A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modifica os artigos 133, 134 e 135 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, relativos á selección da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas nesta lei, os requisitos para ser candidatos a director e o procedemento de selección. No artigo 135.1 establécese que para a selección das direccións nos centros públicos, as administracións educativas convocarán concurso de méritos e establecerán os criterios obxectivos e o procedemento de selección, así como os criterios de valoración dos méritos do candidato e do proxecto presentado.
Procede convocar concurso de méritos para seleccionar as direccións dos centros que rematan o seu mandato no actual curso académico 2013/14 e non solicitaron a correspondente prórroga e aquelas direccións que rematan o seu mandato de carácter extraordinario ou accidental.
A convocatoria axústase ao previsto na Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e aos preceptos que se manteñen vixentes do Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamentos dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Na súa virtude, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Convocatoria
Convócase concurso de méritos para seleccionar e nomear as direccións dos centros docentes públicos onde se imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que se relacionan no anexo I a esta orde.
A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.
Segundo. Requisitos para ser candidata ou candidato á Dirección
1. Para participar neste concurso de méritos para ser nomeada directora ou director dun centro docente público dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deberán reunirse os seguintes requisitos:
a) Ser funcionaria ou funcionario de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
b) Ter unha antigüidade de polo menos cinco anos como funcionaria ou funcionario na función pública docente.
c) Ter impartido docencia directa como funcionaria ou funcionario, durante un período de polo menos cinco anos, nalgunha das ensinanzas das que ofrece o centro a que se opta. Para estes efectos, enténdese que as funcionarias e funcionarios responsables da orientación educativa e profesional imparten docencia directa.
d) Estar prestando servizos nun centro educativo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
No suposto de estar nunha situación administrativa distinta da de activo, o último centro no que se prestou servizos debe ser dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e deberán reunirse os requisitos para reingresar con efectividade do 1 de xullo de 2014.
2. Para participar no concurso de méritos para ser nomeada directora ou director dun centro público específico de educación infantil, incompleto de educación primaria, nos de educación secundaria con menos de oito unidades, en que se imparten ensinanzas artísticas profesionais ou superiores deportivas, de idiomas ou nos centros específicos de adultos con menos de oito profesores, non se exixirán os requisitos establecidos nas letras b) e c) do punto 1 desta epígrafe.
Terceiro. Solicitudes e documentación
1. A solicitude de participación no concurso de méritos dirixirase á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia correspondente, e poderase imprimir e descargar unha vez formalizados os datos de participación no concurso a través do enderezo web www.edu.xunta.es/cxt
Lémbrase que para acceder a este servizo web é preciso ter conta de correo electrónico no dominio edu.xunta.es polo que, quen non a teña, deberá solicitala a través da páxina web https://www.edu.xunta.es/contausuario
Xunto coa solicitude achegarase ademais:
a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo II a esta orde, agás aqueles que xa consten na base de datos de persoal.
b) Proxecto de dirección que inclúa, polo menos, os obxectivos, as liñas de actuación e a súa avaliación. No proxecto de dirección deberá facerse referencia, entre os seus obxectivos xerais e as liñas prioritarias de actuación, ás previstas nos artigos 9 e 10 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.
O proxecto de dirección non excederá de 30 folios DIN A4, nun tipo de letra: Times New Roman, espazo entre liñas: 1,5.
d) Calquera outra documentación que a candidata ou candidato considere idónea en interese da súa solicitude.
2. Efectuarase unha solicitude por cada centro que se demande ata un máximo de dúas.
3. Así mesmo, os participantes no concurso de méritos remitirán ao centro ou centros docentes que soliciten unha copia do seu proxecto de dirección. Este proxecto estará á disposición dos membros do Claustro de Profesores e do Consello Escolar na Secretaría do centro durante un período mínimo de 10 días lectivos, no horario que estableza a Dirección do centro.
No taboleiro de anuncios da sala de profesores exporase unha relación das candidaturas presentadas, así como o prazo e o horario en que poderán verse os proxectos de dirección na Secretaría.
4. A solicitude, xunto coa documentación a que se alude no punto anterior, poderase presentar en calquera das dependencias a que alude o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
No caso de que se opte por presentar a súa solicitude ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada.
Cuarto. Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de vinte naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. Comisión de selección
1. En cada centro educativo constituirase unha comisión de selección, nomeada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que terá como sede a localidade e o local que decida a súa presidencia, e que terá a seguinte composición:
a) Unha inspectora ou inspector de Educación, designados polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá como presidenta ou presidente.
b) Tres inspectores ou directores de centros educativos públicos, designados polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
c) Dúas profesoras ou profesores do centro elixidos polo Claustro de Profesores, en reunión extraordinaria para estes efectos.
d) Un membro do Consello Escolar, elixido por e entre os membros do Consello Escolar.
2. Actuará como secretaria ou secretario da comisión o representante do Claustro de Profesores con menor antigüidade como funcionaria ou funcionario de carreira e, en caso de empate, o máis novo.
3. A representación do Consello Escolar do centro non poderá recaer no alumnado que estea matriculado nun curso inferior a terceiro de educación secundaria obrigatoria.
4. En ningún caso, as candidatas ou candidatos á Dirección poderán formar parte da comisión de selección.
5. Designaranse suplentes dos membros da comisión de selección en cada un dos ámbitos de representación que actuarán en substitución dos titulares cando exista causa xustificada que impida a actuación destes.
6. Aos membros da comisión de selección seranlles de aplicación as normas sobre abstención e recusación previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
7. A Dirección do centro efectuará a proposta de nomeamento dos representantes do Claustro e do Consello Escolar na Comisión de Selección á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dos cinco días seguintes ao remate do prazo de solicitudes establecido na epígrafe cuarta desta orde, sen que se teñan en consideración posibles ampliacións del.
8. A non elección dos representantes do Claustro de Profesores ou do Consello Escolar non impedirá a constitución e o normal funcionamento da comisión de selección.
9. A composición da comisión de selección publicarase no taboleiro de anuncios do centro.
Sexto. Composición da comisión de selección en determinados supostos
Cando o número de profesorado do centro sexa inferior a catro ou o número de candidaturas á Dirección non lle permita ao Claustro elixir dous membros de entre o profesorado, a composición da comisión de selección será a seguinte:
– Unha inspectora ou inspector de Educación, designado polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá como presidenta ou presidente.
– Dous inspectores ou directores de centros educativos públicos, designados pola xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
– Un profesor ou profesora do centro elixida polo Claustro de Profesorado.
– Un membro do Consello Escolar, elixido por e entre os seus compoñentes.
Sétimo. Funcións da comisión de selección e procedemento de funcionamento
1. Recibidas as solicitudes dirixidas a xefatura territorial, a comisión de selección comprobará que o persoal aspirante reúne os requisitos establecidos nesta orde e notificaralle ao persoal aspirante a admisión ou rexeitamento da súa petición.
2. Contra o rexeitamento da solicitude, os aspirantes poderán presentar reclamación perante a propia comisión seleccionadora, no prazo de cinco días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación do rexeitamento da solicitude.
3. A comisión de selección valorará os méritos académicos e profesionais de cada aspirante, de acordo co baremo que se publica como anexo II a esta orde.
4. A comisión de selección valorará, así mesmo, os proxectos de dirección, de acordo co establecido no baremo que se publica no anexo II desta orde, e poderá ter unha entrevista co profesorado que presentou candidatura se considera necesario clarificar algúns aspectos do proxecto de dirección. Cando a comisión de selección decida a realización desta entrevista, deberá efectuala a todos e cada un dos candidatos e candidatas.
5. A cualificación do proxecto de dirección será a media aritmética das cualificacións de todos os membros presentes da comisión. Cando entre as puntuacións outorgadas polos membros da comisión exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, e calcularase a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.
6. Contra as puntuacións outorgadas pola comisión de selección poderá presentarse reclamación ante a propia comisión no prazo de dez días hábiles computados a partir do día seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios do centro educativo.
Oitavo. Selección das candidaturas
1. Transcorrido o prazo de reclamacións e, se é o caso, resoltas estas, a comisión de selección establecerá a puntuación final obtida polos aspirantes e seleccionará a candidata ou candidato que proporán como directora ou director do centro, para o seu nomeamento pola xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
2. Para poder ser seleccionado e ser nomeado para a Dirección é necesario obter polo menos seis puntos no proxecto de dirección.
3. No caso de se produciren empates na puntuación total dos aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:
a) Maior puntuación no proxecto de dirección.
b) Maior puntuación na epígrafe 2 do baremo.
c) Maior puntuación na epígrafe 1 do baremo.
4. Se unha candidata ou candidato resulta seleccionado para dous centros, resultará nomeado no centro en que tivese destino definitivo. De non ter destino definitivo en ningún dos centros, será nomeado no centro polo que opte, e procederase a seleccionar e nomear no centro non elixido a outra ou outro aspirante que reúna os requisitos con maior puntuación.
Noveno. Recursos
Contra a decisión da comisión de selección, que resolve definitivamente o concurso de méritos de selección e nomeamento da Dirección do centro, cabe recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Décimo. Nomeamento
1. A xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procederá a nomear directora ou director a persoa proposta pola comisión avaliadora.
2. Os nomeamentos das direccións realizaranse con efectividade do 1 de xullo de 2014 e por unha duración de catro anos, prorrogables de acordo co previsto no artigo 136 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, segundo a redacción dada pola Lei 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.
3. Cando o nomeamento recaia nunha funcionaria ou funcionario que non teña destino definitivo no centro, a Dirección desempeñarase en réxime de comisión de servizos.
Décimo primeiro. Nomeamento con carácter extraordinario
Nos supostos de ausencia de candidatos, ou cando a comisión correspondente non seleccione ningún candidato, ou nos centros de nova creación, a Dirección será nomeada pola xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, oídos o Claustro de Profesores e o Consello Escolar, por un período de dous anos, entre o profesorado que reúna os requisitos establecidos na epígrafe segunda desta orde.
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2014
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria