Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 31 de marzo de 2014 Páx. 14018

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía, para as persoas residentes en Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 12 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2014.

Mediante a Resolución do 12 de febreiro de 2014 (DOG nº 35, do 20 de febreiro), reguláronse e convocáronse as subvencións do programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2014.

No artigo 17 da devandita resolución establécese un prazo de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 1 de abril.

As especiais circunstancias sociais e políticas concorrentes actualmente en Venezuela están a provocar grandes dificultades para que as persoas residentes neste país poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa, así como para poder achegarse ás entidades colaboradoras habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A situación socio-política do país está a agravar a situación de escaseza de recursos para a subsistencia, máis en sectores da poboación especialmente sensibles a estes episodios de desgoberno, como o formado polas persoas de idade.

En Venezuela residen máis de 40.000 persoas que teñen a condición política de galegos, dos cales, máis de 15.000 teñen 65 ou máis anos, e unha boa parte deles, debido aos procesos inflacionarios que recorrentemente sofre este país, non dispoñen de rendas suficientes para poder conseguir produtos de primeira necesidade ou farmacolóxicos para poder subsistir, polo que as axudas do programa de axudas económicas individuais resultan imprescindibles para a súa subsistencia.

En atención a estas circunstancias, resulta preciso ampliar, para as persoas residentes en Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas económicas individuais para o ano 2014.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar, unicamente para as persoas residentes en Venezuela, o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 17 da Resolución do 12 de febreiro de 2014, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2014 (DOG nº 35, do 20 de febreiro), ata o 21 de abril de 2014, inclusive.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración