Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 2014 Páx. 18579

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 45/2014, do 10 de abril, de aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM de Carballeda de Avia, para a delimitación do núcleo rural do Cando.

1. O Concello de Carballeda de Avia remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia (artigo 95.4 da LOUG).

2. O Concello de Carballeda de Avia dispón actualmente vixente de Plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente o 21 de marzo de 2003, cunha modificación puntual aprobada definitivamente o 4 de decembro de 2006.

3. O 12 de xullo de 2012 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual, decisión publicada no DOG do 3.8.2012.

4. Constan informes técnico e xurídico, do 31 de xullo de 2012, favorables respecto da conformidade da modificación puntual coa lexislación vixente e da calidade técnica da ordenación proxectada.

5. O Pleno do Concello, en sesión do 11.6.2013, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia do 18.6.2013, e La Región do 19.6.2013, e no DOG do 20.6.2013. Durante o período de exposición non se presentou ningunha alegación.

6. Consta informe favorable, do 2.7.2013, da Deputación Provincial de Ourense.

7. Consta informe favorable, do 11.7.2013, da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

8. Consta informe favorable, do 15.11.2013, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, cunha serie de consideracións.

9. O Pleno do Concello, en sesión ordinaria do 28 de novembro de 2013, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

10. Consta informe, do 16.1.2014, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, sobre a non afectación pola modificación puntual de ningún ben pertencente ao patrimonio cultural de Galicia.

11. O ámbito de actuación é o núcleo rural do Cando, non incluído como tal no PXOM de Carballeda de Avia, afectando na súa maior parte, segundo o PXOM vixente (folla 5-14 do plano de ordenación xeral, estrutura xeral e orgánica do territorio) a solo rústico de protección de cultivos; e puntualmente a solo rústico de protección paisaxística e forestal.
A superficie total do ámbito é de 50.200 m2.

12. O obxecto da modificación puntual é a delimitación e ordenación normativa do núcleo rural do Cando, en concordancia co establecido na disposición transitoria primeira e) da Lei 2/2010.

13. No plano D4 superponse a delimitación proposta do núcleo rural do Cando sobre a ordenación correspondente do PXOM de Carballeda de Avia, indicándose as superficies afectadas das distintas categorías de solo.

14. No punto 7.2 da memoria xustifícase, conforme o establecido no artigo 13.1 da LOUG, que o núcleo do Cando é un asentamento identificable e diferenciado administrativamente nos censos e padróns municipais.

15. No punto 7.8 da memoria xustifícase, conforme establece o artigo 95.2 da LOUG, a perda de valores que fixeron merecentes a totalidade dos terreos incluídos no ámbito de actuación da modificación puntual da consideración de solo rústico de especial protección.

16. No plano D5, conforme establece o artigo 56.1 da LOUG, gráfase o trazado da rede viaria e a sinalización das aliñacións.

17. A memoria da modificación puntual tamén establece a ordenanza de aplicación ao ámbito de actuación en concordancia coas ordenanzas do solo de núcleo rural do PXOM de Carballeda de Avia.

18. Ao afectar a modificación puntual a solo rústico de especial protección, conforme o artigo 95.2 da LOUG, a modificación puntual someteuse ao informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que foi emitido en sentido favorable na súa sesión do 19 de marzo de 2013.

19. Detectados erros materiais, corríxese o documento, e tras o informe do arquitecto asesor municipal, someteuse á aprobación provisional do Concello Pleno do 28.3.2014.

De conformidade co disposto no artigo 95.4 da LOUG, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións de planeamento que teñan por obxecto a reclasificación de solo rústico de especial protección correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo, emitido na súa sesión do 19.3.2014.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 85.7 e 95.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia; co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 19.3.2014, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 4 de abril de 2014, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOM de Carballeda de Avia, no núcleo rural do Cando, para os efectos do previsto no artigo 95.2 e 95.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Disposición derradeira

Recursos. Segundo o disposto no artigo 85.11 da citada Lei 9/2002, contra este decreto non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, dez de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas