Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 14 de abril de 2014 Páx. 16875

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 1 de abril de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do PXOM de Curtis (A Coruña) no ámbito da igrexa de Fisteus para a redelimitación da dotación de cemiterio en solo de núcleo rural.

O Concello de Curtis remite a modificación puntual nº 4 do PXOM de Curtis, no ámbito da igrexa de Fisteus, para a delimitación da dotación de cemiterio en solo de núcleo rural, datada en agosto 2013 e subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira, e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Curtis e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Curtis conta cun PXOM aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes no 19.9.2007.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental acordou o 22.7.2013 non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. O servizo xurídico municipal emitiu informe o 28.8.2013 e o servizo técnico o 3.9.2013 (artigo 85.1 LOUG).

4. A modificación non precisou ter o informe previo á aprobación inicial correspondente ao artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do disposto no artigo 93.4 da LOUG.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 23.9.2013; que foi sometida a audiencia dos concellos limítrofes e a información pública dous meses (El Correo Gallego e La Opinión da Coruña do 25.9.2013, e DOG do 27.9.2013). Non se presentou ningunha alegación, segundo certificación municipal do 10.12.2013.

6. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe favorable o 12.11.2013.

7. A modificación foi aprobada provisoriamente por acordo do Concello en Pleno do 20.12.2013.

II. Análise e consideracións.

1. A modificación afecta 8.021 m2 de solo de núcleo rural común (segundo a disposición transitoria 1ª da LOUG e aparece no PXOM como expansión de núcleo rural).

2. A modificación puntual vén motivada pola necesidade da ampliación do cemiterio parroquial, ocupado na práctica totalidade da súa capacidade. O PXOM actualmente cualifica o cemiterio e o espazo estremeiro como equipamento local existente de carácter público de uso «cemiterio», o que non se axusta ao carácter privado do cemiterio (diocese de Santiago de Compostela) nin permite a súa ampliación.

3. Para recoñecer o carácter privado do cemiterio e posibilitar a súa ampliación, a modificación cualifica unha parte menor da superficie destinada a equipamento local (1.694 m2) como equipamento privado destinado a cemiterio, mantendo o resto (6.144 m2) como equipamento local público de uso xeral. Tamén se amplía a vía pública existente de acceso ao cemiterio, de 134 a 213 m2 e se exclúe da cualificación actual de dotación local de equipamento público, pasando a sistema local viario.

III. Observacións.

Considérase que a modificación está motivada en razóns de interese público (artigo 94.1 da LOUG) e non se encontran obxeccións contra ela.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 4 do PXOM de Curtis, no ámbito da igrexa de Fisteus para a redelimitación da dotación de cemiterio en solo de núcleo rural, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas