Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 14 de abril de 2014 Páx. 16878

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de abril de 2014 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para proxectos de investigación desenvolvidos por investigadores emerxentes do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 2 – Consolidación de grupos de referencia, a liña de actuación 2.4. Apoio a proxectos de investigación. Nesta liña explícase que o financiamento da actividade investigadora no ámbito autonómico debe deixar atrás o modelo baseado no financiamento dos grupos por acumulación de pequenos proxectos de investigación, para pasar a un novo modelo en que os grupos reciben un financiamento estrutural baseado en principios de calidade e eficiencia, e fundamentado nun proceso de avaliación continua.

Por iso, o financiamento de proxectos de investigación debe converterse nun instrumento secundario do plan, limitado a aqueles grupos e investigadores que aínda estean en etapas iniciais do seu desenvolvemento. Os grupos máis sólidos teñen a opción de acudir a convocatorias de ámbito estatal e europeo, en que poden ser suficientemente competitivos, de maneira que contribúan a incrementar os retornos obtidos polo Sistema galego de I+D+I.

Deste xeito, o financiamento de proxectos queda circunscrito aos investigadores que defendesen as súas teses de doutoramento nos últimos 12 anos, que están integrados en grupos de investigación de maior entidade e traballan en liñas de investigación diferenciadas e que teñan experiencia posdoutoral fóra de Galicia.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por iso, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o liderado das mulleres nas propostas presentadas.

Atendendo a estas consideracións, e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede a esta convocatoria para o ano 2014, en liña coas accións que se recollen no Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015.

Polo que antecede esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria establece as condicións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o acceso no ano 2014 ás axudas para a realización de proxectos de investigación por parte de investigadores emerxentes do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as universidades do Sistema universitario de Galicia, que as destinarán a aqueles dos seus investigadores que cumpran as seguintes condicións:

– Ter actualmente vinculación cunha universidade do SUG mediante as modalidades de profesor titular, profesor contratado doutor, profesor axudante doutor, contratado Parga Pondal, contratado Ramón y Cajal ou contratado Marie Curie (neste último caso sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia do proxecto).

– Que a defensa da súa primeira tese de doutoramento teña unha antigüidade inferior a 12 anos, contados desde a data de defensa ata o momento da solicitude desta axuda.

– Acreditar experiencia investigadora posdoutoral superior a 24 meses en centros de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando o investigador teña vinculación temporal co SUG, só poderá solicitar proxectos con duración igual ou inferior ao tempo que lle reste de contrato. Non se admitirán proxectos cunha duración inferior a 12 meses.

O investigador candidato á axuda, que será o responsable do proxecto, contará para o seu desenvolvemento cun equipo de investigación formado por un mínimo de dúas persoas (sen contar o investigador principal). Este equipo deberá cumprir as seguintes condicións:

– As tres persoas que forman o equipo mínimo deben prestar servizos no Sistema universitario de Galicia durante a vixencia do proxecto. Non se exixe este requisito para os demais membros do equipo.

– Só un de todos os membros do equipo poderá ter categoría de profesor titular de universidade ou de escola universitaria. Ningún membro do equipo poderá ter categoría de catedrático.

– Os estudantes predoutorais poderán ser membros do equipo, sempre que exista unha vinculación co SUG mediante contrato ou matrícula.

Artigo 3. Contía e conceptos subvencionables

A contía máxima da axuda concedida por proxecto será de 100.000 euros. O proxecto terá unha duración máxima de 3 anos (4 anualidades), contados desde o momento da solicitude.

Os importes das axudas irán destinados a financiar os seguintes conceptos, sempre que se relacionen co proxecto:

a) Persoal contratado especificamente para colaborar con dedicación total ou parcial nas actividades de investigación do proxecto. O persoal que se contrate non poderá ter outro contrato vixente coa universidade que exixa dedicación a tempo completo.

b) Equipamento científico-técnico e material bibliográfico indispensable para a realización do proxecto. O equipamento científico-técnico e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo a que pertence o/a investigador/a principal do proxecto. Ao material inventariable seralle de aplicación o disposto no artigo 29 da Lei 9/2007, e para estes efectos o período de afección dos bens, respectivamente, en cinco anos para os bens inscritibles nun rexistro público, e dous anos para os restantes bens.

c) Material funxible. O material de oficina ou informático non poderá exceder o 5% da cantidade concedida.

d) Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto, sempre que a contía non exceda o 25 % da cantidade concedida.

e) Axudas para a realización de estadías de investigación necesarias para acadar os obxectivos do proxecto, sempre que a contía non exceda o 20 % da cantidade concedida.

g) Outros gastos (especificaranse na memoria descritiva).

h) Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente exixe a universidade ao grupo destinatario, que non superarán o 20 % da axuda concedida. Desa porcentaxe, 5 puntos destinaranse a financiar as subscricións de cada universidade ás publicacións electrónicas.

En ningún caso se permitirá a subcontratación, entendida esta nos termos en que aparece definida no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Atendendo ao establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 €, sen IVE, no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

Artigo 4. Formalización e presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación no DOG da orde de convocatoria. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade o establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

O formulario da solicitude (anexo I) estará dispoñible na dita sede electrónica da Xunta de Galicia e os formatos da memoria descritiva e das certificacións da universidade, que deben achegarse coa solicitude, están dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/3158.

Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario admitirase o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede do representante legal.

Para a tramitación electrónica do presente procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas universidades solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse ao teléfono de información 012.

A solicitude irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. A memoria descritiva da proposta irá asinada polo investigador principal do proxecto.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto de investigación segundo o formato obrigatorio incluído na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/3158, asinada polo investigador principal do proxecto.

b) Certificados emitidos pola universidade a que pertence o solicitante, que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 desta convocatoria. Unha vez superado o proceso de selección e antes da resolución de concesión das axudas, os solicitantes seleccionados deberán remitir á Consellería os comprobantes dos méritos certificados. En caso de detectarse falsidade nalgún mérito, a Consellería adoptará as oportunas medidas legais. O modelo obrigatorio de certificado está ao dispor das universidades na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/3158.

c) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou polos seus organismos ou sociedades, consonte o documento que se inclúe no modelo de memoria, asinada polo coordinador do grupo de investigación destinatario da axuda.

d) Certificación de que o solicitante que desenvolva investigación con animais ten toda a documentación exixida pola lexislación, asinada polo representante legal da universidade.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios, investigadores principais dos proxectos e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e investigadores e da súa publicación na citada páxina web.

De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, poderá ser substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

Artigo 5. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Os servizos da Secretaría Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán, o vixésimo quinto día posterior ao remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/3158.

Esta lista estará exposta durante dez días hábiles, e os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Artigo 6. Panel de avaliadores e comisión de selección

A selección das solicitudes que recibirán a axuda será realizada mediante un panel de avaliadores e unha comisión de selección.

O panel de avaliadores estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia propostos e aprobados pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), e cubrirán os diferentes ámbitos temáticos da convocatoria (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñería e Arquitectura; Ciencias da Saúde). A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica dos candidatos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade do proxecto proposto de acordo cos obxectivos de convocatoria.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

– O titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue, que actuará como presidente da comisión.

– Serán vogais da comisión:

• Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo presidente da comisión de selección.

• O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

• O/a xefe do Servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

Artigo 7. Avaliación e selección

A selección dos proxectos destinatarios das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas polo panel de avaliadores e pola comisión de selección.

O panel poderá asignar ata un máximo de 90 puntos a cada solicitude, de acordo cos seguintes criterios de avaliación:

a) Calidade científico-técnica do proxecto (máximo 30 puntos): relevancia e novidade científica dos obxectivos en relación co estado de coñecemento da área; viabilidade das hipóteses, adecuación da metodoloxía e técnicas instrumentais.

b) Viabilidade do proxecto (máximo 15 puntos): deseño e plan de traballo da investigación; adecuación dos recursos humanos e materiais ao plan de traballo.

c) Capacidade científico-técnica do equipo de investigación para a realización do proxecto, contribucións recentes relacionadas co tema do proxecto e a traxectoria do investigador emerxente que solicita a axuda (máximo 45 puntos). Teranse en conta só os méritos posteriores ao 1 de xaneiro de 2011:

c.1) Capacidade de formación de novos investigadores (teses de doutoramento dirixidas polos membros do equipo. Nº contratados pre e posdoutorais, procedentes de convocatorias competitivas). Puntuación máxima: 5 puntos.

c.2) Proxectos de convocatorias de ámbito autonómico, estatal e internacional. Puntuación máxima: 12 puntos.

c.3) Contratos e convenios con empresas ou institucións. Puntuación máxima: 5 puntos.

c.4) Produción científica (artigos e libros). Puntuación máxima: 17 puntos (+ 3 puntos adicionais nos de grupos de Humanidades e Arte ou de Ciencias Sociais e Xurídicas)

c.5) Patentes en explotación. Puntuación máxima: 3 puntos. En caso de grupos de Humanidades e Arte ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, estes puntos acumularanse ao punto anterior (produción científica).

c.6) Empresas creadas a partir de resultados de investigación do grupo. Poderán ser empresas creadas antes do 1 de xaneiro de 2011, sempre que teñan actividade probada desde esa data ata o momento da solicitude. Puntuación máxima: 2 puntos.

c.7) Liderado feminino. Puntuación: 1 punto.

A valoración farase chegar á comisión de selección, que elaborará a proposta de resolución de acordo coa orde de convocatoria, as avaliacións correspondentes e a dispoñibilidade de recursos.

Esta comisión poderá conceder ata 10 puntos a cada solicitude, tendo en conta os seguintes criterios:

– Pertenza do grupo a unha área prioritaria ou de especialización da súa universidade. En caso de que a universidade non achegue esta priorización, aplicaranse as priorizacións derivadas da Estratexia estatal de ciencia, tecnoloxía e innovación ou da Estratexia RIS3 de Galicia (ata 5 puntos).

– Participación no equipo de investigadores dos campus periféricos, isto é, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Ourense. Se todo o equipo pertence a un destes campus, 5 puntos; se algún membro pertence a estes campus, 1 punto.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles. Para garantir que as propostas financiadas teñan un nivel de calidade que poida ser considerado de referencia, só poderán recibir as axudas establecidas nesta convocatoria aquelas solicitudes que obteñan unha puntuación total igual ou superior a 60 puntos.

A porcentaxe de axudas concedidas para cada ámbito de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñería e Arquitectura; Ciencias da Saúde) non será inferior ao 15 % das axudas concedidas, sempre que o número de solicitudes o permita. O 25 % restante será distribuído por puntuación con independencia da área de coñecemento a que pertenza.

Artigo 8. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería. A comisión de selección elevará a proposta de resolución que incluirá a relación de candidatos seleccionados e a lista de reserva ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de cinco meses, contados desde a publicación da presente orde. A non resolución en prazo faculta os interesados para entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polos interesados mediante recurso potestativo de reposición ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Os asinantes das solicitudes denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que sexa obxecto de recurso.

Os beneficiarios deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades un escrito de aceptación da axuda no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. A non aceptación da axuda no prazo indicado implicará a renuncia á axuda, e procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A aceptación da axuda supón a publicación na lista de beneficiarios e investigadores prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión.

Artigo 9. Libramento da subvención

A subvención será librada á universidade solicitante a que pertenza o investigador principal do proxecto, conforme a resolución de concesión e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente expida, na data límite do 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate:

– Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento.

– Informe de seguimento, asinado polo investigador principal do proxecto, no cal se detalle o logro dos obxectivos do proxecto. Este informe poderá ser anual ou final. O informe final deberá ser entregado en formato papel e dixital, e irá acompañado das separatas ou documentos que amosen os resultados xerados polo proxecto.

– Declaración complementaria relativa ao conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes;

Para poder facer o pagamento da subvención, de conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social, será substituída por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 10. Difusión de resultados

Os traballos e os resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, no momento da súa publicación, deberán facer constar a referencia específica da axuda recibida, e remitirán á Secretaría Xeral de Universidades un exemplar das correspondentes publicacións.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

As axudas concedidas serán compatibles con outras axudas ou subvencións, de acordo co establecido na normativa aplicable, coas excepcións que se indican a seguir:

a) Cando o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concordancia con outras, supere o custo elixible da actividade subvencionada. Por iso, cando a entidade beneficiaria ou o grupo de investigación reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá de poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

b) Cando calquera dos membros do equipo sexa titular dunha axuda vixente do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Cando calquera dos membros do equipo fose destinatario desta mesma axuda nas convocatorias do 2012 e 2013.

d) Cando o investigador teña concedida outra axuda en que os mesmos gastos sexan cofinanciados por fondos procedentes do mesmo ou outro instrumento financeiro comunitario.

Artigo 12. Incumprimento, renuncias, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios e investigadores principais das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que o beneficiario ou o investigador principal renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. En particular, poderá someter a todos os beneficiarios e destinatarios das axudas desta convocatoria a unha avaliación final, no prazo de seis meses contados desde a data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control sobre os fondos de cohesión e, en particular, do Feder.

Artigo 14. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.40.561B.744.3 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na cal existe crédito adecuado e suficiente. As cantidades, que aparecen desagregadas no cadro seguinte:

Crédito (euros)

2014

2015

2016

2017

500.000 €

1.000.000 €

1.000.000 €

500.000 €

Dado que o financiamento destas axudas procede do Plan de Financiamento do SUG 2011-2015, as anualidades do 2016 e 2017 integraranse no novo Plan de Financiamento para os anos seguintes.

Disposición derradeira primeira

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file