a continuación, ademais daqueloutros que se consideren salientables:

a) Avaliación e control da súa aplicación, que comprenderá os documentos referidos no artigo 7.2 destas bases reguladoras e un informe anual sobre a situación das beneficiarias. En todo caso, velarase polo cumprimento dos requisitos polos que se concedeu a axuda durante todo o período de percepción.

b) Apoio e orientación ás beneficiarias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

Artigo 13. Infraccións e sancións

As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 14. Publicidade

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración galega.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file