Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 31 de marzo de 2014 Páx. 14020

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 12 de marzo de 2014, de extinción e cancelación da inscrición no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social Non Integradas na Seguridade Social da entidade PCAE-VIGO, Mutualidade de Previsión Social a Prima Fixa, en liquidación.

Por Orde do 2 de abril de 2012, da Consellería de Facenda, encomendouse ao Consorcio de Compensación de Seguros a liquidación da entidade PCAE-VIGO, Mutualidade de Previsión Social a Prima Fixa, en liquidación.

Rematado o proceso de liquidación da referida entidade, o Consorcio de Compensación de Seguros solicita a extinción e cancelación da inscrición do rexistro autonómico de mutualidades de previsión social da citada entidade.

Da documentación que se xunta á solicitude formulada, despréndese que se deu cumprimento ao disposto na lexislación vixente.

A competencia na materia ven determinada no Decreto 340/1996, do 13 de setembro, polo que se asumen funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1642/1996, do 5 de xullo, en materia de mutualidades de previsión social e se asignan á Consellería de Economía e Facenda e no Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Á vista do anterior, tendo en conta a documentación que obra no expediente, a proposta da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, e de acordo co previsto no artigo 28.5 do Real decreto lexislativo 6/2004, do 29 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de ordenación e supervisión dos seguros privados,

RESOLVO:

Declarar a extinción da entidade PCAE-VIGO, Mutualidade de Previsión Social a Prima Fixa, en liquidación e proceder á súa cancelación no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social Non Integradas na Seguridade Social, creado pola Orde do 5 de maio de 1999.

De acordo co mencionado artigo 28.5 do Real decreto lexislativo 6/2004, a extinción e cancelación da mutualidade no rexistro administrativo determina a posterior cancelación no Rexistro Mercantil.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, de conformidade co previsto no artigo 4 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta, de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 11.1.a), 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2014

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda