Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 9 de abril de 2014 Páx. 15977

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2014 pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución, se declara a utilidade pública, e se declara a prevalencia sobre a concesión mineira Monte Fabeira núm. 2360 de Minas de Bandeira, S.A., da instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT A do Breixa, no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra), promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2002/280-4).

Antecedentes de feito.

1. O 28.1.2003 a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Industria e Comercio ditou a resolución pola que se autorizou e se aprobou o proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT A do Breixa, promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2002/280-4).

2. O 21.2.2007 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou a sentenza 00215/2007, sobre o recurso contencioso-administrativo nº 7953/2003 e 8202/2003 (acumulado) presentado por Minas de Bandeira, S.A., como titular da concesión mineira Monte Fabeira, nº 2360, afectada pola citada instalación eléctrica.

Nesta sentenza acórdase a retroacción do expediente IN407A 2002/280-4, da citada instalación eléctrica, ao momento anterior á Resolución do 28.1.2003 citada no antecedente de feito anterior.

3. O 22.5.2009 a entidade mercantil Unión Fenosa Distribución, S.A. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración, en concreto, da utilidade pública da instalación eléctrica que a seguir se detalla:

– Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

– Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

– Denominación: LMT, CT e RBT A do Breixa.

– Situación: concello de Vila de Cruces (Pontevedra).

– Características técnicas:

• LMT aérea núa, a 15/20 kV, de 18 m de lonxitude, con condutor tipo LA-56, desde un apoio da LMT por 702-cruces ata o apoio HVH-1600/13 desde onde continúa con condutor forrado, tipo PAS-50 en 553 m de lonxitude, ata a liña subterránea que se proxecta.

• LMT subterránea, a 15 kV, de 658 m de lonxitude, con condutor RHZ, desde o final da LMT aérea forrada ata o CT que se proxecta na do Breixa, no concello de Vila de Cruces.

• Centro de transformación de 160 kVA, RT 15 kV-380/220 V.

• RBT subterránea, de 31 m de lonxitude con condutor RV.

4. O 14.7.2009 o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición indicada no antecedente de feito anterior.

Esta resolución publicouse o 31.7.2009 no Diario Oficial de Galicia, o 6.8.2009 no Faro de Vigo e o 17.8.2009 no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra e, así mesmo, estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Vila de Cruces desde o 3.8.2009 ata o 3.9.2009.

5. O 31.7.2009 a entidade mercantil Minas de Bandeira, S.A. presentou alegacións en que solicitaba un novo trazado da liña eléctrica, indicando que a zona de afección era maior que a indicada pola mercantil peticionaria e que o dereito mineiro debía prevalecer en todo caso.

6. O 30.9.2009 a mercantil peticionaria presentou alegacións en que solicitaba a mediación da Administración autonómica e comunicaba que, de non existir acordo previo, renunciaría á tramitación do expediente.

Posteriormente, o 23.11.2009 e o 9.2.2010, a mercantil peticionaria, logo dos requirimentos realizados pola Administración instrutora, presentou escritos aclaratorios sobre os dereitos afectados.

7. O 24.5.2010 o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria ditou resolución pola que se autorizou, se aprobou o proxecto de execución e se declarou, en concreto, a utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT A do Breixa, no concello de Vila de Cruces; que foi publicada o 25.6.2010 no Diario Oficial de Galicia e o 8.7.2010 no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra.

8. O 23.5.2011 a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou resolución pola que se acorda o seguinte:

– Declarar a nulidade de pleno dereito da resolución impugnada do 24.5.2010 do Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, así como da desestimación presunta do recurso de alzada contra ela;

– E ordenar á Administración que proceda á execución da sentenza de autos da maneira indicada na súa fundamentación xurídica, que considera as dúas opcións seguintes: variar o trazado da liña eléctrica para que non pase pola zona reservada na concesión mineira, se é posible; ou, de non poder buscarse unha fórmula de compatibilidade, declarar a prevalencia dunha e outra obra ou actividade (a eléctrica ou a mineira).

9. O 16.4.2013 os servizos técnicos da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiron informe de prevalencia por incompatibilidade entre a instalación eléctrica e a concesión mineira, no cal se consideran prevalentes os dereitos derivados da declaración da utilidade pública da instalación eléctrica LMT, CT e RBT A do Breixa sobre os dereitos derivados da utilidade pública da concesión mineira Monte Fabeira nº 2360, para os efectos de expropiación forzosa ou ocupación temporal dos terreos necesarios para a continuidade da explotación na zona onde se sitúa a instalación eléctrica.

Fundamentos de dereito.

1. A Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; e na Orde da Consellería de Economía e Industria do 26.7.2013 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia; coa Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas; co Real decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O informe de prevalencia por incompatibilidade entre a instalación eléctrica e a concesión mineira, emitido pola xefatura territorial o 16.4.2013, a que se fai referencia no antecedente de feito noveno desta resolución, di o seguinte:

«Con data do 23 de maio de 2011 a Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou auto cuxa parte dispositiva dispón: “Declárase a nulidade de pleno dereito da resolución impugnada do 14 de maio de 2010, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, así como da desestimación presunta do recurso de alzada contra ela, e ordénase á Administración que proceda á execución da sentenza de autos da maneira indicada na fundamentación xurídica desta resolución xudicial».

Tendo en conta que na sentenza se declara incompatible a instalación eléctrica coa concesión da explotación mineira, emítese o seguinte informe de prevalencia a requirimento da Dirección Xeral de Industria.

«Fundamentos do informe de prevalencia:

O informe de prevalencia que se emite ten como fundamentos as seguintes consideracións:

1. A incompatibilidade entre as utilidade públicas da instalación eléctrica e da concesión de explotación mineira recoñecida é declarada na sentenza do 23 de maio de 2011 da Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. Antecedentes da concesión mineira.

3. Antecedentes da instalación eléctrica.

4. Situación de feito, na actualidade, da concesión mineira e da instalación eléctrica.

5. Grao de afección da instalación eléctrica á concesión mineira.

No relativo ao punto 1, xa se comentou anteriormente que existe unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza que para o caso deste informe non é procedente nin necesario comentar ou avaliar.

Antecedentes de concesión mineira:

A concesión de explotación Monte Fabeira nº 2360 foi titulada pola Dirección Xeral de Industria e Enerxía o 6 de outubro de 1983 a favor da sociedade Graveras del Río Deza, S.L., sobre unha superficie de 10 cuadrículas mineiras referidas ao meridiano Madrid, sitas nos termos municipais de Vila de Cruces e Silleda (Pontevedra), para a explotación de serpentina, cuarzo, estaño e wolframio, por un período de 30 anos, prorrogables por períodos iguais de ata un máximo de 90 anos.

Por resolución do 30 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, autorizouse a transmisión dos dereitos mineiros da citada concesión a favor da sociedade Minas de Bandeira, S.A., que exerce desde entón como titular e explotadora da concesión mineira.

Por Resolución do 20 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, resolveuse outorgar a demasía da concesión de explotación Monte Fabeira nº 2360, co cal a superficie total da concesión, engadindo a demasía, é de 4.482.024,7 m2 (448,2 hectáreas) definida polas seguintes coordenadas UTM (ED 50):

Punto 1

X= 559.302,10

Y= 4.736.477,64

Punto 2

X= 559.536,15

Y= 4.736.479,66

Punto 3

X= 559.530,83

Y= 4.737.096,59

Punto 4

X= 556.804,22

Y= 4.737.073,61

Punto 5

X= 556.819,45

Y= 4.735.222,81

Punto 6

X= 557.274,01

Y= 4.735.226,56

Punto 7

X= 557.272,88

Y= 4.735.362,29

Punto 8

X= 559.311,53

Y= 4.735.379,50

A concesión mineira conta con dúas plantas de trituración e clasificación de granulados para a construción cunha capacidade de produción no seu conxunto da orde das 1.800 t/día.

Esta concesión mineira desde 1992 explotouse en concentración de traballos ou agrupación mineira coa concesión de explotación Ampliación a Monte Fabeira, nº 2368, colindante con esta e tamén da titularidade de Minas de Bandeira, S.A., formando o denominado Grupo Mineiro Fabeira. Na actualidade esta agrupación continúa en vigor por resolución do 26 de xuño de 2008 da Dirección Xeral de Industria.

A serpentina é o recurso de maior interese, o cal se explota a ceo aberto e realízase en ladeira, mediante banqueo descendente e comercialízase fundamentalmente en forma de balastro para a súa utilización en vías férreas, e tamén en forma de area para a construción, fabricación de formigón e firmes, e para mesturas bituminosas como aglomerado asfáltico.

A produción media dos cinco últimos anos do Grupo Mineiro Fabeira, segundo consta nos plans de labores, estivo en arredor das 470.000 toneladas/ano vendibles de granulados en todos os seus tamaños.

Con data 18 de outubro de 2010 Alfredo Vallo Costoya, como administrador da sociedade Minas de Bandeira, S.A. solicitou a primeira prórroga sobre a vixencia da concesión de explotación Monte Fabeira nº 2360 da provincia de Pontevedra, a cal conclúe, segundo o seu título concesional, o 6 de outubro de 2013. Xunto coa solicitude achega proxecto xustificativo da explotación para outro período de trinta anos, plan de restauración e planos.

Na solicitude desta primeira prórroga da concesión Monte Fabeira nº 2360 Minas de Bandeira, S.A. demostra a existencia do recurso (serpentina, cuarzo e granito) e as súas reservas e neste novo período de trinta anos pretende dar continuidade aos labores de explotación de serpentina e cuarzo nas zonas xa incluídas no inicio da explotación e que corresponden a terreos situados no concello de Silleda.

A petición de prórroga recibiu informe favorable desta xefatura territorial de Economía e Industria á Dirección Xeral de Industria con data 20 de xuño de 2012.

Antecedentes da LMT, CT, RBT A do Breixa:

O 22 de marzo de 2009, Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou unha solicitude co obxecto de que se lle concedese a declaración de utilidade pública á instalación LMT, CT, RBT A do Breixa, no concello de Vila de Cruces, como unha obra correspondente ao Plan Mega (Act.6001) que ten como finalidade a mellora da subministración de enerxía eléctrica ao lugar da do Breixa.

As características desta instalación son:

– LMT a 15KV.

– CT con relación 15.000/380-220V a 160 kVA.

– O tramo de liña subterránea a media tensión dentro do perímetro da concesión mineira é de 360 m, canalizados en gabia de 0,2 × 0,8 m.

O 14 de xullo de 2009, a Xefatura Territorial someteu a información pública a petición de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública.

O 14 de maio de 2010, a Xefatura Territorial dita resolución pola que se aproba o proxecto de execución e se declara en concreto a utilidade da instalación eléctrica LMT, CT, RBT A do Breixa, considerando a inexistencia de afección nin incompatibilidade coa concesión mineira.

Como se indicou no parágrafo primeiro deste escrito, en sentenza do 23 de maio de 2011 pola Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, declárase a nulidade de pleno dereito da Resolución do 14 de maio de 2010.

Situación de feito, na actualidade, da concesión mineira e da instalación eléctrica:

A concesión mineira hoxe está en actividade e o seu titular Minas de Bandeira, S.A. vén cumprindo de forma regular cos plans de labores anuais presentados e aprobados por esta xefatura territorial, que desenvolve toda a súa actividade de explotación e tratamento dos recursos mineiros no concello de Silleda.

Minas de Bandeira, S.A. na súa proposta de explotación para os seguintes trinta anos de prórroga na vixencia da concesión, segundo o proxecto presentado nesta xefatura territorial, non ten previsto realizar traballos de explotación na zona do trazado da instalación eléctrica na do Breixa.

En canto á LMT, CT, RBT A do Breixa, a súa situación de feito é que está en servizo desde a súa autorización, e abastece de enerxía eléctrica o lugar da do Breixa e, máis concretamente, unha industria gandeira.

Grao de afección da instalación eléctrica á concesión mineira:

Segundo as pretensións de explotación da empresa mineira, en trinta anos non se ten previsto explotar fóra da zona delimitada no seu proxecto de prórroga de vixencia da concesión (zona situada no concello de Silleda), polo que nese sentido e nese tempo non existiría prexuízo para a continuidade dos traballos extractivos da concesión.

Conclusión:

Tendo en conta o artigo 52 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, e o artigo 140 do Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, polos que a instalación da subministración eléctrica (como servizo esencial) poden ser declaradas de utilidade pública no que atinxe á xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume.

Considerando todo o argumentado no caso que nos ocupa e entendendo que son escasas as posibilidades de que a explotación da concesión mineira poida verse condicionada ou limitada pola instalación eléctrica, considéranse prevalentes, os dereitos derivados da declaración da utilidade pública da instalación eléctrica LMT, CT, RBT A do Breixa, sobre os dereitos derivados da utilidade pública da concesión mineira Monte Fabeira nº 2360, para os efectos de expropiación forzosa ou ocupación temporal dos terreos necesarios para a continuidade da explotación na zona onde se sitúa a instalación eléctrica».

3. Para os efectos de cumprir co ordenado pola resolución xudicial do 23.5.2011, e segundo o disposto no citado informe de prevalencia emitido pola Xefatura Territorial o 16.4.2013, cómpre declarar a prevalencia da liña eléctrica LMT, CT e RBT A do Breixa de Unión Fenosa Distribución, S.A. sobre a concesión mineira Monte Fabeira, nº 2360, de Minas de Bandeira, S.A.

Por todo o exposto,

PROPONSE:

1. Autorizar administrativamente a instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT A do Breixa, no termo municipal de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica citada.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica citada, que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

4. Declarar a prevalencia da instalación eléctrica citada sobre a concesión mineira Monte Fabeira, nº 2360, pertencente a Minas de Bandeira, S.A.

Ángel Bernardo Tahoces

Director xeral de Enerxía e Minas».

Vista a proposta de resolución que antecede, dou a miña conformidade nos termos expostos e elévoa a resolución.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2014

P.D. (Orde do 26.7.2013; DOG nº 154, do 13 de agosto)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria