Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 28 de marzo de 2014 Páx. 13233

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de marzo de 2014 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de máster universitario na Universidade de Santiago de Compostela, para o curso 2013/14.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e pola Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Logo de ser autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos implicará o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades nas sesións do 31 de xullo e 20 de decembro de 2013, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude de implantación, pola Universidade de Santiago de Compostela, de determinados títulos.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Conceder autorización á Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2013/14, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Investigación en Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía autorizado para USC polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311775.

2. Máster universitario en Psicoxerontoloxía (interuniversitario). Esta autorización inicia o proceso de extinción do anterior máster universitario en Psicoxerontoloxía coordinado pola Universidade de Barcelona en que tamén participan a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Salamanca, e a Universidade de Valencia; autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4311539.

Artigo 2

A Universidade de Santiago de Compostela adoptará as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que estean cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria