Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 22 de abril de 2014 Páx. 18232

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2014 pola que se aproban as bases de subvencións á asistencia ao MICSUR (Mercado de Industrias Culturais do Sur) e se convocan para 2014.

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para a asistencia ao MICSUR (Mercado de Industrias Culturais do Sur), en Mar del Plata, Arxentina, no ano 2014.

A finalidade da presente convocatoria é o fomento da internacionalización das industrias culturais galegas, en especial en mercados con vínculos culturais comúns con Galicia, como é o mercado de América do Sur.

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e dos seus organismos dependentes.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.

e) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, supletoriamente:

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

g) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Beneficiarios

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado, con ou sen ánimo de lucro, dedicadas profesionalmente á produción ou distribución de bens ou servizos culturais, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, con establecemento operativo en Galicia, que asistan como invitados ao mercado MICSUR, Mercado de Industrias Culturais do Sur.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

Terceira. Orzamento e imputación de créditos

Destínase un total de 20.000 euros, 10.000 euros da aplicación orzamentaria 09.A1.432B.470.0, e 10.000 euros da aplicación orzamentaria 09.A1.432B.481.0. Ao estar distribuída a contía total máxima das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta. Contía e gastos subvencionables

A contía máxima das subvencións será do 50 % dos gastos subvencionables, cun límite de 1.000 euros por entidade.

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se inclúan entre os seguintes: viaxes de avión, aloxamento e mantenza durante un máximo de 6 días, e tendo en conta os seguintes máximos na adxudicación:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Gastos de avión, un máximo de 700 euros por persoa.

Quinta. Inicio do procedemento: solicitudes e presentación das instancias

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Sexta. Prazos para a presentación das solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta, non se achegar a documentación exixida ou non se reuniren os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Sétima. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ás solicitudes dos interesados xuntaránselles os documentos e informacións previstos no parágrafo seguinte, salvo que a documentación exixida xa estivese en poder da Agadic; neste caso, o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, e quedará eximido da súa presentación, sempre que así o faga constar e especifique a data e o órgano ou a procedencia en que foron presentados ou emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan; todo isto de conformidade co estipulado no artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Ademais da solicitude, os interesados nestas subvencións presentarán a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

1º. DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos.

2º. Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na
epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual, se é o caso.

3º. Se o solicitante é unha persoa xurídica privada, orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada do NIF ou documento equivalente, orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda e documentación que acredite de forma suficiente a representación e identidade de quen asina a solicitude, xunto co certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

4º. Declaración comprensiva de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou doutros entes públicos e privados, así como das axudas concedidas en réxime de minimis ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outros ingresos ou subvencións (anexo I).

5º. Documentación específica requirida:

– Anexo II (ficha de distribución) debidamente cuberto e asinado.

– Invitación da organización do MICSUR a participar no mercado.

A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presente deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte do interesado comportará a autorización automática á Agadic para que esta poida solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente tal consentimento mediante escrito presentado ante o órgano xestor, e debe presentar, neste caso, os certificados indicados nos termos previstos regulamentariamente.

4. O/A solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos (anexo I). No caso de que o solicitante non queira autorizar a Agadic para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Oitava. Procedemento de concesión das subvencións: instrución

1. A presente convocatoria tramitarase mediante un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola Dirección da Axencia, elevándose á presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvencións nestas modalidades examinaranse, e serán outorgadas, sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria, por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no Rexistro da Agadic. A Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario non serán outorgadas novas subvencións, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

2. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultar de obrigado cumprimento.

3º. Formular o informe-proposta de resolución, debidamente motivado, e proceder á súa elevación á Presidencia do Consello Reitor da Agadic, para a súa resolución.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Novena. Resolución da convocatoria

1. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, como órgano xerárquico superior responsable da resolución definitiva da convocatoria de subvencións, deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación do informe-proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes.

2. A súa notificación ás persoas adxudicatarias da subvención cursarase no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da súa adopción. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se ditase ou publicase resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo da solicitude de concesión da subvención.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décima. Pagamento e xustificación. Documentación requirida

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre que se acredite a asistencia ao MICSUR, e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións: ata o 80 % da subvención concedida. O importe restante aboarase despois da acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación e memoria económica. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE.

b) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Non se admitirán pagamentos en efectivo.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe.

4. O prazo de xustificación da subvención percibida rematará o día 15 de xuño de 2014. Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

5. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e con Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

6. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo III).

Décimo primeira. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación, deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas ou non solicitadas poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

Décimo segunda. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2014

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file